O presidente gabou instrumentos de protección como o Plan do Litoral, aprobado en 2011 e que entre outras medidas propuña recuperar espazos como o aparcamento sobre as dunas da praia de Montalbo no que se celebrou o acto deste luns
En Sanxenxo, nun aparcamento construído hai décadas sobre as dunas da praia de Montalbo, Feijóo entregou este luns as 156 bandeiras azuis obtidas este ano por Galicia (107 a praias, 12 a portos deportivos e 22 a sendeiros). Alí, e malia que a propia organización privada que concede os galardóns admite que estes poden prexudicar espazos naturais fráxiles, o presidente vinculou os recoñecementos coa protección da natureza.
As 107 bandeiras azuis a praias obtidas este ano por Galicia supoñen a cifra máis baixa da última década, froito do progresivo aumento de concellos que renuncian á distinción. Un galardón, a cuxos organizadores a Xunta paga 40.000 euros ao ano, que valora non só a calidade das augas senón tamén os servizos que ofrecen os areais, o que para as organizacións ecoloxistas pon en perigo en ocasións os valores naturais favorecendo a urbanización das praias.
As 107 bandeiras azuis a praias obtidas este ano por Galicia supoñen a cifra máis baixa da última década, froito do progresivo aumento de concellos que renuncian á distinción
O lugar escollido este ano para a entrega das bandeiras en Galicia foi Sanxenxo, a vila con máis bandeiras azuis, despois de que o ano pasado se optase pola Coruña, onde acabaría sendo candidata á alcaldía a daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato. Malia optar desta volta por unha vila que leva anos rodeada de polémicas urbanísticas pola súa progresiva ocupación do litoral, Feijóo salientou alí diversas medidas impulsadas pola Xunta para a protección da natureza, como a aprobación este martes no Parlamento dunha Lei de Patrimonio Natural ou outras figuras xa en vigor como as Directrices de Ordenación do Territorio ou o Plan de Ordenación do Litoral. Segundo dixo, a Xunta traballa para “garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional”.
O Plan do Litoral aprobado en 2011 apenas contiña disposicións executivas ou prazos
Precisamente o lugar escollido este luns para a entrega das bandeiras azuis, un aparcamento sobre as dunas da praia de Montalbo, evidencia as eivas dalgunha das figuras de protección citadas por Feijóo. Segundo o Plan de Ordenación do Litoral, un deses instrumentos que Feijóo presentou como elaborados para “preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional”, a praia de Montalbo está clasificada como periurbana (as outras categorías son urbana, rural e natural) e nese tipo de areal “en ningún caso se autorizará o estacionamento de vehículos na praia, cordón dunar e superficies areentas anexas e fóra dos lugares habilitados a ese efecto. En todo caso, o plan urbanístico deberá establecer as previsións necesarias para que os aparcadoiros aínda existentes, que non se axusten ás determinacións deste Plan, se recoloquen”.
“Procurarase que as áreas de aparcadoiro non sexan visibles desde a praia, debéndose utilizar materiais e tratamentos adecuados para mellorar a súa integración ambiental e paisaxística”, engade o Plan do Litoral. Porén, o documento, que entrou en vigor en febreiro de 2011, hai máis de oito anos, apenas contiña disposicións executivas ou prazos. Aquel Plan do Litoral si establecía que no prazo de 12 meses desde a aprobación do documento a Xunta elaboraría unha guía de boas prácticas de intervencións nos sistemas praia-duna para evitar intervencións agresivas, pero esa guía non foi presentada ata setembro de 2014, con dous anos e medio de atraso.