- HEMEROTECA | O Parlamento galego rexeita nove de cada dez comisións de investigacións que se solicitan
- CRÓNICA | A segunda batalla de Soutomaior, por Anxo Lugilde
A abstención do PP vén de permitir este martes que o Parlamento de Galicia cree, a petición de En Marea e BNG e coa oposición do PSdeG, unha comisión de investigación política sobre o accidente ocorrido o pasado 12 de agosto en Vigo durante o festival de cultura urbana O Marisquiño, que deixou varios centos de feridos ao afundirse o chan dunha parte do porto. Do mantemento dese espazo veñen responsabilizándose mutuamente o Concello, gobernado polo socialista Abel Caballero, e a Autoridade Portuaria, controlada polo PP. A decisión dos segundos de absterse, facilitando así a creación da comisión, veu precedida pola ameaza este luns do PSOE de Vigo de abrir á súa vez unha investigación a nivel municipal sobre a relación do presidente Feijóo co narcotraficannte Marcial Dorado.
O PP facilita coa súa abstención a comisión de investigación do sinistro pedida por En Marea e BNG e rexeitada polos socialistas
Tras rexeitar hai dúas semanas populares e socialistas convocar un pleno extraordinario para debater a creación da comisión que reclamaban En Marea e BNG, a petición foi tratada no primeiro pleno ordinario celebrado este martes. O regulamento da Cámara establece que unha comisión dese tipo pode ser creada se hai máis votos a favor que en contra, e iso foi o que ocorreu ao absterse os 41 deputados populares presentes este martes: En Marea e BNG sumaron 20 votos a favor polos 14 en contra dos socialistas.
Previamente, este luns concelleiros do PSOE en Vigo ameazaron aos populares, segundo avanzou Europa Press na súa web e ratifican fontes socialistas consultadas, con responder creando á súa vez no Concello unha comisión de investigación política sobre a relación de Feijóo con Dorado nos anos 90, cando o primeiro era número dous da Consellería de Sanidade. Unha ameaza que xogaría coa incomodidade dos populares ao ter que volver a ver as fotos da amizade de anos do seu líder co daquela contrabandista, imaxe que para os socialistas é máis potente políticamente e incómoda para Feijóo que o que pode ser para Caballero o "ruído mediático" que ao seu xuízo vai xerar o cruce de acusacións na comisión sobre O Marisquiño.
“Queremos transparencia, que se coñeza a verdade, pero non queremos circos”, defendeu a deputada popular Teresa Egerique
Este martes a postura popular foi defendida na Cámara pola deputada viguesa Teresa Egerique, que cargou contra o alcalde ao tempo que restou relevancia ás comisións de investigación política. “Queremos transparencia, que se coñeza a verdade, pero non queremos circos”, foi a frase coa que resumiu a súa postura nunha intervención na que en ningún momento pronunciou a palabra abstención nin a xustificou, pero si deixou caer frases como “este grupo non quere eludir o debate” ou “hai moitas preguntas que ten que responder o alcalde de Vigo”. Pola contra, Egerique insistiu en que ao PP non lle gusta “facer investigacións cando o tema está xudicializado” ao tempo que cargaba contra Caballero definíndoo como “charlatán” ao “máis puro estilo Maduro”. Nada dixo Egerique de posibles responsabilidades da autoridade portuaria.
O socialista Losada atribuíu o desexo de En Marea e BNG de debater sobre O Marisquiño no Parlamento á súa irrelevancia no Concello de Vigo
A negativa do PSdeG a crear a comisión foi defendida por Abel Losada, home de confianza do alcalde de Vigo, quen comezou lembrando que o BNG non ten presenza na Corporación municipal mentres que En Marea só conta con tres concelleiros, acusándoos de querer ter no Parlamento un protagonismo político que non son quen de acadar en Vigo. Losada insistiu en que o que se afundiu foi “un peirao, e polo tanto afundiuse un porto”, e ao tempo minimizou a gravidade do accidente lembrando que os feridos foron xa dados de alta.
Villares e Pontón reiteraron que a investigación xudicial ten distintos obxectivos que a análise política que agora se iniciará
En defensa da comisión pronunciáronse os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón. O primeiro lamentou que “ningunha das administracións involucradas tivo a iniciativa de dar explicacións polo sucedido” senón que, pola contra, “atopamos un cruce de acusacións por parte de malos gobernantes” en función dos seus “intereses particulares”. Villares expuxo catro motivos polos que ao seu xuízo o Parlamento é un foro adecuado para analizar o sinistro: que a normativa de supervisión dos espectáculos públicos é autonómica; o feito de que, malia que o de Vigo é un porto de titularidade estatal, en Galicia haxa “122 portos de competencia autonómica nos que se producen espectáculos públicos”; que o presidente da Autoridade Portuaria, malia ser estatal, é nomeado a proposta da Xunta de Galicia; e, finalmente, a necesidade de analizar se está funcionando correctamente a lei de emerxencias autonómica e os plans de emerxencias municipais que a primeira obriga a implantar.
Villares tamén argumentou que “a investigación penal mira ao pasado e a parlamentaria mira ao futuro” para evitar que volva suceder o mesmo. En similar liña se pronunciou a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen considerou “vergoñento” o cruce de acusacións entre os socialistas no goberno local de Vigo e os populares que controlan o porto. Pontón lamentou o “temor” do PSdeG por non querer investigar “responsabilidades múltiples” que tamén atribuíu aos populares e considerou “escusa de mal pagador” rexeitar unha investigación política polo feito de que xa haxa en marcha unha xudicial.
O antecedente da investigación sobre Angrois
A decisión do PP de facilitar coa súa abstención a investigación sobre o accidente de Vigo contrasta co seu bloqueo reiterado a outras como a de Angrois
O limitado número de votos a favor co que saiu adiante este martes a creación da comisión sobre O Marisquiño é un feito extraordinario máis que se engade á xa de por si extraordinaria creación de investigacións parlamentarias. En toda a súa historia a Cámara autonómica só autorizou ata o de agora unha de cada dez comisións de investigación solicitadas por algún grupo.
A decisión do PP de facilitar coa súa abstención a creación dunha comisión sobre o accidente de Vigo contrasta co seu bloqueo reiterado a outras solicitadas nos outros anos pola oposición, como a que tamén En Marea e BNG reclamaron de xeito reiterado sobre o accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas. No caso do sinistro ferroviario os populares argumentaron, ademais do feito de que tamén está baixo investigación xudicial, como ocorre co Marisquiño, que o accidente se producira en instalacións que non son de titularidade autonómica, como é a rede ferroviaria. Este martes en ningún momento tirou dese argumento para pronunciarse a favor ou en contra de investigar o accidente do Marisquiño no que o debate é se o espazo afundido era de competencia municipal ou da autoridade portuaria, de titularidade estatal.
Feijóo chegou a considerar o cambio de postura do PSdeG cando pasou a apoiar que se investigase Angrois como un intento de "xogar coas vítimas"
No caso de Angrois, Feijóo presentara como “coherencia” a súa negativa a investigar o sinistro no Parlamento de Galicia. En maio do ano pasado, cando o PP quedou só na Cámara autonómica coa súa negativa, o cambio de postura do PSdeG, que pasou das abstencións previas nese mesmo foro a un voto favorable á investigación (insuficiente fronte á maioría absoluta en contra dos populares) foi considerado por Feijóo como un intento da oposición de “xogar coas vítimas”.