O caso non será contabilizado como violencia machista por non existir relación previa entre vítima e agresor
O xurado popular encargado de xulgar a José Enrique Abuín, alias o Chicle, pola morte en 2016 da moza Diana Quer emitiu este sábado o seu veredicto, no que declara por unanimidade ao acusado culpable de asasinato e agresión sexual, pero non considera probado que houbese violación. O caso non será contabilizado como violencia machista por non contemplar aínda o Goberno esa posibilidade para os casos nos que non existía unha relación previa entre vítima e agresor.
Tras entregar este venres un primeiro veredicto no que o xuíz viu “posibles contradicións” ou “errores formais”, o xurado popular volveu reunirse este sábado. Finalmente, contra as dúas da tarde o portavoz do xurado leu na sala de vistas as conclusións, que declaran probado que Abuín detivo ilegalmente a Diana Quer na Pobra do Caramiñal a noite do 22 de agosto 2016, trasladouna á nave de Asados, en Rianxo, e alí cometeu un segundo delito de agresión sexual e un terceiro de asasinato con aleivosía, este último de xeito “subseguinte” e para ocultar o delito previo contra a liberdade sexual.
Segundo o xurado, Abuín detivo ilegalmente a Diana Quer, agrediuna sexualmente e asasinouna con aleivosía, este último delito cometido de xeito “subseguinte” e para ocultar o delito previo
O xurado, pola contra, non considera probado que Abuín cometese violación nin intento de violación, o que facilitaría que fose condenado a prisión permanente revisable. Porén, a acusación insistiu este mesmo sábado en que mantén a súa petición de que se lle aplique esa pena tamén polo feito de ser cometido o asasinato de xeito subseguinte e para ocultar a agresión sexual. A defensa, pola contra, que ao rematar o xuízo pedía un máximo de sete anos por homicidio, oponse a esa prisión permanente revisable.
Agora será o xuíz Ángel Pantín o encargado de emitir a sentenza e establecer a condena que considere adecuada para os delitos que o xurado considerou probados.
O xurado, no seu veredicto, amósase desfavorable tanto a suspender a pena de prisión de Abuín mentres a sentenza non sexa firme como a que poida beneficiarse dun posible indulto. Agora será o xuíz Ángel Pantín o encargado de emitir a sentenza e establecer a condena que considere adecuada para os delitos que o xurado considerou probados.
O asasinato de Diana Quer en 2016 que agora xa ten un veredicto non será en todo caso considerado como violencia de xénero nas estatísticas oficiais. Na lenta aplicación do denominado Convenio de Istambul do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica non se contabiliza aínda ás vítimas de crimes machistas cuxo autor non mantivera unha relación con elas.