Galicia rexistra a maior cifra de positivos da COVID-19 en tres meses con 142 novos, o 60% na Coruña

Detalle para unha toma de mostras dunha proba PCR CC-BY-NC-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

A curva da pandemia do coronavirus continúa a trazar unha pronunciada liña ascendente en Galicia cun foco destacado por riba de calquera outro, A Coruña e a súa contorna. Os datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde este 13 de agosto, correspondentes ao día anterior, indican que o número de "positivos activos" -indicador de referencia para a Xunta- chega a 938 (111 máis, o maior incremento dende o 25 de abril). 

Ata 92 dos 142 novos positivos detectados son da Coruña e elevan os casos "activos" en Galicia ata os 938, indicador que non medraba tanto nun día dende finais de abril. As persoas falecidas chegan ás 623 tras a morte dun paciente en Ourense

Sanidade computa 30 "curacións" novas -ata 11.506- e tamén un novo falecemento -un home de 90 anos que estaba ingresado en Ourense-. Daquela, é posible calcular (a Xunta non ofrece o dato directamente) que os novos positivos das últimas vinte e catro horas son 142. É a cifra máis alta nun día dende o pasado 6 de maio e cómpre observala cun matiz clave: seis de cada dez novos casos rexistráronse na contorna coruñesa, onde vén de comezar a nova fase de restricións para tentar conter os contaxios. [A Xunta admite "transmisión comunitaria de intensidade descoñecida" do coronavirus na comarca da Coruña]

O parte xeral da Consellería indica un incremento de 81 casos "activos" na área da Coruña, que chega aos 544, e dende a propia área sanitaria especifican que na última xornada rexistraron 11 altas de pacientes que deran positivo por COVID-19. Daquela, os casos novos detectados na Coruña son 92 dos 142 de toda Galicia tras unha xornada na que a área coruñesa realizou 849 das 2.667 probas PCR de todo o país. Na xornada previa, o Sergas fixera 2.555 destes test, 789 na Coruña.

Galicia non rexistraba unha tendencia ascendente tan pronunciada e prolongada no tempo dende os primeiros días da pandemia, o pasado marzo. Non obstante, o ritmo de hospitalizacións é, cando menos de momento, menor ao daqueles meses.

Trinta das 41 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 son da área da Coruña

Segundo indica o Sergas, o total de persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo da COVID-19 chega este 13 de agosto ás 41, unha delas na UCI. Tamén neste indicador é clave o empeoramento da situación na Coruña. Trinta desas 41 persoas (todas elas en planta) correspóndense coa área sanitaria da Coruña, a maioría delas no CHUAC (28) e as dúas restantes, no hospital privado Quirón.

Deste xeito, o total de persoas hospitalizadas en Galicia con test positivo é o maior dende finais de maio. Mentres, as persoas illadas a domicilio son xa 897, unha cifra que non se rexistraba tamén dende o pasado mes de maio. Polo momento, neses pacientes illados nos seus lugares de residencia só hai tres persoas que viven en residencias para maiores, as tres do centro DomusVi Matogrande, na Coruña. 

Situación no resto de Galicia

Os maiores incrementos de "activos" fóra da Coruña son os de Lugo e Ferrol, pero con subas moito menores

Fronte ás pronunciadas alzas de novos positivos na contorna da Coruña, a evolución do resto de áreas sanitarias galegas tamén rexistran incrementos, pero moito menores malia aos brotes detectados nas últimas xornadas. As maiores subas de "positivos activos" sen contar a área coruñesa rexístranse nas de Lugo e Ferrol (+9), a primeira atinxida por brotes como a dos xornaleiros de Cospeito e a segunda, por un brote ligado a un campamento de verán en Cerdido

Tamén aumentan os positivos activos en Ourense e Pontevedra (media ducia en ambos casos). Fano tamén na de Vigo, aínda que en menor medida; tras os brotes que atinxiron á área nos últimos días, o saldo de casos activos -directamente afectado polas altas- é de só dous máis. En Santiago, mentres, son dous menos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.