Ocupou un espazo menor na intervención de Alberto Núñez Feijóo ante os medios, pero virou en principal titular da súa intervención, mesmo por riba da preocupante evolución da pandemia da COVID-19 na Coruña e a súa contorna: a Xunta prohibe fumar na rúa, simplificouse sobre o anuncio do presidente en funcións, quen indicara que o comité clínico vía "lóxico" que "non se poida fumar" en espazos abertos sen distancia de seguridade porque "o fume é un factor de transmisión" da doenza.
Máis que unha nova prohibición, o aprobado é unha concreción na obriga xeral de usar máscara, cunha décima excepción para fumar en caso de existir distancia mínima de dous metros con outras persoas
Doce horas despois, a consellería de Sanidade concretou no Diario Oficial de Galicia o que, máis que unha nova prohibición, é unha concreción e matización na obriga xeral de usar máscara, vixente en Galicia dende finais de xullo e sobre a que o acto de fumar pairaba a xeito de limbo legal. A obriga só detallaba nove excepcións e ningunha delas era fumar.
Esa décima excepción está implantada dende este 13 de agosto, cun décimo suposto no que "a obriga de uso de máscara non será esixible". Isto agora tamén é posible "no caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas". Pero "só" durante "o indicado consumo" e sempre que "tendo en conta a posible concorrencia de persoas e dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas". [Consulta aquí o texto íntegro da orde]
Sanidade xustifica esta "modificación puntual nas excepcións" por mor da "evolución da situación sanitaria" en Galicia. "Faise necesario -indica a orde- precisar cando poderá exceptuarse" da obriga do uso de máscara á poboación fumadora para que "se faga de modo responsable" e "co necesario respecto e protección da saúde das persoas".
O Sergas basea a medida no acordo do Consello Interterritorial de Saúde que sinala riscos na pandemia asociados a fumar, como o "contacto repetitivo dos dedos coa boca" ou a "expulsión de pinguiñas" que "poden conter carga viral"
A medida, indica o texto, está baseada no acordo ao respecto aprobado na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial de Saúde -órgano que xunta o Ministerio de Sanidade e ás autoridades sanitarias das comunidades autónomas-, que á súa vez recolle recomendacións científicas e da Organización Mundial da Saúde ao respecto, cita. Eses documentos, resalta, sinalan como "riscos asociados ao acto de fumar e vapear a manipulación da máscara de protección e o contacto repetitivo dos dedos coa boca" tras "tocar produtos ou utensilios que poderían actuar" como "transmisor inanimado" do virus.
Ademais, especifica, cómpre ter en conta "a expulsión de pinguiñas respiratorias que poden conter carga viral e ser altamente contaxiosas". Ademais, alerta do "factor de relaxación da distancia social de seguridade" no momento de fumar.