Unha residencia ourensá notificou a morte por COVID dunha anciá que se curou por un "erro de identificación"

Residencia de maiores Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar © Fundación San Rosendo

A residencia de maiores Os Gozos, propiedade da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, comunicou o pasado 13 de xaneiro a unha familia de Xove o falecemento pola COVID-19 da familiar que, xunto co seu marido, vive habitualmente no centro de maiores desta entidade na vila mariñá. A muller, R.B., xunto con outros residentes da residencia de Xove, o San Bartolomeu, fora traslada o 29 de decembro ao centro da provincia de Ourense previa comunicación ás familias tras un gromo de coronavirus no de Xove, igual que outros dez residentes -entre eles, o seu marido-.

A familia da muller falecida non soubo da súa morte e do funeral celebrado en Xove por mor da identificación errónea ata dez días despois, cando a anciá que se recuperou foi trasladada de volta á súa residencia de orixe

O pasado venres, 22 de xaneiro, a muller que fora identificada como falecida foi trasladada de volta á residencia de Xove xunto co home por superar a doenza. Foi tras ese retorno, como informou El Progreso, cando os parentes de R.B. souberon que a falecida non fora a súa familiar, a mesma pola que chegaran a desenvolver actos funerarios marcado polos protocolo do coronavirus, que implican que os ataúdes permanezan selados en todo momento. Quen finara fora a súa compañeira de cuarto, C., a cuxa familia se informara do proceso clínico de R. mentres, en realidade, os seus restos mortais foran trasladados a Xove.

Tras transcender estes feitos e as traumáticas circunstancias nas que se viron envoltas ambas familias, a Fundación San Rosendo sinala, nun comunicado emitido ao ser preguntada ao respecto, que a orixe da confusión de identidades estivo nun "erro de identificación, durante o traslado dende Xove ao Pereiro" entre as dúas mulleres, que "tiñan asignada a mesma habitación". Ese erro, abonda a entidade, "propiciou que se certificase o falecemento dunha delas, aínda que equivocadamente se lle asignou a identidade da súa compañeira".

Residencia San Bartolomeu, da Fundación San Rosendo en Xove, nunha imaxe de arquivo da propia entidade © Fundación San Rosendo

A Fundación San Rosendo subliña que estes feitos de "gravidade" non teñen "precedentes" entre "os máis de cen traslados que se realizaron dende o pasado decembro"

Sinala a Fundación San Rosendo que a residencia Os Gozos "dispón dun andar independente, con entradas e saídas de seu" que está "equipado con medios e persoal especializado" para "atender usuarios positivos de COVID-19". Esta, sinala, foi a razón para o traslado dos usuarios de Xove entre eles das dúas mulleres que foron obxecto deste "desafortunado incidente". Eses desprazamentos son realizados co visto e prace das consellerías de Política Social e de Sanidade, subliñan.

Admite a entidade que estes son feitos de "gravidade" e agrega que "non teñen precedentes", "Este é un feito puntual, de entre os máis de 100 traslados que se realizaron dende o pasado mes de decembro a Os Gozos", destacan.

A entidade asegura que está a "reforzar as medidas de control" tras o erro que propiciou a certificación legal da morte da residente que se recuperara, e non da muller que si falecera

Unha vez constatado "o erro", detalla a Fundación San Rosendo na súa explicación oficial sobre o acontecido, a entidade "procedeu inmediatamente a informar ás familias" e "enviou un escrito aos xulgados de Ourense e Viveiro para advertir dos feitos e iniciar os trámites para reparalos". Dada a notificación, foi certificado legalmente a morte da muller recuperada, e non da que si falecera a causa do virus.

Adicionalmente, mantén que está a "reforzar as medidas de control e seguimento dos usuarios que se trasladen dunha residencia á outra". "Tamén -afirman- incorporou unha identificación máis visual para as persoas maiores cando son trasladadas dun centro a outro para garantir o seu seguimento".

Na actualizada, segundo o Sergas, seguen rexistrándose dez positivos por coronavirus entre as persoas residentes na residencia San Bartolomeu, da Fundación San Rosendo en Xove. En total, con data de 24 de xaneiro, Sanidade informa de ata 466 persoas anciás que viven en residencias afectadas polo coronavirus. Nestes centros continúa o proceso de vacinación, que fornece a inmunidade días despois de ser subministrada a segunda dose.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.