Galicia volve superar os cen casos novos de coronavirus nun día, máis da metade na área da Coruña

CC-BY-SA Praza Pública

O pasado venres, 7 de agosto, Galicia superou o limiar dos cen novos casos de coronavirus detectados nun día por primeira vez en tres meses, tal e como era posible calcular a partir dos datos divulgados polo Sergas o sábado, día 8. Este 12 de agosto, o balance da Consellería de Sanidade reflicte que catro días despois, volveu suceder: 110 novos positivos nas últimas vinte e catro horas, máis da metade na área sanitaria da Coruña, onde a Xunta avalía a posibilidade de endurecer as restricións para frear os contaxios da COVID-19.

O Sergas computa o falecemento en días pasados dunha paciente ingresada na Coruña, o que eleva o total de mortes ligadas á pandemia en Galicia a 622

Atendendo ao parte diario do Goberno galego, os "positivos activos" -o seu indicador de referencia- superan o limiar dos 800 por primeira vez dende finais de maio tras cinco días medrando por riba do 10% diario. Chegan aos 827. Tendo en conta que se rexistran 22 "curacións" novas -ata as 11.476- e un novo falecemento (unha muller de 89 anos ingresada na Coruña e falecida en días pasados, segundo puido confirmar Praza.gal) -ata os 622-, o saldo de casos novos é de 110, o que supón que a media semanal de positivos diarios segue subindo e se sitúa agora nos 81.

O resto de Galicia rexistra 49 positivos novos tras unha xornada cun forte incremento de probas PCR, máis de 2.000 nun día por primeira vez dende os días máis intensos do brote da Mariña

A letra miúda dos datos, que seguen sendo limitados ao non existir unha serie pública e aberta da Xunta -que tampouco informa directamente sobre os casos novos-, segue a amosar, en calquera caso, que o empeoramento non é o homoxéneo en toda Galicia e que o principal foco continua a ser A Coruña e a súa contorna. Atendendo á información confirmada dende a área sanitaria coruñesa, ata 61 deses 110 novos casos das últimas vinte e catro horas son seus e, daquela, 49 do resto de Galicia.

O Ministerio de Sanidade, pola súa banda, recolle este 12 de xullo un total de 103 positivos diagnosticados en Galicia nas últimas vinte e catro horas e suma 196 ao seu acumulado de positivos galegos. Os datos do departamento estatal, que permanecen en revisión durante cando menos unha semana, non recollen os positivos en test de anticorpos de persoas sen síntomas, que a Xunta si computa directamente como "curacións".

Estes datos rexístranse nunha xornada na que o número de probas PCR si aumenta significativamente. Segundo o Sergas, procesou ata 2.555 nas últimas vinte e catro horas (máis de 2.000 por primeira vez dende os días de maiores intensidade do brote da Mariña) para un total de 269.448.

A maioría de 'activos' e hospitalizacións, na Coruña

O peso da área da Coruña é clave no número de novos casos, pero tamén no total de "positivos activos" e nas cifras de hospitalización. O número de "activos", cadrando co incremento no número de test (789 PCR nun día, informa a área sanitaria da Coruña-Cee) en 57 (os 61 novos, menos catro altas) e chega a 463, cifra que non acadaba dende mediados de maio e que é supón máis que duplicar o total de Galicia a finais de xullo.

Esa liña ascendente da Coruña supón que, este 12 de xullo, eses 463 "positivos activos" sexan o 55% do total de Galicia. Os incrementos no resto de áreas sanitarias son moito menores: o maior rexístrase na de Ferrol (+9), seguida de Vigo (+8), Ourense (+5) e mais Santiago e Lugo (+4 en ambas). Non obstante, no caso da área lucense a evolución dos vindeiros días dependerá do resultado das probas que están a ser realizadas a contactos dos traballadores agrarios que deron positivo no brote de Cospeito. 

No que atinxe ás hospitalizacións de pacientes con test positivo por coronavirus, o total pasa de 35 a 38 (o Sergas non especifica o número de novos ingresos, que si é posible coñecer a través das actualizacións do Ministerio de Sanidade, horas despois), con tres persoas na UCI e tamén cun peso clave da Coruña. Non en van, un total de 28 deses 38 ingresos son da área coruñesa, todas elas en unidades de hospitalización ordinaria (en planta) tras o falecemento dunha paciente que si estaba na UCI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.