A xuíza instrutora sinala que as dúas administracións concederon autorizacións para o evento malia non realizar durante anos ningunha actuación de mantemento da zona que afundiu ferindo centos de persoas
A xuíza instrutora do accidente ocorrido o 12 de agosto de 2018 durante a celebración en Vigo do Festival O Marisquiño, no que resultaron feridas centos de persoas ao afundirse parte dun paseo marítimo, vén de citar a declarar como investigados (antiga figura do imputado) a dous técnicos da Autoridade Portuaria de Vigo e outros dous do Concello.
No auto a xuíza sinala que “a día de hoxe non consta que nin o Porto, como titular do devandito paseo sobre o mar, nin o Concello, como asinante da acta de entrega das obras e do convenio no que se fai cargo do mantemento, realizasen ningunha actuación nin inspección para o mantemento e conservación das devanditas obras nin se requirisen un ao outro para iso, a pesar dos moitos anos transcorridos desde a súa construción inicial e a súa remodelación co proxecto Abrir Vigo ao Mar”. “Non obstante o cal”, engade o auto, “ambas entidades concederon sendas autorizacións para o evento”.
Tras o afundimento do paseo o Concello e o Porto, presidido polo popular Enrique López Veiga, culpáronse mutuamente do sinistro atribuíndose a responsabilidade do mantemento dese espazo
O auto do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo que investiga o caso prodúcese tras analizar os informes periciais e diversa documentación e nel a xuíza di que tras a construción hai máis de 30 anos da estrutura que sustentaba o paseo afundido “non foi levada a cabo por ningunha das entidades titulares, cesionarias ou usuarias da devandita construción sobre o bordo marítimo actividade ningunha de conservación ou mantemento, a pesar de que os paneis prefabricados se atopaban a pouca altura sobre o nivel do mar e na zona de salpicaduras, que é onde o ambiente marítimo causou maiores danos sobre os paneis de formigón e aceiro”. Todo iso, segundo consta no auto, “provocou a rotura da estrutura por colapso como consecuencia do avanzado estado de corrosión do armazón de aceiro dos paneis prefabricados que a sostiñan durante a celebración do evento”.
Tras o afundimento do paseo, o Concello, gobernado polo socialista Abel Caballero, e o Porto, presidido polo popular Enrique López Veiga, culpáronse mutuamente do sinistro atribuíndose a responsabilidade do mantemento dese espazo, incluído no acordo Abrir Vigo ao Mar polo que hai tres décadas varias zonas portuarias foron urbanizadas e cedidas ao Concello para uso público. Agora o xulgado sinala que tanto o Porto como o Concello, a pesar da falta de mantemento, concederon autorizacións para o evento. A xuíza di que, por iso, dedúcese “indiciariamente” a posible comisión dun delito de lesións por imprudencia.
O auto tamén pide diversa documentación ao Porto, o Concello e o Real Club Náutico de Vigo, veciño da estrutura afundida, sobre posibles queixas ou reclamacións previas sobre o estado da zona
O auto empraza á Autoridade Portuaria como responsable civil, “dada a cesión de uso sobre o terreo da súa titularidade realizada sen ter constancia da existencia de revisións ou inspeccións levadas a cabo por calquera cesionario desde que se construíu a estrutura colapsada” e cita á directora do Porto en calidade de responsable civil para que aclare as circunstancias da firma do contrato de cesión de uso do devandito terreo á empresa que celebraba O Marisquiño. Igualmente, pide ao Porto que informe sobre a identidade do director técnico ou do técnico encargado do control e supervisión do estado das infraestruturas da súa titularidade en agosto de 2018 para, unha vez identificado, tomarlle declaración igualmente como investigado.
Canto ao Concello, a xuíza cita tamén en calidade de investigado ao seu enxeñeiro xefe de Vías e Obras así como ao xefe de Urbanización e Infraestruturas, os cales deberán achegar xustificacións documentais en caso de ter realizado obras de mantemento e conservación antes do derrubamento. O auto tamén pide diversa documentación ao Porto, o Concello e o Real Club Náutico de Vigo, veciño da estrutura afundida, sobre posibles queixas ou reclamacións previas sobre o estado da zona.
Tras o sinistro, o cruce de acusacións entre Porto e Concello levou á creación, por iniciativa de En Marea e BNG e co consentimento do PP, dunha comisión de investigación política no Parlamento de Galicia na que o PSdeG rexeitou participar. Á espera aínda das súas conclusións, o presidente Feijóo chegou a prexulgar que a comisión poría o foco na responsabilidade do Concello máis que na Autoridade Portuaria. Pola súa banda, na súa comparecencia na mesma o alcalde, Abel Caballero, insistiu en que o afundido foi unha estrutura portuaria e que tras o accidente Feijóo buscou “un ataque a Vigo e ao seu alcalde”.