A primeira praia sen fume segue a ter (algúns) fumadores: así se estendeu o seu modelo de educación malia a falta de sancións

Praia da Ribeira, en Baiona, primeiro areal sen fumes de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Baiona copiou en 2012 de Nova York a idea de areais saudables e ecolóxicos que se propagou por todo o Estado malia visións contrapostas entre a prohibición e a concienciación

“Un cambio tan importante non se podía facer con prohibicións porque xeraría rexeitamento”. Así lembra o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a iniciativa que impulsou en 2012, cando era alcalde de Baiona, de crear alí as dúas primeiras praias sen fume de Galicia, modelo de areal saudable e ecolóxico que copiou de Nova York e que estendeu por todo o país ao ser chamado por Feijóo en 2015 ao seu Goberno. Hoxe en Galicia hai xa 141 praias sen fume en 64 concellos e a Xunta está a asesorar a outras comunidades que replicaron no resto do Estado un modelo que apela á educación e á concienciación pero que xera visións contrapostas sobre se sería máis útil impulsar ordenanzas municipais que permitan multar aos fumadores.

Tras o impulso en 2005 por parte do Goberno de Zapatero de novas restricións legais ao consumo de tabaco en edificios públicos, en 2006 a localidade de L’Escala, en Girona, xa reservara nunha das súas praias un espazo para non fumadores. Era un momento no que as prohibicións legais aínda non chegaran aos espazos abertos senón só ao interior dos edificios. Ese paso seguinte deuse coa nova lei antitabaco de 2010, que entrou en vigor en 2011, cando tamén se estendeu a prohibición aos espazos ao aire libre de centros educativos, sanitarios ou parques infantís. 

En toda Galicia xa son 141 as praias sen fume en 64 concellos e a Xunta está a asesorar a outras comunidades

Foi naquel contexto cando, lembra Almuiña, soubo da iniciativa de Nova York de prohibir o consumo de tabaco en praias e parques e decidiu trasladala, coincidindo co 31 de maio de 2012, día mundial sen tabaco, a dous dos seis areais de Baiona: Ribeira e Frades. “As praias son un espazo no que os nenos pasan moito tempo, un sitio de ocio no que ven aos seus pais fumando”, di o ex-rexedor e conselleiro de Sanidade. 

Lista de praias sen fume en Galicia en 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

En 2014 Baiona ampliou a iniciativa a catro praias e agora todas locen bandeiras e carteis que as identifican como “praias sen fume”, coa imaxe dun cigarro cruzado por unha liña vermella, como os sinais de prohibición. Porén, non existe prohibición porque non se pode sancionar a quen decide seguir fumando na praia. É unha cuestión (só) de educación.

Un paseo pola praia da Ribeira, a máis céntrica e familiar da vila, permite comprobar que na area, entre nenos e nenas xogando, segue a haber restos de cigarros, que tardan unha década en degradarse e que polo seu tamaño non chegan a ser recollidos polas máquinas que limpan os areais máis turísticos. No chiringuito da praia, un home e unha moza fuman tranquilamente en dúas mesas distintas aparentemente alleos á bandeira de “praia sen fume” que ondea sobre a caseta. No chiringuito pode fumarse, igual que no paseo que bordea a praia, pero tamén hai quen o segue a facer na propia area. 

“Hai xente que non se dá conta, aínda que haxa carteis, pero a experiencia dinos que cando alguén lle indica a un fumador que é unha praia sen fumes, este apaga o cigarro ou sae da area”, di Almuiña

“Hai xente que non se dá conta, aínda que haxa carteis, pero a experiencia dinos que cando alguén lle indica a un fumador que é unha praia sen fumes, este apaga o cigarro ou sae da area”, di Almuiña. De feito, nos primeiros anos da iniciativa, e así segue a ocorrer nalgúns municipios que a seguiron implantando despois, os socorristas ou membros de Protección Civil que vixían os areais informan aos fumadores das características da praia e reparten folletos, agora elaborados pola propia Xunta e facilitados aos concellos para a súa distribución. Na outra primeira praia de Baiona na que se implantou o modelo, a dos Frades, unha bañista habitual salienta como, cando iso acontecía, os fumadores deixaban de facelo, pero tamén como segue a haber xente fumando na area anos despois. “É cuestión de educación”, resume.

O conselleiro de Sanidade e ex-alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, nun acto nesa vila na praia sen fume da Ribeira CC-BY-SA Xunta de Galicia

O camareiro do chiringuito da Ribeira négase a "ser policía de ninguén", un policía local cualifica a iniciativa de "tontería" e unha bañista salienta que “se a xente fose máis educada, non serían necesarias multas”

Este verán no chiringuito da praia da Ribeira o camareiro, preguntado polos dous fumadores que hai nese momento no seu posto, sinala cara ao resto da praia: “E na area tamén, pero eu non vou ser policía de ninguén”. A pregunta a unha parella de policías locais polos fumadores que segue a haber na praia non obtén mellor resposta. “Iso é unha tontería, así de claro”, di un deles sobre a iniciativa de praias sen fume do seu Concello, mentres que o outro salienta que “esa [as praias] non é unha zona que estea prohibida pola lei” polo que a falta de ordenanza municipal que estenda esa prohibición, eles non poden sancionar aos que decidan seguir fumando alí. 

Tras máis dunha década de gobernos do PP, o Concello de Baiona pasou hai só unhas semanas a mans dun tripartito encabezado polo PSdeG, que polo menos este ano manterá o modelo en vigor que non contempla sancións e que defende o ex-alcalde e agora conselleiro.

Vigo quere estender a iniciativa, con consulta popular polo medio, ao estadio de Balaídos, pero tamén será inicialmente unha medida de concienciación e dáse tempo para decidir se aproba unha ordenanza que implante a prohibición

Sete anos despois de implantarse a medida en Baiona, en Vigo o alcalde, Abel Caballero, volveu tornar en viral nas pasadas semanas a súa decisión de someter a consulta popular na web do Concello a posibilidade de facer zonas sen fume a principal praia da cidade, Samil, así como as gradas do estadio municipal de Balaídos. A iniciativa tivo un respaldo masivo, pero ao igual que en Baiona non pasará dunha recomendación e o Concello vaise dar tempo para decidir se aproba unha ordenanza municipal que lle permita convertela en prohibición e sancionar os incumprimentos. 

En 2012, ao tempo que Baiona implantaba aquelas dúas primeiras praias sen fume, a iniciativa aparecía tamén noutros municipios, como Mogán, en Gran Canaria, onde despois se aplicaron sancións. Pero a expansión do modelo de Baiona coincidiu coa chegada de Almuiña á Consellería de Sanidade. “Atopei técnicos de saúde pública que levaban tempo traballando noutros proxectos previos, como o fogar sen fume, e propúxenlles estender o das praias; acollérono moi ben e desde 2016 non paran de sumarse concellos”, lembra, e salienta a extensión do modelo fóra de Galicia: “Murcia xa nos seguiu e Asturias, Andalucía ou Valencia tamén nos pediron datos sobre a iniciativa”, di o conselleiro.

Hai que dar o seguinte paso e sancionar aos fumadores? Almuiña elude a pregunta e insiste en que nos primeiros tempos de implantación dunha medida así é máis útil a concienciación que a prohibición. Desde a praia dos Frades, unha bañista dá outra visión do modelo: “Se a xente fose máis educada, non serían necesarias multas”.

Vista da praia da Ribeira, en Baiona, cunha das figuras que alertan de que é unha praia sen fumes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.