A finais do pasado novembro de 2020, cando a segunda vaga da pandemia do coronavirus comezaba a remitir, unha residencia de persoas anciás de Gondomar padeceu un intenso gromo da COVID-19, con contaxios en máis de 80 residentes e unha vintena de integrantes do seu cadro de persoal. Ao longo do mes de decembro, a residencia Vila do Conde notificou ao Sergas en torno a unha ducia de mortes de residentes que contraeran a COVID-19. Agora, máis de dous meses e medio despois, notifica ás autoridades que foron, cando menos, media decena máis.
Sanidade asegura que a residencia Vila do Conde non lle notificou ata febreiro estas cinco mortes acontecidas entre finais de novembro e principios de decembro
O pasado 12 de febreiro, na actualización do número de falecementos de persoas contaxiadas que a Consellería de Sanidade traslada á prensa, o parte diario incluíu outras catro mortes que se produciran nesta residencia de Gondomar entre finais de novembro e principios de decembro. Eran, concretamente, un home de 80 anos falecido o 29 de novembro, outro home de 92 anos finado o 3 de decembro e dúas mulleres de 89 e 90 anos que morreron o 7 de decembro.
Segundo Sanidade, estas mortes non foran comunicadas pola residencia ata o 11 de febreiro tras unha "advertencia" da Xunta. Tres días despois, o 15 de febreiro, Sanidade revelaba que a residencia Vila do Conde viña de transmitir outra notificación atrasada. Neste caso, dunha muller de 84 anos igualmente afectada polo brote da COVID-19 e que morrera o 28 de novembro.
Tres notificacións con demora nunha residencia intervida pola Xunta
Ese "atraso de notificación", aínda que non tan prolongado, admíteo tamén o Goberno galego na residencia Paz y Bien de Tui, centro propiedade dunha orde relixiosa que a propia Xunta decidiu intervir o 12 de xaneiro, cando acumulaba 66 casos da COVID-19. Segundo defendera daquela a entidade propietaria "non fomos intervidos por mala xestión", senón "porque o 95% do persoal de enfermaría está de baixa".
A residencia Paz y Bien de Tui notificou con varias semanas de atraso o falecemento de tres residentes que morreran no centro despois de que fose intervido pola Xunta tras un forte gromo do coronavirus
O mesmo 12 de febreiro, un mes despois da intervención, Sanidade daba conta de tres mortes de residentes contaxiadas que se produciran no propio mes de xaneiro. Eran tres mulleres de 99, 93 e 88 anos que mrreron os días 18, 17 e 16 de xaneiro, respectivamente. Segundo a Consellería, esa notificación tamén se produciu "tras seren advertidas pola Xunta".
Dende o comezo da pandemia, o Goberno galego vén indicando que os falecementos nas residencias son notificados polos propios centros. Despois, é o Sergas o que "valida" que se trata de mortes de persoas contaxiadas. A Xunta non ofreceu máis detalles sobre as causas destas prolongadas demoras.
Ata este 16 de febreiro, segundo os datos oficiais da Xunta, morreran tras contraer a COVID-19 777 persoas que vivían en residencias de persoas anciás ou con discapacidade. Delas, 352 morreron na propia residencia e as restantes 425, en residencias medicalizadas pola Xunta ou no hospital. Nas últimas semanas, de xeito paralelo á vacinación nestes centros, estase a percibir un notable descenso de falecementos coa COVID de persoas que viven nestas instalacións en Galicia.