A derruba n'O Marisquiño ergue a liorta política entre Xunta, Porto e Concello tras causar 428 feridos

Parte do paseo derrubado durante O Marisquiño en Vigo © 112-Galicia

O afundimento dunha parte do paseo do Náutico de Vigo durante a celebración do último concerto d'O Marisquiño ergueu unha liorta política a tres bandas entre Xunta, Autoridade Portuaria e Concello por determinar as responsabilidades. A derruba causou, finalmente, 428 persoas feridas, das que seis permanecen ingresadas aínda que sen perigo para as súas vidas. Todas as administracións coinciden, á espera das investigacións técnicas e xudiciais, en que foi un "fallo estrutural" e o "colapso" da estrutura de formigón do peirao pilotado sobre o que asentaba a pasarela de madeira o que provocou o derrubamento. A coincidencia é tamén xa total ao asumir que a zona afectada é portuaria, pero non á hora de determinar quen debía supervisar e inspeccionar a zona e mesmo quen debía ocuparse do mantemento. 

O derrubamento causou, finalmente, 428 feridos; oito deles permanecen ingresados

Xunta e Porto viraron desde esta mañá o sentido das súas críticas e céntranse en sinalar o Concello porque o relevante, din, é saber se comprobou que ese peirao era apto para a celebración do concerto. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, acusou na Cadena SER ao alcalde Abel Caballero de "desviar a atención do fundamental" ao intentar "discutir sobre quen era o titular dos terreos". Para el, o esencial é "se se podía ou non celebrar un evento como o que tivo lugar o domingo pola noite". 

Xunta e Porto céntranse en sinalar o Concello porque o relevante, din, é saber se comprobou que ese peirao era apto para celebrar o concerto

Rueda acusa a Caballero de montar "cortinas de fume" para "desviar a atención" e na Cope mesmo asegurou que "probablemente" o Concello non "tiña que ter dado" a licenza para a celebración do concerto. O argumento de Xunta e Porto agora é que tería que terse inspeccionado antes a situación da zona derrubada antes de dar o visto e prace e que esa comprobación correspondería á administración local e á organización. Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria, alude ao convenio asinado en 1992 entre a institución que preside, o Concello e a Zona Franca e asegura que "o mantemento é cuestión do Concello". Ademais, fai referencia á Lei de Espectáculos, advertindo de que a "autorización e vixilancia" do evento debería corresponder á administración local. 

"Non hai dúbida: o Concello é o máximo responsable. Era quen tiña que revisar o peirao. Se o fixo? Iso debe contestalo Caballero. O caso está xudicializado, veremos", engadiu Rueda na Radio Galega. Pouco despois, e segundo publicaba Europa Press, fontes do Executivo galego aseguraban que no rexistro electrónico oficial de plans de autoprotección da Dirección Xeral de Emerxencias "non hai constancia da inscrición do plan de seguridade correspondente á organización d'O Marisquiño, malia ser un dos requisitos legais para obter a licenza por parte do Concello de Vigo". 

Alfonso Rueda acusa a Caballero de crear "cortinas de fume" e cre que o Concello é "o máximo responsable": "Non hai dúbida"

Pero o Concello nega as acusacións. "Nin moito menos", din fontes municipais ao ser preguntadas sobre se é a administración local quen ten que supervisar o estado dunha base de formigón dunha zona portuaria pilotada sobre a que asenta a pasarela de madeira, que nada ten que ver coa derruba. O peirao afectado rematouse a mediados dos anos 90 tras o acordo a tres partes antes citado. O Porto cedeu os terreos e paga durante 50 anos unha obra elaborada pola Zona Franca, mentres que o Concello sería o encargado de manter os espazos públicos. Fose o que fose, o caso é que a estrutura danada, con defectos que advertiran usuarios do porto deportivo, non foi revisada durante anos. 

Abel Caballero mesmo achegou documentación na que se demostraría que esa estrutura de formigón que colapsou non forma parte dos espazos de confluencia porto-urbe que foran rehabilitados ao abeiro dese convenio Abrir Vigo al Mar. Os mapas do plan de usos do Porto, segundo defende o alcalde, indican que o peirao que afundiu está catalogado como "zona portuario náutico-deportiva" e fóra, xa que logo, do espazo que tería que manter o Concello, unha competencia que leva anos sendo debatida. Ao tempo, lembra que a entidade local mesmo alegara para que a Autoridade Portuaria lle cedese máis espazos de xestión, unha proposta non aceptada e que "nin tan sequera incluía o peirao que afundiu". Xa que logo, din, en ningún caso é competencia municipal o que nin tan sequera se solicitou. 

Plano sobre a delimitación de usos achegado polo Concello de Vigo; a liña discontinua cara ao mar pertencería ao Porto

Noutra rolda de prensa, xa este martes, o alcalde insistiu en que "o que se afundiu foi un peirao do Porto, tal e como di o BOE" e en que a estrutura é mesmo de antes do tan citado convenio.  Desde a administración local lémbrase que son os usos portuarios os que levan tempo danando a pasarela da superficie e recordan que o bloque que colapsou ten uns dez anos máis dos 25 que se indicaron nun principio, ao empregarse material xa existente na reforma dos anos 90. 

O Concello insiste en que a supervisión do peirao afectado corresponde ao Porto e lembra que houbo unha reunión de seguridade previo ao evento

Respecto da supervisión, o Concello entende que en ningún caso lle corresponde comprobar o estado dun peirao pilotado que considera que se inclúe dentro da zona náutico-deportiva. Abel Caballero, ademais, lembra que o pasado 27 de xullo celebrouse unha reunión previa de seguridade no porto de cara á celebración d'O Marisquiño e que alí estaban presentes representantes da administración local e da Autoridade Portuaria, ademais das forzas de seguridade e persoal de emerxencias. "O que me din os técnicos é que non houbo obxección ningunha en canto a temas de seguridade", dixo o rexedor este martes. 

A organización do festival, por outra banda, advertiu de que pediu autorización á Autoridade Portuaria para a celebración do evento e que este deu o visto e prace para, logo, presentar todos os permisos, licenzas e requisitos de seguridade ao Concello, que xa aclarou que toda a documentación fora correcta. 

Sexa como for, todo fai indicar que será a Xustiza quen determine o grao de responsabilidade de cada unha das administracións implicadas. É xa o xulgado de instrución número 3 de Vigo o que leva a cabo a investigación sobre un accidente que quedou, finalmente, nun importante susto pero que puido ser moito peor. As dilixencias previas incoadas tras recibir un oficio dando conta do sucedido e un informe fotográfico elaborado pola Policía Nacional "séguense por un presunto delito de lesións imprudentes, sen prexuízo de ulteriores cualificacións ao longo da instrución", aclara o TSXG. Ademais, a xuíza xa pediu documentación ao Concello, o Porto e á organización do festival sobre o plan de seguridade. 

"Todas as entidades van acabar sendo reprochadas, pero a clave aquí é determinar de quen é competencia a zona afectada, quen a xestión e quen tiña que preocuparse polo seu estado", din fontes coñecedoras do proceso aberto, que reflexionan: "Se ti alugas unha casa, quen debe velar por que todo estea en perfectas condicións cando chegas debe ser o caseiro". 

"Lamento moito que Feijóo non estivese o domingo... E o vicepresidente da Xunta tamén tiña que ter estado, pero ningún veu"

Alén disto, Caballero volveu reprochar a Feijóo a súa ausencia en Vigo na noite do suceso. Desta vez, tamén incluíu nas súas críticas o vicepresidente Alfonso Rueda e criticou o "intento político do PP que non obedece ao interese institucional". "Lamento moito que Feijóo non estivese o domingo... E o vicepresidente da Xunta tamén tiña que ter estado, pero ningún veu. Agora falan, pero no momento de estar ao carón da xente, non estaban", rematou o alcalde, que cre que o xefe do Executivo galego "volveu fallarlle á cidade". 

 

En Marea pide que compareza a presidenta de Portos do Estado no Congreso

Por outra banda, En Marea solicitou a comparecencia no Congreso da presidenta de Portos do Estado. A deputada Alexandra Fernández rexistrou unha petición na Cámara Baixa para que María Ornella compareza ante a Comisión de Fomento e responda sobre o afundimento do peirao de Vigo durante a celebración d'O Marisquiño. 

“Denunciamos a lamentable imaxe que deron ao longo do día de onte o PP e o PSOE, utilizando as institucións como feudos partidarios”, asegura a deputada viguesa Ante o cambio de versión da Autoridade portuaria, Fernández denuncia que isto “non poden ser nin pactos que oculten as responsabilidades nin guerras partidarias, porque ninguna das dúas permitiría esclarecer o sucedido”.

O BNG pregunta a Feijóo "se avala a xestión" de López Veiga e se prevé "a súa remuda"

Ademais, o deputado nacionalista, Luís Bará anunciou este martes que o BNG tramita  diversas iniciativas para exixir ao goberno que "extreme as medidas de seguridade e control en futuros eventos despois do accidente do Marisquiño" rexistrado en Vigo. O parlamentario avanzou que o Bloque preguntará ao presidente da Xunta “se avala a xestión” do presidente do Porto de Vigo, e se prevé “a súa remuda”, xa que "foi o propio Núñez Feijóo o responsable directo do nomeamento da Autoridade Portuaria". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.