O veto á investigación de Angrois: Cuestión de competencias?

Rajoy e Feijóo, no lugar do accidente © Goberno de España

"Podemos estar investigándoo todo, o problema é que hai unha responsabilidade no ámbito nacional, porque é unha competencia exclusiva do Estado". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitaba este martes a súa presenza no programa Los Desayunos de TVE para abondar na postura oficial do seu partido a respecto do veto no Parlamento de Galicia á comisión de investigación sobre a traxedia ferroviaria de Angrois que esixiran AGE e o BNG. A Cámara galega non investiga porque o ferrocarril non é competencia autonómica, vén dicir o presidente, contradicindo así o Regulamento da Cámara e mentres, ao tempo, o PP veta a mesma investigación no Congreso dos Deputados, onde se abordan as cuestións de competencia estatal.

"O que hai que facer é ser respectuoso co Estado de Dereito", explicou Feijóo ante as cámaras de Televisión Española, ante as que chegou a ironizar sobre a posibilidade de facer "tamén unha comisión de investigación no Concello de Santiago", dado que o accidente "se produce no ámbito municipal, ou na comarca...". "O que nos esixen os cidadáns é que sexamos responsables e deamos conta das nosas competencias, di". Nas súas aseveracións o presidente obvia así as normas parlamentarias galegas, nomeadamente, o seu artigo 52.1. Nese punto, o Regulamento establece que o pleno, "por proposta da Mesa, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados (...) poderá acordar a creación dunha comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público", isto é, teña ou non competencias sobre tal asunto.

O Regulamento da Cámara establece que se pode investigar "calquera asunto de interese público"

Mentres, dende Madrid, Feijóo xustificaba o rexeitamento á investigación malia asegurar que a Xunta "non quere pechar este asunto sen saber o que pasou" en Compostela AGE e o BNG anunciaban a súa intención de volver solicitar a investigación parlamentaria. "Levarémolo a pleno cantas veces sexa necesario para retratar o PP" que, a xuízo do voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, "non quere que a sociedade coñeza a verdade" amparándose na cuestión competencial. Na anterior sesión plenaria o deputado conservador Alejandro Gómez chegou a negar a "lexitimidade" do lexislativo galego para indagar no sinistro.

Os populares tamén rexeitan a investigación no Congreso, onde se abordan os asuntos estatais

Non obstante, as competencias non foron motivo dabondo para que no Congreso a investigación si saia adiante. Así, unha semana despois de facelo por primeira vez, este martes o grupo que sustenta o Goberno de Rajoy volvía utilizar a súa maioría absoluta para impedir que esta solicitude, formulada polo grupo de Izquierda Plural e polo BNG, puidese chegar a ser debatida en pleno. O Grupo Popular negouse mesmo a que fose incluída na orde do día, un veto que, a xuízo do voceiro de IU, José Luis Centella, supón unha actuación moi "grave", toda vez que o partido da dereita tenta "suplantar" o pleno, chegando a pretender decidir o que se debate e non só o que se aproba.

Feijóo, este martes en TVE © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.