O PSdeG cre que Feijóo "toma o pelo" ao Parlamento ao non facilitar os contratos con Dorado

Abel Losada, voceiro parlamentario do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG cre "unha tomadura de pelo ao Parlamento e ás normas básicas da democracia" a negativa da Xunta a remitir á Cámara os contratos asinados pola Administración con Marcial Dorado. Así o manifestou o voceiro do grupo socialista, Abelo Losada, logo de que o Goberno respondese por escrito negándose a enviar a documentación xustificándose na "ampla información solicitada" polo secretario xeral técnico do Sergas na Comisión de Sanidade.

O PSdeG cre que a Xunta "toma o pelo ao Parlamento e ás normas básicas da democracia"

Esta resposta é para o PSdeG "un intolerable cachondeo que evidencia a falta de respecto institucional e as prácticas propias dunha república bananeira exercidas polo goberno de Feijóo”. Ademais, Losada lembra que o propio Goberno solicitou unilateralmente a comparecencia á marxe da solicitude de información do seu partido e que o devandito secretario xeral negouse a entregar calquera tipo de información e moito menos de documentación.

Losada acusa a Piilar Rojo de ser "cómplice" da estratexia do PP e a Xunta para non dar explicacións convincentes

Pero o voceiro socialista centra tamén as súas críticas na presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, por tolerar esta resposta e ser "cómplice" da Xunta. Por iso recórdalle que a solicitude de documentación, ao ser tramitada pola vía do artigo 9 do Regulamento, leva a sinatura da presidenta da Cámara, que é quen recibe a información antes de remitírllela aos grupos que a soliciten.

Ante estas eivas, Losada reclamou o amparo da Presidencia do Parlamento “en base ao dereito fundamental de información dos deputados e deputadas” e instouna a que “se requira á Xunta de Galicia a dar resposta válida ás iniciativas cursadas, dado o carácter infundado, arbitrario e desconforme á normativa en relación á contestación realizada pola mesma”.

Abel Losada xa lle remitiu un escrito á presidenta da Cámara no que sinala que “ningunha comparecencia pode constituír unha resposta válida a unha solicitude concreta de traslado de documentación como a solicitada, nin substituír a resposta por escrito requirida, máis cando na comparecencia tampouco se deu traslado de ningún tipo de documentación, dato ou informe escrito ao respecto”.

Para o PSdeG, da interpretación feita pola Xunta, “ademais de totalmente erróneo, só cabe deducir que é feita con clara intención de confundir e adulterar as normas existentes polas que se rexe o Parlamento”. Lembra tamén que “é obriga da Presidencia do Parlamento cumprir e facer cumprir o regulamento da Cámara, ao tempo que defender o dereito ao exercicio do cargo de todos os seus deputados e deputadas”.

Losada solicitou a Pilar Rojo e a Feijóo que "estean á altura da responsabilidade que ostentan, fronte a actitudes como a rexistrada neste caso, que vulnera flagrantemente os dereitos dos parlamentarios e lesionar gravemente a imaxe da institución parlamentaria”. "Prácticas e respostas coma esta son as que evidencian que a ansiedade do presidente da Xunta por reformar o Parlamento eliminando deputados en realidade agocha a vontade de obstaculizar o traballo da Cámarao, ao que ve como un incómodo engorro en lugar de como a sede da soberanía do pobo galego”, rematou.

Abel Losada, voceiro parlamentario do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.