Entre xaneiro e xuño morreron 28 persoas, só unha menos que en 2019, fronte á caída do 24% da sinistralidade na xornada laboral e do 30% nos accidentes 'in itinere'
28 persoas morreron no traballo ou de camiño a el en Galicia na primeira metade deste ano, máis de unha cada semana e cifra moi similar ás 29 que faleceron no mesmo período de 2019, malia que este 2020 está marcado polo confinamento e as restricións de movemento polo coronavirus. Esa caída da actividade laboral provocada pola pandemia non ten reflexo nunha caída da mortalidade malia que si se percibe na sinistralidade en xeral, cun 24% menos durante a xornada laboral e ata un 30% menos nos accidentes in itinere, nas viaxes a ou desde o posto de traballo.
O ministerio non computa ningunha morte laboral por coronavirus en Galicia e cifra en 13 as recoñecidas en todo o Estado
A última estatística sobre sinistralidade laboral que vén de divulgar o Ministerio de Traballo, referente ao período xaneiro-xuño, sinala que neses seis meses, 26 semanas completas, morreron 28 persoas (27 no posto laboral e unha in itinere) fronte ás 29 de 2019 (24 no posto e 5 in itinere). O ministerio sinala que a súa estatística correspondente a este ano inclúe para todo o Estado, no que se rexistrou un aumento da mortalidade do 21%, con 293 mortes no posto e 61 in itinere, “os 13 accidentes mortais recoñecidos por COVID-19” como sinistro laboral, ningún dos cales aparece como rexistrado en Galicia.
En 2019 Galicia foi a segunda comunidade con máis mortes laborais por cada 100.000 habitantes, moi por diante da media estatal
As cifras de mortalidade laboral veñen estabilizándose nos últimos anos en Galicia, ao remate de cada exercicio, entre 50 e 60 persoas falecidas durante a xornada laboral (o criterio para a contabilidade in itinere mudou o pasado ano, cando se rexistraron en Galicia outras 8 mortes). As 55 mortes durante a xornada laboral de 2018 apenas se reduciron nunha ata as 54 de 2019, ano en que Galicia se situou como a segunda comunidade autónoma con maior incidencia, con 5,4 mortes laborais por cada 100.000 habitantes, só por detrás das 5,58 de Castela e León e moi por diante das 2,91 da media estatal. Agora as cifras do que vai de ano avanzan nunha liña similar á do pasado exercicio.
Na primeira metade deste ano a caída da sinistralidade durante a xornada laboral é máis acusada nos accidentes leves, que pasaron de 13.616 a 10.304 (-24,3%), que nos graves, que baixaron de 238 a 189 (-20,6%)
A mortalidade laboral mantense similar malia que na primeira metade do ano si se rexistrou unha caída notable da sinistralidade en xeral, coincidindo coas restricións establecidas polo coronavirus. A redución é especialmente significativa nos accidentes in itinere, eido no que en Galicia se rexistraron 973 sinistros fronte aos 1.410 do mesmo período do pasado ano (-30,1%). Pola súa banda, a sinistralidade durante a xornada laboral pasou de 13.878 accidentes en 2019 a 10.520 en 2020 (-24,2%). Porén, nese eido a caída é máis acusada nos accidentes leves, que pasaron de 13.616 a 10.304 (-24,3%), que nos graves, que baixaron de 238 a 189 (-20,6%).