A segunda batalla de Soutomaior

Feijóo, Rajoy e Rueda, en Soutomaior CC-BY-SA PPdeG

Cos seus 7.242 habitantes o concello de Soutomaior ten apenas un 3% da poboación do partido xudicial de Pontevedra, no que está encadrado nas eleccións de deputados provinciais. Así, este municipio é bastante residual na loita pola Deputación, diluído nunha gran circunscrición na que os sete escanos en xogo se deciden sobre todo na capital provincial e na comarca do Morrazo. Mais, incluso con Mariano Rajoy fóra de La Moncloa, Soutomaior, co seu castelo do que Carmela Silva botou o partido da gaivota hai dous anos, segue a ser o símbolo da loita pola Deputación de Pontevedra. E esa batalla é a que aparece como a clave da ofensiva que os populares lanzaron en Vigo xa o mesmo luns, horas despois do accidente do Marisquiño, esa catástrofe terceiromundista que grazas á fortuna e á marea baixa se saldou sen vítimas mortais. Incide no que é un dos escenarios fundamentais da carreira cara ás eleccións locais, na medida en que lle crea inesperadas e complexas dificultades ao que parecía como o máis intocable gobernante local en Galicia, Abel Caballero.

O caso das urbes coruñesas é central porque servirá para medir a saúde de En Marea. E tamén será o termómetro da capacidade de Feijóo de trasladar a súa resistencia das últimas autonómicas ao ámbito local

A lectura dos resultados municipais en Galicia é moi complexa. Ten provocado miraxes como a de que o PP resistía despois do Prestige porque aguantaba en Muxía, cando en realidade sufría a primeira derrota do fraguismo fronte á suma de PSOE e BNG. O desenlace xógase en dous niveis, no do cómputo total de votos e na distribución das principais cadeiras. Hai once destacados tronos en xogo, os das sete alcaldías urbanas e das catro presidencias provinciais. O PP agora mesmo ten só dous destes asentos, os do Concello de Ourense e da Deputación da mesma provincia, mentres que o PSOE ocupa cinco, os das alcaldías de Lugo e Vigo e dos gobernos provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo, os dous primeiros compartidos co Bloque. As mareas teñen tres, os dos concellos da Coruña, Santiago e Ferrol, e o BNG, un, o da cidade do Lérez. É un panorama moi diferente ao de 2011, cando o PP tiña seis tronos, os de todas as deputacións menos a de Lugo e os das tres urbes coruñesas, mentres o PSOE contaba con catro, os da deputación lucense e os das alcaldías de Lugo, Vigo e Ourense, e co Bloque firme no seu reduto pontevedrés.

O escenario que se albisca agora para 2019 aparece focalizado no eixo A Coruña-Santiago e na Deputación de Pontevedra. O caso das urbes coruñesas é central porque servirá para medir a saúde de En Marea, se como todo apunta chega ás municipais coa súa configuración actual. E tamén será o termómetro da capacidade de Feijóo de trasladar a súa resistencia das últimas autonómicas ao ámbito local, na parte do territorio urbano que lle é máis propicia, na única na que logrou en 2011 estender a súa hexemonía. Para os populares o escenario anterior á moción de censura de Sánchez abría algunha expectativa de que unha posible irrupción con forza de Ciudadanos, sobre todo na Coruña, puidese servir para desprazar as que o presidente da Xunta chama “as mareas de Podemos”, mais a baixada da onda laranxa volve despexar o panorama para Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, co primeiro en principio menos desgastado có segundo.

Neste grupo das cidades coruñesas Ferrol é caso á parte, pola lóxica pendular de alternancia automática de maiorías de centro-dereita e centro-esquerda que se dá desde a reconversión naval e que está moi ligada á súa decadencia socioeconómica, un problema ata agora irresoluble. Desta volta tocaría un xiro á dereita co PP do conselleiro Rey Varela como teórico máximo favorito para facerse co bastón de mando, mais esta dinámica de remudas imparables no despacho principal da Praza de Armas incluía tamén a renovación do partido que perdía o poder. Se o PP, aínda co auxilio de C’s, pagase a súa aposta pola continuidade, abriríase unha oportunidade para que o centro-esquerda puidese parar o péndulo, mais seica non tanto a través do desgastado alcalde de Ferrol en Común, Jorge Suárez, senón do PSOE se acertase coa súa renovación e segue a ter o vento a favor que chega desde Madrid.

Para que lles saian as contas necesitan subir un escano no partido xudicial de Vigo, o escenario da súa hecatombe de 2015

Hai outras incógnitas de grande interese, como a de se a socialista Lara Méndez se dará consolidado en Lugo, se o PSdeG non pagará o seu desastre destes anos da Deputación lucense ou se o surrealismo de Pérez Jácome segue a permitir ao PP conservar en minoría a alcaldía da cidade das Burgas. De non haber un terremoto brutal en favor dos socialistas cun Pedro Sánchez desatado desde La Moncloa, algo no que agora mesmo resulta difícil pensar, non se albiscan en principio opcións de cambio na Deputación da Coruña, pola ampla marxe que ten o centro-esquerda, nin na de Ourense, por motivos xeolóxicos, nin tampouco na Pontevedra de Lores.

No distrito da capital provincial foi nun dos que se produciu hai tres anos o abraiante afundimento provincial do PP, que perdeu un escano no partido de Pontevedra, outro en Tui e tres no de Vigo. Co vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda como novo barón provincial, e aínda que non se presente directamente xogándose sempre as súas opcións sucesorias, o PP tratou de poñer as bases para recuperar o goberno provincial, ese que como di Abel Caballero tiña desde o tempo dos romanos, coa unificación da dereita en Tui, que foi unha das claves da moción de censura do ano pasado. Con esa xogada os da gaivota contan con sacar un dos dous escanos que necesitan subir para recuperar a Deputacion, na que teñen 12, por 10 do PSOE, 4 do BNG e 1 da Marea de Vigo.

Os populares cren que están ante a súa grande oportunidade histórica de ir a por Caballero, non tanto pola cuestión da responsabilidade no afundimento do paseo, senón por ter autorizado a celebración do Marisquiño nese lugar e, segundo o PP, sen un axeitado plan de seguridade

Os deputados provinciais, que non son votados polos cidadáns, repártense nos partidos xudiciais en función dos resultados das municipais. Como os populares teñen o único deputado que se elixe en Lalín, Ponteareas e A Estrada, e sen que se albisquen moitas opcións de cambios en Arousa e a comarca de Pontevedra, para que lles saian as contas necesitan subir un escano no partido xudicial de Vigo, o escenario da súa hecatombe de 2015. E cun PSOE osixenado desde Madrid e cunha líder local moi feble como Elena Muñoz, os de Feijóo parecían telo moi difícil, cun alcalde feito o rei da pista en Castrelos. Pero desde o luns os populares cren que están ante a súa grande oportunidade histórica de ir a por Caballero, non tanto pola cuestión da responsabilidade no afundimento do paseo, senón por ter autorizado a celebración do Marisquiño nese lugar e, segundo o PP, sen un axeitado plan de seguridade. Vai ser unha guerra que se vai librar, coma sempre, no xulgado e na que os populares xa non contan con esa decisiva ferramenta que é a fiscalía. É o escenario clave da segunda batalla de Soutomaior, a do intento de Rueda de recuperar o castelo cuxa rehabilitación dirixiu o seu pai, vicepresidente nos anos 80 da Deputación que dirixía Rajoy.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.