Entre o ano 2015 e o 2018 unhas 217 morreron afogadas en Galicia e entre xaneiro de maio deste ano producíronse outros 12 falecementos por esta causa nas nosas augas. Esta cifra sitúa un ano máis a Galicia como a comunidade autónoma con máis mortes por esta causa, xusto cando estamos ás portas do verán, a época do ano no que se producen máis sucesos deste tipo, sobre todo nas praias (nos últimos catro anos houbo 44 falecementos só no mes de xullo, o máis negativo).
Dende o 2012 a Xunta obriga a pasar por un curso de 420 horas, unha esixencia que se converteu nun obstáculo insalvable para os e as aspirantes
Neste comezo de xuño a maior parte dos concellos están completando os seus procesos de selección e contratación de socorristas e en case todas as localidades o servizo de salvamento nas praias botará a andar entre mediados de mes e, sobre todo, no 1 de xullo. Porén, todo apunta a que un ano máis moitas localidades non serán quen de cubrir todas as prazas que tiñan previstas e que serán moitos os areais (mesmo algúns que conseguira bandeira azul) que non contarán con socorristas.
Cal é o problema? No ano 2012 a Xunta aprobou o decreto que fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos, un texto moi esixente que obriga a pasar por 420 horas de cursos para obter o título obrigatorio para traballar, mentres que noutras comunidades autónomas a formación requirida se reduce a unhas poucas horas. Independentemente de que a maior esixencia galega asegure un maior nivel de profesionalidade e eficacia nas persoas finalmente contratadas, a realidade é que se converteu nun obstáculo enorme para moitas das persoas que anteriormente optaban a estes postos.
Os cursos teñen un prezo duns 1.400 euros, un gran desembolso para finalmente poder traballar dous ou tres meses
Os cursos teñen un prezo duns 1.400 euros, un gran desembolso para finalmente poder traballar un par de meses (tres, como moito, nalgúns concellos), con salarios que se moven ao redor dos 1.200 euros mensuais, 1.500 no mellor dos casos. Noutras comunidades, ademais de que os cursos son máis baratos (por incluír menos horas de formación), os veráns son máis longos, polo que os servizos de socorrismo en ocasións chegan aos seis meses de duración. Os socorristas galegos, moi ben formados e moi valorados, tenden a marchar a outras comunidades, onde poden traballar máis tempo e son mellor pagados. Á inversa, Galicia case non pode contratar socorristas de fóra, pois carecen da esixente acreditación galega.
O pasado ano un gran número de concellos non foron quen de cubrir todas as prazas convocadas
De momento, en Ferrol tan só se presentaron 50 aspirantes para cubrir as 52 prazas de socorrista convocadas e fóra das cidades a situación é aínda peor. O pasado verán ningunha persoa se presentou ás probas en Corcubión, no Vicedo os 6 postos quedaron igualmente vacantes, en Ortigueira só se cubriu 1 das 12 prazas convocadas, en Porto do Son cubríronse 6 das 20 necesarias, en Ponteceso 7 de 12 e en Fisterra 2 de 6. Outros concellos, como Cedeira, Pontedeume, Ares, Burela, Viveiro, Foz, Carnota, Muros, Rianxo, Marín ou Bueu tampouco cubriron todas as prazas de socorrista que necesitaban.
Noutros lugares, como Laxe, Nigrán ou Baiona, a falta de socorristas puxo en risco as bandeiras azuis que estes concellos conseguiran (este ano Nigrán renunciou a elas) e obrigounos a tentar atraer profesionais doutros países, incrementando os salarios ofrecidos.
Nos últimos anos a Federación Española de Salvamento e Socorrismo amosouse moi crítica coa regulación realizada pola Xunta destes servizos, acusándoa de fixar unha normativa "estrita e errática" que limitaba en exceso o acceso destes profesionais ás prazas de socorrista, que en moitos lugares quedaban desertas. O Goberno galego modificou a súa propia norma hai dous anos "tras cinco anos de constatación do fracaso da súa implementación", reducindo agora as esixencias para ocupar estas prazas. Porén, dende a Federación alertan de que aínda se manteñen os efectos negativos produto destes anos de aplicación.
A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo reclama a flexibilización da norma, mellores condicións e contratos máis longos
A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo tamén leva anos reclamando cambios na regulación para mellorar o servizo que se dá nas praias galegas e igualmente mellorar as saídas profesionais e as condicións laborais dos e das socorristas. E alertan de que este verán se repetirán os problemas de anos anteriores; lembran, por exemplo que no rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia (onde deben figurar todas as persoas que queiran traballar este verán) este ano hai 300 persoas menos que no 2018. A cifra total rolda as 5.000 persoas, un número que pode parecer moi elevado, pero dende a Federación advírtese de que unha parte moi importantes destes e destas socorristas non están realmente dispoñibles, ou non estarán interesados nuns contratos que non superan os dous ou tres meses.
A realización de contratos de maior duración é unha das propostas que dende hai un tempo esta sobre a mesa, como unha forma de mellorar o servizo e, sobre todo, de facer máis atractivo o traballo para os e as posibles aspirantes. Dende a Federación, tamén se insta a modificar a lei para obrigar a que todas as praias estean obrigadas a contar con servizos de salvamento, unha obriga que agora só teñen os areais con bandeira azul ou con outras acreditacións.
Tamén se insta a modificar a lei para obrigar a que todas as praias estean obrigadas a contar con servizos de salvamento
Tamén se demanda flexibilizar aínda máis a aplicación da actual norma, sobre todo no que se refire ás 420 horas de cursos esixidas, que se se realizan en fins de semana obrigan a unha dedicación de varios meses. Xa hai dous anos a Xunta aceptou aplicar unha moratoria na esixencia da acreditación profesional e, de igual xeito, comezou a permitir a incorporación ao rexistro de titulados en Educación Física que realizasen un curso-ponte.
A Federación tamén reclama que se valore máis o traballo que fan estes e estas socorristas, que cumpren unha función esencial para o salvamento de vidas e a seguridade en praias e piscinas, un traballo "duro", repiten, que non ten nada que ver "con pasar o verán tomando o sol".
217 mortes en catro anos
A importancia do traballo realizado polos e polas socorristas queda claro ao observar as estatísticas de afogamentos, que todos os anos colocan a Galicia nos primeiros lugares do Estado. O noso país conta con 1.500 quilómetros de costa e máis de 750 areais e un cento de bandeiras azuis.
Case ningunha das mortes por afogamento se produciu en espazos que contaban cun servizo de salvamento
A estatística amosa tamén que case ningunha desas mortes se produciu en espazos que contaban cun servizo de salvamento. En 2017, de feito, houbo 0 falecementos nestes lugares, e no 2018 a porcentaxe foi só do 6%.
A maior parte das persoas que morren afogadas son homes (o 81%) e cunha media de idade de 65 anos. O 35% dos falecidos superaba esa idade e outro 24% tiña entre 45 e 64 anos. Xullo é o mes máis mortífico, seguido de abril (posiblemente pola coincidencia coa Semana Santa), xuño e agosto.