Galicia suma 78 positivos da COVID-19, co principal foco na Coruña e novos brotes nas áreas de Vigo e Lugo

Recollida de mostras para test do coronavirus no hospital de Ourense, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Foto: CHOU | Montaxe: Praza Pública

A media semanal de novos casos diarios da COVID-19 en Galicia segue na liña ascendente. A pandemia traza esta curva dende finais de xullo e adoptou unha pendente máis pronunciada durante a pasada semana, cando o forte incremento de casos ligados a brotes na Coruña e súa contorna precipitou a adopción de medidas extraordinarias por parte do Sergas, como o peche de pubs e discotecas, limitacións en comercios e hostalaría ou illamento de centros de maiores. 

Os 78 positivos notificados este 11 de agosto supoñen a menor cifra en catro días, pero o ritmo de novos casos diarios duplica e mesmo triplica o das semanas previas

Atendendo ao parte xeral do Sergas para este 11 de agosto, os casos "activos" de coronavirus en Galicia son 740, o que supón atravesar o limiar dos 700 por primeira vez dende o 2 de xuño. Dado que as "curacións" aumentan en 8, ata 11.454, e non houbo novos falecementos (seguen sendo 621, tras os dous notificados a pasada fin de semana), os novos positivos -dos que o Sergas non informa directamente- son 78. É a menor cifra dos últimos catro días, pero duplica e mesmo triplica os rexistros da semanas previas. A media semanal de novos casos diarios supera agora os 70 e hai unha semana roldaba a trintena.

Malia ás limitacións da información divulgada pola Consellería de Sanidade -que segue sen ofrecer datos abertos sobre a pandemia e sen divulgar a súa serie histórica ao respecto- é posible saber que case a metade dos novos casos notificados para a última xornada se localizan na área sanitaria da Coruña (o Sergas non ofrece datos comarcais ou municipais). Alí os casos "activos" aumentan en 35, ata os 406, e dende a área sanitaria da Coruña-Cee indican que non se rexistraron altas na última xornada, polo que os novos positivos serían eses 35.  O ritmo de incremento é, non obstante, un chisco menor que en días previos

Outros brotes alén da Coruña

O principal foco segue a estar, daquela, na Coruña e a súa contorna, única área sanitaria na que actualmente rexen restricións especiais para frear os contaxios (o Sergas prevé revisalos este mércores, día 12, para flexibilizados ou endurecelos en función da situación epidemiolóxica). Pero non é o único punto de preocupación: novos brotes na Terra Chá -pertencente á área sanitaria de Lugo- ou en Vigo e a súa contorna, entre outros, acaparan tamén a atención dos servizos de saúde nesas zonas. 

O incremento na área de Vigo está motivado en boa medida por tres brotes que suman 14 positivos; na Terra Chá o Sergas segue con atención o brote detectado entre xornaleiros que traballan en invernadoiros de Cospeito

A principal repunta alén da Coruña na curva de casos "activos", indicador de referencia para o Sergas, está este 11 de agosto na área sanitaria de Vigo, que pasa de 85 a 108 (+23). Segundo fontes sanitarias citadas por Faro de Vigo, o empeoramento de situación na área na última xornada débese fundamentalmente a tres novos brotes detectados, que suman 14 positivos. Un deles, situado polas mesmas fontes en Gondomar e con orixe nunha reunión de amigos, propiciou a suspensión das visitas ás dúas residencias sociosanitarias do municipio (unha de maiores e outra de persoas con discapacidade) como medida de precaución.

Na área sanitaria de Lugo, aínda que o incremento de casos "activos" é menor -cinco máis, ata 80-, as autoridades sanitarias seguen con especial atención os casos positivos detectados entre xornaleiros que traballan en invernadoiros de Cospeito e residen temporalmente en Castro de Rei, cinco ata este martes, segundo puido confirmar El Progreso. Aínda que dende o Concello de Castro subliñaban durante a xornada do luns que o Sergas non identificaba os novos positivos na zona como "brote", o feito de que sexan máis de tres e relacionados entre si responde á definición de "brote" dos protocolos do Ministerio de Sanidade. En torno a medio cento de persoas están en corentena por esta causa.

Este martes transcendía ademais a existencia doutro brote, polo momento de 3 casos, na cidade de Ourense. A ausencia dunha base de datos pública, completa e aberta na que a Consellería de Sanidade informe da evolución da pandemia continúa a dificultar o seguimento da información.

33 persoas hospitalizadas, 20 delas na Coruña

O ritmo diario de probas PCR realizadas polo Sergas, algo máis de mil, é tamén semellante ao do pasado maio

O ritmo de detección de novos casos da COVID-19 en Galicia é, tras os últimos incrementos, semellante ao do pasado mes de maio. Tamén o é o número de probas PCR realizadas ao día, segundo cifras do Sergas (algo máis de mil por xornada). Mentres, as cifras de ingresos nos hospitais de persoas con test positivo son, polo momento, máis semellantes ás do pasado xuño: as hospitalizacións son agora 33, dúas delas en unidades de coidados intensivos. Vinte delas, confirma a área sanitaria da Coruña, son hospitalizacións no complexo sanitario coruñés, unha delas na UCI. 

As restantes 707 persoas con test positivo este 11 de agosto están en illamento domiciliario. Entre elas cóntanse tres residentes no centro de maiores DomusVi Matogrande, tamén na Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.