A xustiza defende a “preponderancia do interese xeral” fronte á petición da hostalería coruñesa de paralizar as restricións polo coronavirus

Auto do TSXG denegando a medida cautelarísima solicitada pola hostalería coruñesa CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior rexeita a medida cautelarísima solicitada polos empresarios e decide seguir tramitando de xeito ordinario a súa petición de que se anule a decisión da Xunta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de denegar este xoves a medida cautelarísima solicitada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña de que a xustiza paralice as limitacións impostas ao sector pola Consellería de Sanidade o 7 de agosto e prorrogadas este mércores para frear a evolución do coronavirus na comarca.

O tribunal rexeita tomar ningunha medida cautelarísima que implicaría actuar sen escoitar á Xunta e decide continuar tramitando de xeito ordinario a petición de medidas cautelares realizada no recurso contencioso-administrativo imposto polos empresarios. O TSXG argumenta, para evitar tomar ningunha medida urxente, que pondera “a natureza dos intereses en conflito, e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública” por riba do “interese dos empresarios do sector da hostalería”.

Os hostaleiros pedían ao TSXG que se suspendese a aplicación das disposicións que ordenan o peche dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e que fixan como hora máxima de peche dos establecementos de hostalería e restauración as 00:30 horas. 

A Sala do contencioso-administrativo sostén no auto notificado este xoves que non se pode compartir a alegación efectuada pola asociación de que a orde obxecto de recurso non dedica ningún parágrafo para expoñer, tan sequera minimamente, a concreta necesidade sanitaria das medidas que combate, pois “a súa lectura permite comprobar que detrás de todas as medidas que establece, incluídas as que agora son obxecto de impugnación, subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento, e en definitiva, de protexer a saúde pública fronte aos brotes e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención”. 

O tribunal di ponderar “a natureza dos intereses en conflito, e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública” por riba do “interese dos empresarios do sector da hostalería”

A resolución sostén que “basta botar una ollada ás noticias das que se fan eco os medios de comunicación para coñecer a preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medias cuestionadas, afectando de forma predominante á mocidade, que é o grupo poboacional que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafeterías, restaurantes e bares a partir das 00:30”. Destacan tamén os maxistrados que as medidas adoptadas veñen avaladas por informes de autoridades sanitarias e dun comité científico
 

Un local de hostalería nunha imaxe da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña © Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña

Entende a sala que tras a solicitude da medida cautelarísima está o interese dos empresarios do sector da hostalería de atallar e evitar os prexuízos económicos que a súa execución está a causar, pero conclúen que “a natureza dos intereses en conflito, e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública, impiden adoptar a medida interesada”

Dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se dea traslado do recurso á parte demandada, e “co obxecto de non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións”, a Sala acorda que se continúe a tramitación do recurso dos hostaleiros como unha peza ordinaria de medidas cautelares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.