O TSXG non ve razóns de urxencia para anular o peche da hostalaría pero pídelle á Xunta que xustifique a medida

Unha terraza dun local hostaleiro, nun establecemento en Galicia durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou este xoves suspender o peche da hostalaría decidido polo Goberno galego o pasado 26 de xaneiro. O tribunal rexeitou a solicitude de medidas cautelares urxentes realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña ao non aprezar a "urxencia" na que a entidade baseaba a súa demanda.

O tribunal rexeitou a solicitude de medidas cautelares urxentes realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña ao non aprezar a "urxencia" na que a entidade baseaba a súa demanda

En realidade o auto da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo non entra no fondo da demanda (a legalidade do peche) e ordena abrir unha peza separada e tramitar a cuestión de forma ordinaria, dando a oportunidade á Xunta a expoñer as razóns que levan a decidir a conveniencia de paralizar por completo a actividade da hostalaría para reducir así a propagación da pandemia de Covid-19 en Galicia.

Para demandar a "medida cautelarísima" da suspensión da orde da Xunta sen nin sequera dar a oportunidade ao Goberno galego de expoñer os seus argumentos, os hostaleiros alegaron “o estado extremo de debilidade económica que padece o sector" e tamén defenderon que o seu sector non é o "culpable da expansión do virus", cualificando as medidas de "inxustas" e "desproporcionadas" 

Terraza dun local de hostalaría Dominio Público

O auto non entra no fondo da demanda (a legalidade do peche) e ordena abrir unha peza separada e tramitar a cuestión de forma ordinaria

Porén, a sentenza destaca que “non corresponde axuizar agora” se a orde que se impugna incorreu “nas infraccións que a entidade recorrente aducirá no seu escrito de demanda”. Os xuíces subliñan que dado que o prexuízo que os hosteleiros sofren é “de índole económica”, este “non resulta ser de difícil ou imposible reparación, como parece corroboralo as axudas que se están ofertando pola Administración”.

A Sala tamén lembra que neste tipo de casos, nos que se solicita a adopción de medidas cautelarísimas, o Tribunal Supremo vén optando “por non apreczar as especiais razóns de urxencia, vinculando esta decisión á análise da natureza dos intereses en conflito e á indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública”. 

A sentenza do TSXG destaca a situación de crise económica que está a vivir o sector da hostalaría e esíxelle ao Goberno galego que explique as razóns que o levan a decretar un peche total

Os hosteleiros tamén quixeron empregar como argumento ao seu favor a recente sentenza ditada por un xuíz en Euskadi e que levou á suspensión das restricións que impuxera na hostalaría o Goberno vasco. A sentenza do TSXG non valora ese polémico ditame pero si destaca a situación de crise económica que está a vivir o sector da hostalaría. Ademais, esíxelle ao Goberno galego que explique as razóns que o levan a decretar un peche total, explicacións que -sinala- non figura na orde do pasado 26 de xaneiro: "cernar a liberdade de empresa (...) cando menos merece dun razoamento mínimo que explique o por que se ten que recorrer a medidas tan drásticas e por que se refugan tecnicamente medidas menos lesivas", sinalan os xuíces.

 

Proceso de desescalada das medidas

Este xoves o DOG publicou o segundo plan de rescate para hostalaría, autónomos e micropemes e que repartirá un total de 75 millóns de euros

O sector da hostalaría en Galicia leva semanas mobilizado contra o peche xeral decretado pola Xunta para conter a terceira onda da pandemia, iniciada a mediados de decembro e que provocou xa máis de 800 mortes en Galicia. Dende a Consellaría de Sanidade, como o Ministerio de Sanidade e a propia OMS destácase que as medidas de peche e limitación de actividade da hostalaría están a ser as máis efectivas para previr a expansión da enfermidade

Mobilización da hostalaría na praza do Obradoiro de Compostela CC-BY-SA Asociación Hostalaría Compostela

Este xoves o DOG publicou o segundo plan de rescate para hostalaría, autónomos e micropemes e que repartirá un total de 75 millóns de euros, 15 millóns reservados para a hostalaría e outros negocios pechados polas restricións. Dos outros 60 millóns tamén se reservan 10 millóns para aqueles negocios que durante a pandemia viron reducida a súa facturación nun 70% ou máis. Para acceder a esta axuda financeira establécese como requisito ter sufrido unha perda na facturación anual dun 45% ou máis.

Entre as accións que se poderían poñer en marcha está un sistema de rexistro de clientes para que quede constancia de todas as persoas que pasaron por un establecemento de hostalaría

A Xunta anunciou que a vindeira semana estudará a posibilidade de revisar as restricións que pesan para a hostalaría, o que podería dar paso a un proceso de desescalada gradual das medidas. Entre as accións que se poderían poñer en marcha está un sistema de rexistro de clientes para que quede constancia de todas as persoas que pasaron por un establecemento de hostalaría, facilitando así o rastrexo de contactos ante a aparición dun novo caso de Covid-19. Tamén se facilitará unha ferramenta para calcular o nivel de capacidade legalmente permitido e seguro. 

Ata agora non se ofreceron demasiados detalles concretos sobre a forma en que se levaría a cabo este proceso de rexistro, que podería empregar ferramentas tecnolóxicas como a instalación de códigos QR en cada establecemento para que cada cliente o rexistre co seu teléfono móbil. Esta fórmula, en todo caso, pode provocar unha fenda tecnolóxica coas persoas de maior idade, como xa foi sinalado hai uns días polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. 

A Policía Local será a responsable de asegurar o cumprimento das normas, tanto no relativo ás capacidades máximas permitidas, aos horarios de apertura e peche e ao respecto á distancia mínima de seguridade e o uso obrigatorio de máscara

Este xoves o Consello da Xunta aprobou un informe que dá conta dun Plan de colaboración coas policías locais para o cumprimento das medidas anticovid nos establecementos hostaleiros, que será estudado este venres na Comisión Galega de Cooperación Local cos membros da FEGAMP que a integran en representación das entidades locais de Galicia, concellos e deputacións.

A Xunta empraza aos concellos "a asegurar o cumprimento das restricións vixentes nos establecementos abertos ao público con licenza municipal", ben coa súa propia Policía Local ou co apoio do resto de Corpos e Forzas de Seguridade no caso de que teñan menos de dous axentes ou non dispoñan de corpo propio. A Policía Local será polo tanto a responsable de asegurar o cumprimento das normas, tanto no relativo ás capacidades máximas permitidas, aos horarios de apertura e peche e ao respecto á distancia mínima de seguridade e o uso obrigatorio de máscara.

Alfonso Rueda, na rolda de prensa deste xoves © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.