Dende hai varios anos boa parte dos concellos litorais galegos atopan grandes dificultades para dotar de servizos de salvamento ás súas praias. A razón está, principalmente, nas elevadas esixencias existentes en Galicia para ser socorrista. Dende o 2012 a Xunta obriga a pasar por un curso de 420 horas, uns cursos que teñen un prezo duns 1.400 euros, un gran desembolso para finalmente poder traballar dous ou tres meses. Así, todos os veráns son moitos os areais que finalmente fican sen en este servizo, ou que non cobren todas as prazas convocadas, necesarias para cubrir todos os días e horarios.
Cabana de Bergantiños, Muxía, Rianxo, Porto do Son e Muros carecen de socorristas. Laxe, Fisterra, Cee, Carballo, Ribadeo, Nigrán ou Barreiros contrataron só unha parte do persoal previsto
Cabana de Bergantiños carece neste momento de socorristas, o mesmo que Muxía, Rianxo, Porto do Son e Muros. Outras localidades, como Laxe, Fisterra, Cee, Carballo, Ribadeo, Nigrán ou Barreiros conseguiron contratar só unha parte do persoal previsto, o que pode limitar finalmente as quendas ou os areais que contarán con esta supervisión. Todos os concellos levan meses buscando fórmulas para completar estes equipos, de forma directa ou a través de empresas do sector, lanzando varias convocatorias cando as primeiras resultaran insuficiente, e mellorando as retribucións ofrecidas aos e ás posibles socorristas.
A ausencia de servizo de salvamento pode ter outro tipo de efectos en varias localidades, pois praias de Baiona, O Vicedo e Foz poden quedar este verán sen izar as súas bandeiras azuis. A presenza de socorristas é unha das esixencias para poder lucir este distintivo, e a súa carencia obriga a renunciar a ese recoñecemento privado.
Baiona conta nestes momentos con cinco socorristas contratados para as súas cinco praias con bandeira azul: A Cuncheira, Os Frades, A Barbeira, A Ribeira e Santa Marta. A vindeira semana serán sete, aínda así insuficientes para dotalas deste servizo a tempo completo e todos os días da semana. O pasado ano o veciño Nigrán renunciou a solicitar de novo bandeiras azuis e Baiona podería considerar facer o mesmo.
Praias de Baiona, O Vicedo e Foz poden quedar este verán sen izar as súas bandeiras azuis
Algo semellante sucede na Mariña lucense, nos concellos do Vicedo e Foz. O Vicedo conta cun só socorrista para os seus dous areais. E en Foz a situación é algo mellor, con 15 socorristas contratados para as súas cinco praias con bandeira azul (Areoura, Peizás, Llas, As Polas e Rapadoira) e mais os restantes areais do termo municipais, comezando por Pampillosa, Xuncos e Arealonga, que xa anuncian que este ano non contan con servizo de salvamento. O Vicedo xa tivo que renunciar o pasado ano a izar a bandeira azul en Xilloi e Abrela e este ano semella que terá que facer o mesmo.
Ademais, os concellos que finalmente non sexan quen de cubrir as prazas previstas de socorristas terán que devolver as subvencións recibidas da Xunta para este fin.
A posibilidade de que varios concellos teñan que renunciar a lucir as bandeiras azuis que recibiron este ano da entidade privada Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) reabre o debate sobre os beneficios deste distintivo, que vén sendo posto en cuestión por entidades ecoloxistas e por moitas administracións locais en Galicia e no conxunto do Estado. Barreiros, Nigrán, O Grove, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Viveiro ou Rianxo renunciaron nos últimos anos a solicitar esta acreditación.
Barreiros, Nigrán, O Grove, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Viveiro ou Rianxo renunciaron nos últimos anos a solicitar esta acreditación
Nalgúns casos o motivo foi a dificultade para contratar os socorristas necesarios, pero tamén as restantes esixencias e un custo económico que "supoñen máis contraprestacións que beneficios para as praias", como afirmou o alcalde de Nigrán.
Para contar cunha bandeira azul, obrígase á contratación de persoal para limpar as praias, a construción de rampas de acceso e outros servizos ou o balizamento dos areais, actuacións que nalgúns casos poden ter efectos prexudiciais para a contorna natural destes espazos. En conxunto, o desembolso económico pode roldar os 45.000 euros por praia, ao que hai que sumar convenios como o que a Xunta asinara con ADEAC, duns 40.000 euros anuais