0 Gardados para despois

O Parlamento galego rexeita nove de cada dez comisións de investigacións que se solicitan

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Na historia do Parlamento de Galicia as maiorías absolutas son a tónica dominante, toda vez que en só tres das nove lexislaturas o Goberno non estivo sustentado nun único partido que contase con máis da metade dos escanos. Como adoita acontecer nas cámaras con maioría absoluta, as comisións de investigación no lexislativo galego son escasas e a maioría das solicitudes corren o mesmo destino que a formulada para indagar nas causas e responsabilidades do accidente de Angrois. Así, unha ollada á lexislatura que remata e ás cinco anteriores -antes de 1993 só se aprobara unha única comisión, a do accidente do Mar Exeo na Coruña, e rexeitáranse 11, segundo datos do Parlamento- permite coñecer que practicamente nove de cada dez solicitudes de comisión de investigación nestes máis de vinte anos foron rexeitadas.

Nas últimas dúas décadas solicitáronse unhas 60 comisións de investigación

Dende a cuarta lexislatura autonómica, a segunda con Manuel Fraga no Goberno, tramitáronse formalmente algo máis de 60 solicitudes de creación de comisións de investigación -houbo moitas máis iniciativas con esta finalidade, como mocións ou proposicións non de lei- das que só 9 botaron a andar. A lexislatura na que máis investigacións se abordaron foi a sétima, a do Goberno bipartito, única neste período sen maioría absoluta. Nas restantes, todas con gobernos do PP agás o período de 1987 a 1989, co tripartito, puxéronse en marcha unha ou, nun só caso, dúas comisións.

2012-2016: Si ás caixas, non a Angrois e a todo o demais

Gayoso, chegando a comparecer á comisión das caixas de aforro / Praza Pública

Na lexislatura que vén de rematar os grupos parlamentarios tramitaron ata 12 solicitudes de creación de comisión de investigación, pero só unha botou a andar. Foi a relativa a xestión e desaparición das antigas caixas de aforro, que comezou os seus traballos a comezos de 2013 e os rematou no outono dese mesmo ano sen que, polo momento, se acordasen conclusións definitivas. Como sucedera na anterior lexislatura, durante a cal se culminou a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, o PP non aprobou as solicitudes formuladas ao respecto dende a oposición, senón que as rexeitou para, a continuación, formular a súa propia solicitude.

A comisión de investigación de Angrois foi tombada formalmente en catro ocasións, e varias máis nas que non se chegou a producir o trámite

Entre os asuntos cuxa investigación foi rexeitada destaca, por riba de todos os demais, o accidente de Angrois. Esta petición, apoiada en todas as ocasións por AGE e BNG, chegou a ser realizada e rexeitada formalmente en catro ocasións, pero foron moitas máis se son tidas en conta as peticións que non chegaron a pasar a peneira para seren debatidas en pleno, así como as iniciativas encamiñadas á mesma finalidade.

Ademais do sinistro do Alvia en Compostela os populares tamén impediron abrir comisións para investigar o apoio e xestións da Xunta en torno ao fracasado proxecto de Alimentos Lácteos, sobre a trama Zeta de suposta fraude en cursos de formación -cuxa instrución xudicial aínda continúa- e sobre o modelo público-privado e posta en marcha do novo hospital de Vigo. Máis recentemente, o PP evitou igualmente senllas investigacións sobre as achegas públicas do Goberno galego á Fundación FESAN e sobre a actuación dos servizos de emerxencia no incendio de Fandicosta.

2009-2012: Caixas, Costa da Morte e "trama agraria"

Nos últimos compases da oitava lexislatura, a primeira con Alberto Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta, o PP deu en aprobar unha comisión de investigación sobre as caixas de aforro, que decaeu pola convocatoria das eleccións. Durante os meses anteriores tombara as solicitudes de investigar neste eido que formularan PSdeG e BNG. A petición de comisión de investigación previa ás caixas fora formulada polos propios populares e referíase á alcumada por este partido como "trama agraria", unha rede que, aseguraba o PP, financiaba irregularmente o PSdeG a través do sindicato Unións Agrarias. O partido do Goberno nunca chegou a activar esta comisión de investigación e a vertente xudicial do que segundo o PP era unha fraude foi arquivada de vez pola Audiencia da Coruña en 2014.

O PP aprobou a investigación sobre a "trama agraria", que non chegou a activar

Previamente o Grupo Popular fixo valer a súa maioría absoluta para frear dúas investigacións formuladas polo PSdeG, na altura liderado por Pachi Vázquez. A primeira referíase ao suposto sobrecusto na construción da sede da Fundación FEGAS, unha entidade dependente de Sanidade ubicada no mesmo edificio que a sede do PP galego e cuxo custo adicional fora parar, segundo os socialistas, ao local dos conservadores. Do PSdeG partira tamén a petición para investigar os sobrecustos e sucesivas adxudicacións da autovía da Costa da Morte, igualmente rexeitada.

2005-2009: Axente electoral, Gaiás e vía do Salnés

Membros da comisión de investigación da Cidade da Cultura, visitando as obras / Parlamento de Galicia

A última lexislatura sen maioría absoluta foi tamén, ata o momento, a de maior actividade investigadora no Parlamento. A comisión de investigación máis rechamante deste período lexislativo, por pouco frecuente, foi a relativa ás actividades dunha axente electoral do PSOE que, presuntamente, empregara fondos da Consellería de Traballo -daquela dirixida por Ricardo Varela, na altura secretario de organización do PSdeG- co obxectivo de recadar votos para o seu partido en Sudamérica. Quen a impulsara fora o PP.

Na lexislatura do bipartito investigouse o Gaiás e unha suposta fraude do PSdeG

A que maior volume de titulares xerou naquel período foi a comisión de investigación sobre as obras da Cidade da Cultura. Aprobada por PSdeG e BNG -o PP formulara unha solicitude de seu e os socios da coalición de Goberno rexeitárana- aquela comisión, presidida pola actual líder do BNG, Ana Pontón, dera lugar a imaxes aínda lembradas na Cámara, tales como as comparecencias do ex-presidente Fraga ou do ex-conselleiro Jesús Pérez Varela, así como a visita dos membros da comisión ao complexo do Gaiás. No inicio do mandato socialistas e nacionalistas impulsaran tamén outra investigación sobre o deterioro da vía do Salnés, construída na etapa de Xosé Cuiña como conselleiro.

Ante a negativa a investigar os incendios Feijóo propuxo que cada grupo puidese aprobar en solitario dúas investigacións

Fronte ás tres comisións de investigación aprobadas nesa lexislatura houbo outras sete rexeitadas. Foi o caso das que pedía o PP sobre a vaga de incendios do ano 2006, sobre a adxudicación da autovía do Barbanza e, paradoxalmente, sobre a xestión da Xunta no que ía ser novo hospital de Vigo. O rexeitamento de PSdeG e BNG levou a Alberto Núñez Feijóo como líder da oposición a propoñer unha reforma para que todos os grupos parlamentarios tivesen o dereito de crear dúas comisións de investigación cada lexislatura, con independencia de que tivesen ou non o apoio do resto da Cámara. Aquel plan non saíu adiante e, cando chegou ao poder, Feijóo nunca o recuperou.

2001-2005: A convulsión do Prestige

Afundimento do Prestige / Nunca Máis

Os populares permitiron a investigación do Prestige, pero aprobaron unha norma para disolvela anticipadamente

Na derradeira lexislatura de Fraga como presidente a oposición solicitou cinco comisións de investigación e duás desas solicitudes -unha do PSdeG e outra, do BNG- foron relativas ao naufraxio do Prestige e á xestión do propio sinistro. Nun clima de enorme presión política e social os populares chegaran a acceder á creación da comisión que esixían socialistas e nacionalistas, pero o órgano parlamentario sufriu atrancos dende o minuto cero. Así, tras negar o acceso a diversa documentación e vetar múltiples comparecencias, o PP deu en crear unha nova norma que lle permitiu ditaminar a "disolución anticipada" da comisión, aínda que esta non rematase os seus traballos. Todas as protestas en torno ao Prestige, asegurou daquela Jaime Pita no nome do PP debíanse a que na oposición imperaba "a liña dura dos radicais de Nunca Máis, os das algaradas, os que alteran a orde pública".

Alén do Prestige, a oposición tentara sen éxito outras tres investigacións, todas elas dende a banda do BNG. O grupo liderado naquela altura por Xosé Manuel Beiras pediu investigacións sobre a instalación de videocámaras no hospital de Verín, sobre os incendios forestais e sobre irregularidades en procesos selectivos da Xunta, pero ningunha saíu adiante.

1997-2001: Intentos de asasinato, vacas tolas e Bemposta

Na penúltima lexislatura de Fraga, co PP gozando de tantos escanos como na actualidade pero con máis de 200.000 votos por riba dos obtidos en 2012, dúas das trece comisións de investigacións que PSdeG e BNG tentaran crear chegaron a bo porto. Foron as relativa á crise das vacas tolas, comisión que estivo dirixida por José Manuel Barreiro, e ás implicacións da Administración autonómica no coñecido como 'caso Benposta', sobre o conflito xurdido en torno á Cidade dos Muchachos que impulsaba o desaparecido padre Silva.

O PP de Fraga accedeu a abrir investigacións sobre a 'Cidade dos Muchachos' e a respecto das vacas tolas

Aquelas solicitudes reflectiron boa parte dos conflitos políticos e sociais da época, tales como o brote de aspergillus no Meixoeiro de Vigo, os problemas da frota galega nos caladoiros internacionais ou, de novo na sanidade, o xermolo de legionella en Vigo e as "irregularidades" en concertos con centros sanitarios privados. Todas estas peticións foran rexeitadas, como tamén o foi a petición do Bloque para indagar nas "actividades" da Xunta "en relación co exercicio do voto" emigrante.

Un dos asuntos máis escuros sobre os que a oposición galega pediu, sen éxito, abrir unha investigación referiuse ás relacións do grupo de empresas Martíñez-Nuñez coa Xunta de Galicia. Despois de que sucesivas informacións xornalísticas sacasen á luz que, presuntamente, o responsable destas empresas -falecido en 2015- tramara asasinar o conselleiro Xosé Cuiña, PSdeG e BNG defenderan investigar no Parlamento "o alcalde político, relacións, posibles implicacións e responsabilidades" en relación "coa denuncia, trama e noticicias relacionadas" con este caso, así como coas adxudicacións de obras a Martíñez Núñez.

1993-1997 A comisión de don Felisindo

Bancadas do goberno e do PP na primeira lexislatura de Fraga / Parlamento de Galicia

Felisindo Rodríguez converteuse no primeiro relixioso en comparecer nunha comisión de investigación

A cuarta lexislatura autonómica foi a que maior número de solicitudes de comisións de investigación rexistrou dentro deste período. Nos seus anos máis doces no poder o PP de Fraga rexeitou practicamente todas cantas investigacións se lle solicitaron que, tal e como acreditan as bases de datos do Parlamento xiraban, en boa medida, en torno ás adxudicacións e demais relacións da Xunta con diversas empresas privadas. A única aprobada foi a relativa ás obras realizadas en varios concellos de Ourense a partir dun convenio entre a Xunta e a Deputación provincial coa mediación de Felisindo Rodríguez, o cura de Tamaguelos, que foi o primeiro relixioso en comparecer nun órgano parlamentario coma este. As conclusións dos traballos indicaron que non existiran irregularidades e para a oposición supuxeran unha "burla".

Os diversos grupos tamén pediron poder investigar as relacións do Goberno galego con compañías como Unión fenosa, Copasa ou Huarte. Tamén reclamaron -e tamén foi rexeitada- unha investigación a respecto das "responsabilidades da Xunta no caso Arnoia", unha fraude na falsificación de etiquetas de viño do Ribeiro nunha adega que recibira máis de 300 millóns de pesetas en subvencións públicas. Irregularidades en Turgalicia ou supostos malos tratos nunha residencia de maiores da Pobra do Caramiñal foron outros dos asuntos que os grupos da esquerda pediron investigar sen que o PP o permitise.  

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.