Menos residencias e persoal sanitario, pero máis maiores de 80: as razóns polas que Galicia terá agora máis vacinas da COVID

Inicio da vacinación en Galicia ás persoas de 80 anos e máis, este venres no centro de saúde do Milladoiro, en Ames © Xunta

Galicia administrou ata este xoves un total de 149.983 doses da vacina contra a Covid-19 e 57.611 persoas recibiron xa as dúas doses, o que lles proporciona a inmunidade contra a doenza. 34.761 recibiron polo de agora unha soa dose e están á espera de recibir a segunda. Son os últimos datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, este venres, xusto na xornada na que se iniciou en Galicia o proceso de vacinación xeneralizada das persoas de 80 anos ou máis, un colectivo moi amplo (máis de 234.000 persoas) que constitúe ademais un dos máis vulnerables á enfermidade, concentrando ata agora o 72% de todas as persoas falecidas por mor da enfermidade.

Este venres foron vacinadas 569 persoas de máis de 80 anos en oito centros de saúde da área sanitaria de Santiago-Barbanza. Tratábase dunha proba piloto que dará paso, este luns, á vacinación en toda Galicia

Este venres foron vacinadas 569 persoas en oito centros de saúde da área sanitaria de Santiago-Barbanza. Tratábase dunha proba piloto que dará paso, este luns, á vacinación en toda Galicia. A Xunta espera que cada semana sexan vacinadas ao redor de 30.000 persoas deste grupo, unhas previsións que dependerán das vacinas das que se dispoña en cada momento, cun ritmo de recepción de doses que deberá ser maior ao actual.

Unha das queixas recorrentes do Goberno galego nas últimas semanas está a ser a escasa cantidade de vacinas enviadas a Galicia por parte do Goberno central. As críticas no resto de comunidades autónomas e, en realidade, en todos os países da Unión Europea, foron semellantes ante a lentitude do proceso de produción e distribución das vacinas aprobadas na UE. Aínda este xoves o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu responsabilizar o Goberno central de que Galicia estea por debaixo da súa "capacidade real" de vacinación.

O certo é que ata agora se está a seguir o criterio fixados polo Consello Interterritorial de Sanidade (no que están representadas as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade), que acordou que cada comunidade recibise en cada momento un número de doses de vacinas proporcional á porcentaxe de poboación diana en cada unha das fases de vacinación, é dicir, en función do número de persoas que forman parte dos colectivos que van ser vacinados en cada momento.

Galicia recibiu ata agora 6.919 doses por cada 100.000 habitantes, fronte ás 7.653 da media española ou as máis de 11 mil que recibiu Asturias

En virtude deste criterio Galicia recibiu ata agora un número de vacinas por habitante moi por debaixo da media española. De feito, é a cuarta comunidade autónoma que menos vacinas recibiu en termos proporcionais. En concreto, Galicia recibiu ata o momento 6.919 doses por cada 100.000 habitantes, fronte ás 7.653 da media española ou as máis de 11 mil que recibiu Asturias, un 60% máis que Galicia. En consecuencia, Galicia é tamén unha das comunidades que menos doses administrou (5.546 por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media española) e que inmunizou a unha menor porcentaxe da súa poboación: un 2,13%

A Xunta traballa coa previsión de que o primeiro envío do mes de marzo será moi superior aos precedentes e responderá á maior proporción de poboación maior coa que conta Galicia

O inicio da segunda fase do proceso de vacinación, centrada sobre todo nas persoas de 80 anos ou máis, farase aínda cun número de vacinas inferior ao que reciben outros territorios, pois o último envío de doses da vacina de Pfizer (a que vai ser aplicada a este colectivo) aínda se situou por debaixo da media. En concreto, o envío máis recente, recibido hai tan só uns días, achegou a Galicia 909 doses por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media española (1.021) e moi lonxe das cifras de Asturias, Castela-León, Cantabria ou Estremadura, por riba das 1.300 doses por cada 100.000 habitantes.

Porén, dende a Consellaría de Sanidade confirman a Praza.gal que a Xunta traballa coa previsión de que o primeiro envío do mes de marzo, que chegará dentro de dúas semanas, será moi superior aos precedentes e responderá á maior proporción de poboación maior coa que conta Galicia. Iso é cando, menos, o que se comunicou dende o Ministerio de Sanidade.

Por que Galicia recibe menos vacinas?

O feito de que Galicia recibira ata agora menos doses ten que ver co tamaño dos colectivos e grupos que foron vacinados ata agora: ten menos prazas de residencias e menos persoal sanitario que a media española

O Consello Interterritorial de Sanidade acordou que o reparto das vacinas entre as comunidades autónomas se fixese de acordo ao número de persoas que debían ser vacinadas en cada fase. Lonxe de constituír unha aldraxe, o feito de que Galicia recibira ata agora menos doses ten que ver co tamaño dos colectivos e grupos que foron vacinados ata agora, principalmente usuarios e usuarias de residencias, as traballadoras destes centros e tamén o persoal sanitario de primeira liña.

En primeiro lugar, a pesar de ser unha das comunidades autónomas máis envellecidas, Galicia é un dos territorios do Estado cun menor número de prazas de residencias e de persoas residentes nestas instalacións. As ao redor de 22.000 prazas residenciais están moi lonxe das 47.000 das que dispón Castela-León, cunha poboación total inferior á galega, o mesmo que Castela-A Mancha (28.000 prazas pero moitos menos habitantes que Galicia) ou Asturias, que co 40% da poboación de Galicia, conta con 15.000 prazas nestes centros.

O outro factor é a cantidade de persoal sanitario que traballa en cada comunidade autónoma. Sen atopar diferenzas tan grandes como no caso das residencias, o ratio de médicos/as colexiados/as en Galicia por cada 100.000 habitantes (437) está por debaixo da media española (468) e o mesmo sucede co número de enfermeiros/as por cada 100.000 habitantes, que tamén é inferior en Galicia (493) que no conxunto do Estado (566). 

 

Por que Galicia vai recibir un número maior a partir de agora?

Galicia recibe agora o 5,16% das vacinas. En marzo pasará a recibir máis do 8%

Ata agora Galicia está a recibir pouco máis do 5% das vacinas distribuídas en España (5,16%), a pesar de ter máis do 5,7% da poboación. Iso debería cambiar radicalmente nas vindeiras semanas. Segundo a Consellaría de Sanidade, no primeiro envío de doses do mes de marzo do Ministerio de Sanidade correponderanlle a Galicia máis do 8% do total (o 8,2%). A razón é a elevada proporción de poboación máis de 80 anos residente no noso país (8,67%), unha porcentaxe só superada polo 9,34% de Castela e León e moi próxima ao dato de Asturias (8,62%). No resto de territorios a proporción de maiores de 80 é moi inferior e a media no conxunto do Estado é do 5,97%.

Un incremento necesario para cumprir os prazos fixados pola Xunta

Esta semana Galicia recibiu algo máis de 24.000 vacinas de Pfizer, insuficientes para chegar ao ritmo de 30.000 doses previsto

Este incremento no ritmo de recepción é imprescindible para achegarse aos obxectivos de vacinación fixados polo Goberno galego, que prevé administrar 30.000 doses cada semana á poboación de 80 ou máis anos. Esta semana, por exemplo, Galicia recibiu algo máis de 24.000 vacinas de Pfizer, ademais dunhas 12.800 de AstraZeneca, destinada ás persoas de menos de 55 anos (nomeadamente persoal dos colectivos esenciais: sanitarios, docentes, forzas de seguridade, emerxencias...).

A un ritmo de 30.000 doses por semana e tendo en conta que son necesarias dúas doses por persoa, tardaríanse tres meses en inmunizar a toda esta poboación

Neste proceso vacinaranse a ao redor de 221.000 persoas maiores de 80 anos (hai un total de 234.000, pero unha parte xa foron inmunizadas por ser usuarias de residencias). A un ritmo de 30.000 doses por semana e tendo en conta que son necesarias dúas doses por persoa (un total de 442.000), tardaríanse tres meses, ata finais do mes de maio, en inmunizar a todo este grupo de poboación. 

Hai unhas semanas a Xunta fixou "a comezos de maio" como o prazo previsto para rematar esta vacinación, un obxectivo para o que habería que incrementar lixeiramente ese ritmo de 30.000 doses por semana. Dende a Consellaría de Sanidade indícase que, efectivamente, o ritmo podería incrementarse na medida en que tamén se incremente a cantidade de vacinas que chegan a Galicia, ben de Pfizer ou Moderna ou mesmo dalgunha das novas medicacións que serán aprobadas en breve.

Inicio da vacinación en Galicia ás persoas de 80 anos e máis, este venres no centro de saúde do Milladoiro, en Ames © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.