Galicia conta nestes momentos con 19.842 prazas residenciais para persoas maiores, segundo as cifras oficiais publicadas recentemente polo IMSERSO relativas ao 31 de decembro do ano 2019. O número, inferior ao existente no ano 2010 (20.432), supón ademais que Galicia é unha das comunidades autónomas con menos prazas por habitante de todo o Estado, cun total de 2,83 por cada 100 persoas maiores de 65 anos, moi por debaixo da media española (4,22).
En Galicia os e as maiores de 65 anos pasaron de ser 619.708 no ano 2010 a 679.784 en 2020. A pesar diso, o número de prazas reduciuse: de 20.432 a 19.842
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais (ADYGSS) vén de publicar un informe a partir dos datos oficiais do IMSERSO no que alerta da carencia de prazas en moitos territorios, subliñando ademais o escaso número de prazas públicas en moitos deles. A ADYGSS denuncia que "o número de prazas residenciais para persoas maiores en España non se incrementou ao ritmo que esixe o crecemento da poboación maior de 65 anos". Unha análise que se pode concretar en Galicia, onde os e as maiores de 65 anos pasaron de ser 619.708 no ano 2010 a 679.784 en 2020. A pesar diso, o número de prazas reduciuse.
A OMS recomenda unha ratio mínima de 5 prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65 anos, un nivel que Galicia está moi lonxe (2,83) e que España tampouco acada (4,22)
A entidade lembra que a OMS recomenda unha ratio mínima de 5 prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65 anos, un nivel que Galicia está moi lonxe (2,83) e que España tampouco acada (4,22). A ADYGSS subliña que Galicia necesita engadir 14.902 prazas residenciais para chegar ao número recomendado pola OMS.
No Estado español tan só Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura e Asturias superan ese 5% e, de feito, Galicia é o terceiro territorio con menos prazas por habitante, só por diante de Murcia e da Comunidade Valenciana.
Galicia é a comunidade autónoma con menos prazas con financiamento público por habitante, a cifra máis baixa de todo o Estado: 1,16 por cada 100 persoas maiores de 65 anos
No seu informe a ADYGSS fai tamén fincapé no escaso número de prazas con financiamento público, "que son as que garanten o acceso a este servizo de todas as persoas que o necesiten", sinala a entidade. En Galicia estas prazas supoñen unicamente o 40% do total, contando as existentes nos centros de titularidade pública (4.657) e aquelas concertadas, con financiamento público nos centros de titularidade privada (3.225). Estas oito mil prazas con financiamento público supoñen unicamente 1,16 por cada 100 persoas maiores de 65 anos.
Galicia é a comunidade autónoma con menos prazas con financiamento público por habitante, a cifra máis baixa de todo o Estado. En cambio Castela e León ou Castela-A Mancha superan as 5 prazas públicas por 100 maiores de 65 anos e Aragón, Estremadura, Cantabria e Cataluña superan as 3.
Máis da metade dos grandes dependentes e dependentes severos solicitan unha residencia ou unha prestación económica vinculada para ser atendidos nun centro residencial
A ADYGSS lembra que existen milleiros de persoas que teñen recoñecido actualmente grao II e III de dependencia "e que están á espera de recibir algunha das atencións ás que teñen dereito". A entidade estima que "máis da metade dos grandes dependentes e dependentes severos solicitan unha residencia ou unha prestación económica vinculada para ser atendidos nun centro residencial". Máis de seis mil persoas agardan en Galicia polas prestacións e servizos ligados á Lei de Dependencia, aínda que a cifra é moi inferior á que se rexistraba nos últimos anos, pois a lista de espera chegou a superar as 30.000 persoas
Galicia é o territorio no que as prazas con financiamento público supoñen unha menor porcentaxe sobre o total. Son unicamente 4 de cada 10 (40,99%), por debaixo do 43,29% de Madrid e o 41,55% e moi lonxe da media española (62,32%). Castela e León supera o 80 por cento (80,46%) e País Vasco, Murcia e Castela-A Mancha achéganse ao 75%.
Galicia é o territorio no que as prazas con financiamento público supoñen unha menor porcentaxe sobre o total, unicamente o 40,99%, lonxe da media española (62,32%)
Varias destas comunidades autónomas cunha maior porcentaxe de prazas públicas son tamén os territorios que contan cun maior número de prazas totais, o que amosa que é a iniciativa pública que en maior medida garante unha rede suficiente de prazas residenciais.
Cómpre lembrar o crecemento experimentado nos últimos anos en Galicia por grandes grupos privados do sector, como DomusVi. E, en paralelo, a retirada de parte da iniciativa pública que existira anteriormente, como por exemplo Sogaserso, unha sociedade creada dende a Xunta no ano 2006, en tempos do Goberno da coalición de PSdeG e BNG, en cuxo accionariado participaba cun 45% o Goberno galego. No ano 2010, tras o retorno do PP ao poder, a Xunta abandonou Sogaserso e deixou a sociedade nas mans das caixas de aforro e, posteriormente, de DomusVi.
Os datos son moi semellantes aos que hai uns días facía públicos o IGE, que sinalaba que en Galicia había unicamente un 20% de prazas residenciais en centros de titularidade pública e unha cantidade semellante de prazas concertadas en centros de titularidade privada. E, igualmente, están en consonancia cos publicados hai uns meses por CC.OO., que no seu informe 'O sistema de atención á dependencia en Galicia: prestacións e emprego', no que demandaba un plan de choque "con recursos abondos" para reforzar o sistema de atención á dependencia en Galicia.
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais completa o seu informe lembrando que as residencias de maiores foron o espazo que máis sufriu os efectos da pandemia de Covid-19. Ao fío disto, a entidade fai fincapé nas "ratios de persoal coas que contan os centros residenciais de maiores, especialmente pensando na necesidade de incrementar a ratio de xerocultores/as e reformular as súas funcións e a súa remuneración".
A entidade reclama "un debate en profundidade sobre o modelo residencial" e fai fincapé nas ratios de persoal caos que contan os centros residenciais de maiores
A entidade reclama "un debate en profundidade sobre o modelo residencial" co obxectivo de "superar o modelo asistencialista e sobreprotector que aínda impregna estes centros, avanzando cara a modelos que ofrezan contornas íntimas, evitando a masificación e facilitando a convivencia e o desenvolvemento do proxecto vital de cada persoa desde a perspectiva de que estes centros son lugares para vivir e convivir-substitúen aos fogares familiares- e non centros sanitarios", sinala.