A lei de acompañamento dos orzamentos entregada este luns no Parlamento confirma o borrador desvelado o pasado mércores por Praza.gal para que o Goberno galego poida dividir grupos de aspirantes ou facerlles exames distintos, entre outras medidas
O Goberno galego darase mans libres para poder mudar o desenvolvemento tradicional das probas de acceso ao emprego público con “calquera” medida que sexa proposta pola “autoridade sanitaria autonómica”, que é a propia Xunta. Así o ratifica o proxecto de lei de acompañamento dos orzamentos galegos para 2021 que este luns entrou no Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación, un texto que confirma o borrador avanzado o pasado mércores por Praza.gal pero no que se matiza, algo que non facía aquel texto, que as medidas afectarán aos procesos de selección "tanto se están convocados no momento da entrada en vigor desta lei como se son convocados con posterioridade". A previsión do Goberno galego é que tanto os orzamentos como a súa lei de acompañamento estean aprobadas a finais de xaneiro.
No texto definitivo a Xunta aclara que as novas medidas afectarán a procesos de selección "tanto se están convocados no momento da entrada en vigor desta lei como se son convocados con posterioridade"
Ademais da lei de orzamentos, os gobernos de Feijóo veñen recorrendo ano tras ano a acompañalas de leis de medidas fiscais e administrativas, as denominadas leis de acompañamento coas que mudan con menos debate e de xeito acelerado todo tipo de normas previas, neste caso a lei 2/2015 de emprego público. Como avanzou este diario, a modificación legal que agora se aprobará contempla, con lixeiras variacións na súa redacción definitiva a respecto do borrador, “a realización dos exercicios dos procesos selectivos en distintas quendas, con distintos exercicios sobre o mesmo temario, distribuíndose as persoas aspirantes do xeito que determine o órgano convocante dos procesos, sempre que, en todo caso, quede garantido o respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso ao emprego público”.
A norma tamén prevé tamén a “fixación de datas alternativas para a realización de exercicios de procesos selectivos a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por atoparse cumprindo unha medida de illamento ou en corentena”, “a ampliación dos distintos prazos de realización dos exercicios” e “a ampliación dos distintos prazos para a resolución dos procesos de provisión”.
E como xa recollía o borrador avanzado por Praza.gal o pasado mércores, a Xunta non se limita a esa casuística que detalla. Nun último punto a lei de acompañamento inclúe, para o referente ás probas de acceso ao emprego público, “a adopción de calquera outra medida, debidamente xustificada, a proposta da autoridade sanitaria autonómica competente”, unha redacción que muda a do borrador ao engadirlle o adxectivo “autonómica”, ausente no texto anterior e que deixa claro que será a propia Xunta, en non outra administración, a que se propoña esas medidas a si mesma.
A emerxencia sanitaria polo coronavirus fixo que a Xunta adiase procesos de selección de persoal que tiña en marcha e só celebrase o pasado outubro exames de funcionarización de persoal que xa traballa para ela nos que o grupo de aspirantes de maior tamaño roldaba as 300 prazas. Porén, probas que adoitan congregar no recinto feiral de Silleda a milleiros de persoas na mesma xornada para realizar todas elas un mesmo exame seguen no aire polo risco de contaxio que poderían supoñer.