As restricións impostas a pasada semana pola Xunta para tentar conter o incremento de contaxios da COVID-19 na comarca da Coruña non deron, polo momento, os resultados agardados. Así o acreditan as cifras deste 12 de agosto e así o admitiu o Goberno galego por boca do presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, que tras a reunión do comité clínico da Consellería de Sanidade encargado da crise do coronavirus ratificou a extensión das limitacións polo menos durante unha semana máis, coa restrición de visitas a hospitais como principal novidade. Cando menos de momento, a Xunta non botará man das prohibicións de mobilidade, como si fixera o pasado xullo polo brote da Mariña. [Galicia volve superar os cen casos novos de coronavirus nun día, máis da metade na área da Coruña]
A edición extraordinaria do DOG concretará a posible extensión do peche de pubs e discotecas a outros concellos da contorna da Coruña, onde as restricións non implicaron un descenso dos contaxios tras cinco días en vigor
Con 61 dos 110 novos positivos da última xornada e 28 das 38 persoas ingresadas en hospitais de toda Galicia, durante polo menos sete días máis seguirán pechados pubs e discotecas e prohibidas as festas e verbenas nos 9 concellos da comarca da Coruña. Seguirán, do mesmo xeito, limitados horarios e capacidades de locais comerciais e hostaleiros ao 50% e restrinxidas a 10 persoas as reunións privadas de persoas que non convivan entre si. A posible extensión dalgunha destas medidas a outros municipios concretarase nunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia, este mesmo mércores.
"Pode haber confinamentos en Galicia nas próximas semanas ou meses" en caso de que se "incumpran" as limitacións como, segundo Feijóo, sucede "en moitos casos" na Coruña nos últimos días
Esa publicación no DOG concretará, ademais, o alcance da restrición ao acceso de visitantes e acompañantes nos centros hospitalarios da comarca. Incluirá, adicionalmente, a extensión do peche dos centros de día para maiores e persoas con discapacidade e mais a prolongación da prohibición de visitas en residencias de maiores en toda a área sanitaria da Coruña-Cee.
Segundo Feijóo, que o "control xeral de mobilidade" non fose aprobado este mércores non quere dicir que "non haxa que abordalo nos próximos días". "Pode haber territorios con mobilidade reducida (...), pode haber confinamentos en Galicia nas próximas semanas ou meses" en caso de que se "incumpran" as limitacións vixentes como, afirmou, está sucedendo "en moitos casos" na Coruña nos últimos días.
Segundo o avanzado por Feijóo, estas restricións irán acompañadas polo que define como un incremento "notabilísimo" de realización de probas PCR na contorna coruñesa, mesmo cun "cribado aleatorio en sectores máis afectados". O Sergas, indica, prevé realizar "ata 1.200 PCR diarias" na Coruña e concellos da zona, o que suporía un forte incremento, toda vez que nas últimas semanas as realizadas en toda Galicia non adoitan chegar ás 2.000 ao día.
Prohibición de fumar
Alén das medidas especificamente dirixidas a procurar conter a expansión do coronavirus na área da Coruña, o presidente da Xunta en funcións avanzou tamén a implantación, dende este 13 de agosto, dunha nova medida en toda Galicia. "O fume é un factor de transmisión" e por iso, di, o comité clínico considera "lóxico" que "non se poida fumar" pola rúa ou noutros espazos abertos cando non exista distancia de seguridade entre as persoas, toda vez que ademais esta actividade implica a retirada da máscara. Ese veto ficará concretado tamén na devandita edición extraordinaria do DOG.