A COVID-19 'descobre' os xornaleiros que veñen traballar ao rural galego

Os invernadoiros nos que traballan os xornaleiros en Arneiro (Cospeito) CC-BY-NC-SA Praza Pública

O brote da Covid-19 detectado na Terra Chá pón o foco nos temporeiros que se encargan da recollida de froitos vermellos nos invernadoiros da zona. Con seis casos de coronavirus confirmados, o Sergas asegura que se están a realizar "sobre 150 probas PCR", mentres 50 persoas encóntranse confinadas e terán que cumprir unha corentena de 14 días.

[O Sergas confirmou este xoves que esas probas pendentes tiveron resultado negativo]

Estes xornaleiros, que traballan nos invernadoiros do Arneiro, en Cospeito, residen en Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei. Chegaron entre os últimos días de maio e os primeiros de xuño, moitos levan vivindo temporalmente na vila desde hai preto de tres anos. Ao principio a maioría proviñan de Romanía, mais na actualidade hai máis senegaleses. Veciños da zona confirman que alí non hai xente que queira facer ese traballo.

Os postos da feira de Castro Ribeiras de Lea funcionando este mércores ao mediodía CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os xornaleiros levan na Terra Chá desde xuño para levar a cabo un traballo que a propia veciñanza recoñece que ninguén quere facer

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, explica que os xornaleiros que veñen para recoller o amorodo e o arando están aloxados en "tres edificios" da vila, a maioría nun establecemento que funciona como unha "pensión", aínda que algúns teñen pisos alugados. "Están 50 persoas en dúas plantas dun edificio para o que solicitou licenza un veciño, a finais de maio, para convertelo en pensión", sinala, para indicar que a empresa Surexport alugou todo este espazo para os temporeiros.

Así están confinados, en dúas plantas cheas de habitacións e cunha cociña en cada unha. Os servizos sociais municipais non tiveron que atendelos, segundo confirma o alcalde, pois é "o encargado" da empresa quen se ocupa deles. "Realmente están como vivindo nunha pensión", incide Balado.

Desde o Sergas manifestan que se decidiu "estender" as probas da Covid-19 a todos os traballadores desta empresa "tiveran ou non tiveran contacto con estes positivos, por precaución". En función do número de positivos irán "tomando decisións", como tamén lle trasladaron desde a Consellería de Sanidade ao concello de Castro de Rei, onde confirman que as forzas de seguridade están a "controlar" o edificio "para que se cumpra coas medidas".

Surexport, fundada en Huelva en 1994, desembarcou en Galicia en 2015, como explican na súa páxina web, onde afirman que os invernadoiros galegos "permitiron" que agora poidan "cubrir os doce meses do ano" coa súa produción de froitos vermellos debido ao "aumento" da demanda.

Un colectivo permanentemente illado

O popular Francisco Balado asegura que "todo apunta a que de momento a cousa está controlada" e non concibe un peche da zona similar ao que se viviu na Mariña. "Non creo que vaiamos chegar a iso. A situación está controlada, estas persoas fan vida principalmente entre eles e adoptar esta medida sería precipitado", incide.

Para o alcalde, a situación pasaría a ser "preocupante" se os casos da Covid-19 "saen deste colectivo" e aparecen positivos entre os veciños. Así, lembra que a fin de semana pasada non se celebraron as festas da vila, como xa estaba anunciado, mais confirma que este mércores celebrouse a feira "con normalidade". De feito, onte ao mediodía había xente comendo o polbo e unha tranquilidade absoluta en Castro Ribeiras de Lea.

O rexedor de Castro de Rei considera "precipitado" pechar a vila porque os temporeiros "fan vida entre eles"

A presencia dos temporeiros no rural galego vén cubrir unha eiva de traballadores dispoñibles para este labor de recollida de froitas, que supón moita carga de traballo, en datas moi concretas e nun período breve de tempo. Nun concello veciño dos invernadoiros do Arneiro, nos que traballan estes xornaleiros, o propietario dunha pequena explotación de froitos vermellos viuse obrigado a renunciar á súa recollida para a venda o ano pasado polo elevado custe que lle supoñía apañalos.

"Principalmente fan vida entre eles, van no mesmo transporte ao traballo e viven xuntos", apunta o alcalde. O illamento dos xornaleiros, destacado como positivo polo feito de que axuda á non diseminación do coronavirus pola Terra Chá, pode obedecer en certa medida a condutas racistas. Neste sentido, Francisco Balado asegura que "o racismo nunca se vai erradicar da faz da Terra, todos o sabemos, pero eu comentarios racistas contra eles si é certo que non escoitei moitos".

"É certo que hai xente que, ao principio do estado de alarma, chamou ao concello preguntando en que condicións virían este ano, pero a modo de desconfianza. Comentarios despectivos ou xenófobos cara a eles nunca escoitei, son sincero", afirma, "pode haber algúns como cando calquera familia de cor se asenta no rural".

Os efectos chegan a Guitiriz

Os efectos deste brote de Covid-19 fanse notar en Castro de Rei, onde o rexedor manifesta que "se reduciu moitísimo a actividade económica". "A xente está preocupada, hai certo temor. Por iso hai pouca xente pola vila, o que está a afectar a todos os comercios, bares e restaurantes", engade.

Mentres que este alcalde asegura que "se adoptaron as medidas correctas e axeitadas desde o primeiro momento" desde a Xunta e afirma que mantén a comunicación coa Consellería de Sanidade, a alcaldesa de Guitiriz, a socialista Marisol Morandeira, afirmou onte que "a Xunta ocultou datos e a empresa tamén". Segundo recolle El Progreso, a rexedora criticou que Surexport "aseguraba que os traballadores residentes en Guitiriz non estiveran en contacto cos residentes en Castro Ribeiras de Lea, e iso non é verdade".

A alcaldesa de Guitiriz apunta a que o brote se orixinou nuns invernadoiros da mesma empresa en Begonte

Asemade, Morandeira sostivo que varios xornaleiros están residindo en pisos alugados na localidade de Pígara, en Guitiriz, e agregou que o brote non se iniciou en Cospeito, senón noutros invernadoiros que Surexport ten nunha finca en Begonte.

A alcaldesa lamentou a falta de comunicación do Goberno galego co concello de Guitiriz: "Ata o día de onte tiñamos soamente un positivo no concello e agora non nos informan disto nin a nós nin ás forzas e corpos de seguridade do Estado". Morandeira dirixiuse á Delegación da Xunta en Lugo e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e declarou que non obtivo "resposta algunha".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.