O Parlamento galego pode investigar o accidente de Angrois e así será torpedeado se o fai

Referencia ás comisións de investigación no Regulamento do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

A citación como investigado -antiga imputación- do ex-xefe de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, como presunto autor de delitos de homicio e lesións por imprudencia grave no accidente de Angrois, onde faleceron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013, vén de reactivar por enésima vez a esixencia de dúas novas investigacións sobre o acontecido: unha técnica e independente e outra, política. Así o reclama o principal colectivo de persoas afectadas polo sinistro, a Plataforma Víctimas Alvia 04155, e así o volveron esixir tamén no Parlamento galego En Marea e BNG apenas tres semanas despois de que a súa petición de poñer en marcha unha comisión de investigación fracasase fronte ao "non" do PP e a abstención do PSdeG, formacións que din apoiar unha nova investigación técnica, pero non a política.

Os populares e, con matices, tamén os socialistas,  sustentan a súa negativa en que o Parlamento galego carece de competencias, de "capacidade para investigar" un ámbito de "competencia" do Estado, en verbas de Pedro Puy. Esta afirmación, reiterada en infinidade de ocasións durante os últimos tres anos -o PP chegou a asegurar que a Cámara galega carece de "lexitimidade" para acometer esta investigación- é sustentada, segundo Alberto Núñez Feijóo, en que a ferroviaria é unha "competencia exclusiva do Estado". No entanto, estas posturas entran en aberta contradición co Regulamento do Parlamento, que no seu artigo 52 deixa claro que é posible abrir unha comisión de investigación sobre "calquera asunto de interese público". A Cámara galega pode, daquela, abrir unha comisión de investigación sobre as causas do descarrilamento do Alvia. Pero esta, con toda probabilidade, sería torpedeada por varias vías.

Como pode investigar

Coa súa actual redacción, vixente dende 2015, as normas parlamentarias poñen á disposición dos grupos dúas vías para abrir esta e calquera outra investigación. A máis habitual é a que tentaron sen éxito En Marea e BNG o pasado febreiro nuns termos moi semellantes aos formulados na pasada lexislatura por AGE e o propio Bloque. Así, ambos grupos únense para acadar o mínimo esixido -dous grupos ou 15 escanos- nestas solicitudes e someten a petición ao pleno. Por esta vía o apoio do PP é imprescindible, con independencia de que o PSdeG se manteña na abstención ou mude de postura.

O Regulamento da Cámara galega deixa claro que pode investigar "calquera asunto de interese público"

A segunda posibilidade, contemplada nun precepto regulamentario estreado nesta lexislatura, faría preciso un acordo previo de toda a oposición. Na súa formulación actual o devandito artigo 52 permite que 25 deputados e deputadas, se son do mesmo grupo, ou 30, se son de varios activen unha comisión de investigación por lexislatura de xeito "automático", con independencia de que a maioría vote a prol ou non. Esta fórmula foi a aludida estes martes pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que anunciou a súa intención de pedir formalmente aos socialistas que accedan a poñer a súa sinatura nesta petición. O voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reiterou que non contemplan facelo porque "non compete ao Parlamento de Galicia", abordar esta investigación.

Así sería torpedeada

A investigación é, daquela, perfectamente posible dende o punto de vista competencial. Así o demostran, ademais dos preceptos regulamentarios, as dúas comisións de investigación que a Cámara galega abriu sobre asuntos que atinxían a competencias estatais. Eses precedentes, as comisións sobre o naufraxio do Prestige e a fusión das caixas, son tamén, paradoxalmente, as mellores mostras de como esta investigación podería ser torpedeada politicamente dende fóra, pero tamén dende dentro.

Os precedentes do Prestige e as caixas acreditan que é posible investigar asuntos que atinxen a competencias estatais, pero tamén amosan os xeitos en que a investigación pode ser atrancada

Os riscos internos para a comisión residirían, fundamentalmente, en que unha vez aprobada a investigación pola vía automática volvería operar o xogo de maiorías do xeito ordinario. Así as cousas, o PP tería a capacidade de decidir quen preside a comisión e de facer primar o seu criterio á hora de aprobar o plan de traballo e a lista de comparecentes. De controlar, polo tanto, o que se investiga e ata onde se investiga. Así o fixeron en 2003 coa comisión do Prestige, aberta por unanimidade.

Adicionalmente, os conservadores poderían recorrer a unha ferramenta creada en 2003 polo propio PP para pechar pola vía rápida a investigación sobre o petroleiro naufragado, unha norma ad hoc para disolver a través do pleno unha comisión de investigación se consideran que existe "imposibilidade obxectiva de rematar o labor encomendado". Este recurso sería, non obstante, todo un risco para o partido do Goberno, xa que o Tribunal Constitucional atendeu daquela os recursos que presentaran PSdeG e BNG e no ano 2004 obrigou a reabrir a comisión.

Alén do control do PP no propio Pazo do Hórreo, os riscos externos para a comisión serían aínda maiores. Trátase, fundamentalmente, dos aludidos por Puy este martes: os cargos de Fomento, Renfe ou Adif terían ata "dous motivos para xustificaren a súa inasistencia" cando fosen convocados para compareceren no Parlamento galego: "Que son funcionarios do Estado e responden ante as Cortes Xerais". E, adicionalmente, que o proceso xudicial está en marcha. Así aconteceu durante a comisión das caixas, na que cargos estatais se negaron a comparecer ou accederon a facelo só por escrito. O Goberno de España podería negarse, ademais, a achegar documentación e informes.

A vía das Cortes Xerais

Neste escenario, tanto Puy como Leiceaga apuntan que, ao seu xuízo, "se se quere investigar o accidente de Angrois en sede parlamentaria ten que crearse unha comisión de investigación nas Cortes Xerais", sinala o popular. No entanto, en todas as ocasións en que esta investigación foi reclamada no Congreso -primeiro polo BNG e despois, por En Marea- atopouse coa abstención socialista e cunha dura oposición do PP, que a través do seu voceiro, Rafael Hernando, chegou a cualificar a petición como "absurda" e "miserable"

Concentración das vítimas de Angrois na Praza do Obradoiro polo terceiro aniversario do sinistro CC-BY-SA Praza Pública
Xunta de Portavoces do Parlamento, este martes © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.