0 Gardados para despois

Máis de 300 persoas feridas ao afundir parte do paseo do Náutico de Vigo durante O Marisquiño

Redacción | @prazapublica

Decenas de persoas, 332 segundo o último balance de Sanidade, resultaron feridas na madrugada deste domingo ao se afundir parte do paseo de madeira das Avenidas, na contorna do Náutico de Vigo, onde se celebraba o concerto de Rels B que ía pechar o festival O Marisquiño. A estrutura de formigón baixo unha pasarela de madeira, na zona próxima á sede da Xunta na cidade, cedeu ao peso do público que seguía o evento sobre ela, o que provocou danos inmediatos aos asistentes e caídas á auga; tamén, en diversos casos, o atrapamento entre os entullos entre escenas de forte nerviosismo. Vivíronse escenas de pánico, sobre todo polas dificultades de varias persoas para saír do mar, que por sorte estaba en marea baixa. 

Os servizos de Emerxencia atenderon decontado na propia zona ás persoas feridas, moitas delas trasladadas a centros sanitarios e 5 --dous destes menores-- en estado grave, se ben fontes policiais consultadas por este diario apuntaban xa pouco despois da unha madrugada que descartaba a existencia de persoas falecidas no accidente. Desde a Cosellería de Sanidade aseguran que non corre perigo a vida de ningunha das persoas ingresadas, 7 en total, aínda que varias delas pasarán varias semanas internadas. Son aquelas que sufriron traumatismos cranioencefálicos ou pneumotórax, ademais de fracturas.  

Efectivos das policías Nacional e Local, así como o gardacostas e servizos portuarios, ademais do propio 061, despregáronse no lugar para atender os feridos e desaloxar a área lindeira. Tamén para confirmaren mediante o uso de cámaras térmicas que non quedaban persoas atrapadas baixo os cascallos, segundo indica o Concello vigués. Todas as administración gabaron o labor de todos estes servizos. 

Fontes presenciais confirman a Praza.gal que, alén de quen estaban sobre a pasarela afundida, asistentes ao festival tamén resultaron contusionados ou feridos de menor gravidade ao tentaren afastárense do lugar do accidente, dado o gran número de asistentes. 

Persoal de emerxencias traslada unha das persoas feridas no accidente do Marisquiño / CC BY-SA Jacobo Pérez

Pasada a noite, tanto Concello como Autoridade Portuaria coincidían en sinalar un "fallo estrutural" como previsible causa do accidente, aínda que con diferentes interpretacións. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que fora unha "derruba moi importante" dunha "estrutura de formigón pilotada e clavada no fondo da ría, na dársena náutico-deportiva". Esta estrutura ten uns 55 metros de longo, por uns 10 de ancho e cun grosor de entre 30 centímetros e medio metro. "Iso colapsou", insistiu o rexedor, que aclara que non é un problema "de mantemento do paseo de madeira" superior, senón do colapso "de toda a estrutura, sólida e moi consistente, que tiña que aguantar". Desa estrutura da que sobre as súas deficiencias xa advertiran varias veces usuarios do peirao. 

Caballero advirte dun "colapso importante" e dun "fallo estrutural" dunha estrutura portuaria por baixo da pasarela de madeira

Ademais, advertiu de "interpretacións politicas interesadas", aínda que non do presidente do Porto, Enrique López Veiga, e insistiu en que a zona que se derrubou está cualificada como zona portuaria náutico-deportiva e, xa que logo, é un peirao pilotado en territorio da Autoridade Portuaria. Alén disto, Caballero xa aclarou que Fomento, a través de Puertos del Estado, investigará as razóns do derrubamento e que a empresa organizadora do festival pediu permiso ao Porto para logo presentar o plan de autoprotección ao Concello, que deu o visto e prace. Mesmo asegurou que non se chegou a cumprir a capacidade máxima para este último evento d'O Marisquiño, que era de 5.000 persoas aínda que finalmente acudiron unhas 4.500. 

Desde o Porto aseguran que a "autorización e vixilancia" do festival correspóndenlle ao Concello e que o convenio asinado entre estas dúas institucións e a Zona Franca outorgáballe á administración local o "mantemento de toda a actuación en perfecto estado de conservación, ben cos sues medios ou ben coa oportuna contratación de obras e servizos". Desde o Concello enténdese que os traballos refírense ao mantemento "ordinario" pero non ao dunha estrutura portuaria. 

"Gustaríame ter visto o presidente da Xunta pola noite en Vigo; hoxe falou moito, pero onte non estivo aquí"

Caballero, pola súa banda, insistiu en que o terreo afectado é un peirao que non é xestionado polo Concello, que tampouco ten competencias sobre a zona afectada, para o que mesmo amosou documentación que o demostrarían coas delimitacións de usos. E lanzou unha crítica a Núñez Feijóo: "Gustaríame ter visto o presidente da Xunta aquí en Vigo, cando se produce en accidente desta natureza, o presidente ten que vir a Vigo; gustaríame que estivese ao meu carón. Hoxe falou moito, pero onte non estivo aquí", 

 

Feijóo pide ao Concello e ao Porto "explicacións sobre este suceso vergoñento"

Tanto Abel Caballero como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitaron na mañá deste luns os feridos hospitalizados no Álvaro Cunqueiro. "O Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria teñen que dar explicacións sobre este suceso vergoñento". 

Feijóo reclamou explicacións e información "sen ningún tipo de andrómenas", tanto á administración local como á Autoridade Portuaria. Logo de visitar os afectados no hospital, o presidente galego sinalou que tanto os feridos como as súas familias "necesitan explicacións" e "non se lles pode ocultar nada" sobre as causas do accidente.

"É momento de coñecer as causas que nos levaron a este disparate de sinistro, e ir dando información con claridade, sen ningún tipo de andrómenas", di Feijóo

"É momento de coñecer as causas que nos levaron a este disparate de sinistro, e ir dando información con claridade, sen ningún tipo de andrómenas", abundou. Feijóo, quen pediu ao xulgado que investigue "en profundidade" os feitos, apuntou que "a obriga das administracións implicadas, Concello e Autoridade Portuaria, é dar contidos e relatos verosímiles de todo o ocorrido". "Estamos avergonzados de que se puidese producir o que se produciu", engadiu, á vez que agradeceu o labor e a "profesionalidade" de todos os equipos de emerxencia que interviñeron tras o accidente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Porto e Concello apuntan a un "fallo estrutural" mentres debaten sobre o mantemento da zona

Un "fallo estrutural". Esa foi, "probablemente", a causa do derrubamento dun treito do paseo das Avenidas, no porto de Vigo, durante a celebración na noite deste domingo do último concerto d'O Marisquiño. Así o asegura Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria, que "non" cre que o afundimento se deba a problemas "de mantemento". En todo caso, xa anunciou que a entidade encargará de inmediato un estudo técnico para coñecer as causas da derruba.

O Porto de Vigo anuncia un estudo técnico para coñecer as causas da derruba 

Segundo aclara López Veiga, todo indica que "o formigón" sobre o que asentaba o paseo de madeira "partiu", o que provocaría que tamén as estruturas superiores caeran. Non foi, xa que logo, a pasarela de madeira a que cedeu senón a súa base, o que reforzaría a tese dun erro "estrutural" nun treito que foi obra da Zona Franca nos anos 90, que se atopa en terreos xestionados pola Autoridade Portuaria e cuxo mantemento ordinario é competencia do Concello de Vigo, segundo insisten desde o Porto.

"É unha zona complexa de administrar", aclarou López Veiga en declaracións a varios medios, entre eles á Radio Galega, onde asegurou que a Autoridade Portuaria revisará tamén o resto do paseo das Avenidas por se houbese máis problemas. "As responsabilidades do Porto son as que son; o cálculo da capacidade é responsabilidade dos organizadores e do organismo que dá a licenza para o festival, que é o Concello", engadiu López Veiga. "Hai varios permisos; nós só poñemos o solo pero a licenza de actuación ou de actividade dáa o Concello", insistiu quen advirte de que a causa do derrubamento puido ser "un exceso de peso", e xa que logo de asistentes, sobre a zona que afundiu, un peirao pilotado, de 60 metros de longo por 10 de ancho.

"O mantemento corresponde claramente ao Concello, as obras fíxoas Zona Franca e o Porto pagounas", intentou aclarar López Veiga. Nese "mantemento" está a polémica, ao ser a estrutura en terreos portuarios unha parte que non abranguería o mantemento "ordinario" do que se encarga a entidade municipal. 

O Concello aclara que se encarga do mantemento "ordinario" da zona, pero non é responsable da estrutura

Abel Caballero, alcalde de Vigo, pola súa banda, xa reclamaba, en declaracións á Cadena SER, que o Porto de Vigo estudase canto antes que fallou para que afundise esa parte do peirao e apuntaba a que podía deberse a "un colapso da estrutura de formigón do porto", unha obra que, como aclarou, ten 25 anos. "É como o afundimento dun edificio", comparou o rexedor, que pediu á Autoridade Portuaria que diga "en que circuntancias estaba" a estrutura onde aconteceu o accidente.

"Todo estaba en orde, a documentación era correcta e reunira todos os requisitos", dixera xa antes Caballero respecto dos permisos do festival O Marisquiña, que solicita o espazo ao Porto, que llo concedeu, para que logo o Concello comprobase que toda a documentación sobre plans de seguridade era a "correcta", como así fixo. Segundo o rexedor, será a Autoridade Portuaria e a Xustiza os que deben investigar as causas do sinistro. 

O caso é que os problemas no paseo das Avenidas foron advertidos en diversas ocasións e por diversas autoridades e particulares nos últimos tempos. Mesmo un mariñeiro con barco nun pantalán achegado á zona, Abelardo Pena, asegurou na Radio Galega que as deficiencias e carencias na estrutura eran evidentes desde hai anos. O debate vén de lonxe: fontes municipais insisten en que o Concello é quen sen encarga do mantemento "ordinario" pero non, por lóxica, da estrutura dunhas zonas nuns terreos portuarios. 

Hai tan só dous días, e ante as deficiencias do paseo, Caballero advertiu de que era o Porto quen tiña que asumir a reparación do pavimento pero que "como non o ía facer" facíalle a proposta de que fosen Concello e Autoridade Portuaria os que o amañasen do forma conxunta, pagando cada entidade a metade da reforma. 

Hai tan só uns días, Concello e PP advertían das deficiencias no pavimento do paseo

O Porto aclaraba que o convenio dos anos 90, Abrir Vigo al Mar, non deixaba claro de quen era competencia ese paseo. O acordo fora asinado por Zona Franca, Autoridade Portuaria e Concello. 

A portavoz do PP no Concello de Vigo, Elena Muñoz, aseguraba o pasado martes que o lugar onde se celebraría O Marisquiño "non está en condicións". "Madeiras rotas, puntas ao aire... o Paseo das Avenidas presenta unha situación perigosa. Esperemos polo ben de todos que non pase nada durante nin despois do evento", aseguraba nas súas redes sociais. Apuntaba á parte visible e de madeira do paseo, pero non á estrutura inferior, que foi a que tería cedido e provocado a derruba. 

O Marisquiño aclara que os concertos "cumprían todas as condicións de seguridade requiridas"

A organización do Festival O Marisquiño lamentou "profundamente" o accidente acontecida na noite deste domingo e "solidarizouse" con todos os feridos e os seus familiares, quen son, destacou, "prioridade absoluta para todos agora mesmo". 

O Marisquiño aclara que os concertos organizados polo festival "cumprían todas as condicións de seguridade requiridas pola lexislación" e a organización aclara que están "a disposición das autoridades competentes para todo o que poidan necesitar". O recinto, como aclaran, atópase agora "baixo precinto xudicial, á espera dos informes dos peritos para delimitar as causas técnicas do derrubamento da pasarela afectada".

Ademais, O Marisquiño destaca "o civismo demostrado polo público que abandonou de forma ordenada o recinto e permitiu o traballo dos equipos de rescate e seguridade, que realizaron un gran labor". 

En Marea aclara que agora é momento de "apoiar as vítimas" pero que "se pedirán responsabilidades"

Por outra banda, tanto En Marea como Marea de Vigo trasladou o seu total "apoio e solidariedade" coas vítimas e o seu "agradecemento e recoñecemento" ao bo facer dos servizos sanitarios e de emerxencias. Ademais, ambas as dúas formacións aseguran que “hoxe é día de apoiar as persoas afectadas” pero anuncian que "se pedirán as responsabilidades que correspondan unha vez a investigación da policía científica ofreza datos confirmados".

Desde o BNG, o deputado Xosé Luís Rivas, Mini, amosou o seu "apoio e solidariedade" aos feridos  á vez que reclama "investigar as causas" e "analizar o ocorrido". "É o momento de pensar unicamente na evolución favorable dos feridos", polo que "no seu momento haberá que depurar responsabilidades", insistiu. 

Ademais, Julio Torrado, deputado do PSdeG, mostrou o seu "afecto e apoio" ás persoas feridas, ás que desexa unha "pronta e moi boa recuperación".

"Sentimos un 'crac' e a parte de madeira afundiu de súpeto"

Raúl González

"O concerto empezara sobre as 22 horas cos teloneiros e ata aí todo normal", conta Isaac, un mozo de Pontevedra de 25 anos que asistía a O Marisquiño e que máis tarde sentiría como o chan afundía aos seus pés, nun accidente que deixou máis de 300 feridos.

Achegábase a medianoite e estaba a piques de empezar o concerto do rapeiro mallorquino Rels B, unha das cabezas de cartel do festival. Ningún dos asistentes queríao perder, ateigando a pista minutos antes de que empezase. "Estabamos bastante apertados", conta Isaac a este diario, que detalla que a pista se dividía en dúas partes: unha de asfalto e outra de madeira, a pasarela que máis tarde caería.

"Nas dúas partes había unha morea de xente e pouco despois de empezar Rels B, a iso das 23:50, os meus amigos e eu puxémonos sobre a zona de madeira, onde atopamos un oco", explica Isaac. Pouco despois "sentimos un crac e a parte de madeira veuse abaixo de súpeto". A pasarela do porto cedeu: "Os que estabamos aí caemos enriba de xente e tamén nos caeu xente enriba a nós".

"Caemos enriba de xente e tamén nos caeu xente enriba a nós", relata Isaac

Por uns momentos reinou o caos mentres os asistentes tentaban porse a salvo. "Rubimos polos restos da madeira, que non se partira de todo, e desaloxamos a praza como nos estaban dicindo por megafonía".

O pontevedrés narra como viu que "un mozo se fixo dano cunha viga de madeira no nocello" e que el levou "un golpe na perna" e "algunhas rabuñadas", pero por sorte "nada grave". "Cando saímos de aí había bastante confusión así que fomos deixar o mozo no hospital", engade.

Do mesmo xeito que Isaac, moitos outros asistentes compartiron o seu relato. A maioría deles a través de Twitter, canle que tamén aproveitaron os propios artistas para enviar mensaxes informativas e de apoio.