O alcalde vigués insiste en que o accidente do festival se produciu polo fallo dunha estrutura do Porto e non do Concello e apela á independencia da administración local para rexeitar que a Cámara autonómica o investigue
Cun discurso moderado durante a súa intervención no Parlamento de Galicia e máis agresivo nas súas declaracións aos medios ao seu remate, este martes o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, converteu a súa comparecencia na comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño do pasado verán nunha defensa da autonomía da administración local fronte á autonómica e da confianza que os votantes de Vigo depositaron nel. “Se o PSOE ten 17 concelleiros de 27 é porque os cidadáns nos deron esa confianza”, dixo no interior da sala, para engadir ás súas portas que coa súa comparecencia alí “Feijóo pretendía un ataque a Vigo e ao seu alcalde”, consolidados como principais focos de contestación ao PP no país.
Sobre o fondo da cuestión, a responsabilidade do sinistro que o pasado verán deixou varios centos de afectados, tanto Caballero como a súa man dereita, o concelleiro Carlos López Font, que compareceu previamente, insistiron en que o espazo afundido no que se estaba a celebrar un concerto do festival era un peirao responsabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, controlada polo PP, e que o Concello cumpriu con todos os requisitos legais para autorizar o evento. Pero tras meses acusándose mutuamente o Concello e o Porto, e cunha investigación penal aberta nun xulgado de Vigo, o debate político nas últimas semanas centrárase na propia comparecencia ou non de Caballero no Parlamento nunha comisión na que o PSdeG non está a participar como xeito de protesta.
O secretario municipal vigués, ex-alto cargo de Feijóo, avalara por escrito, como funcionario independente, que o rexedor non estaba obrigado a comparecer ante a Cámara galega
Nas semanas previas o goberno local de Vigo argumentara por escrito a falta de competencias do Parlamento de Galicia para citar o alcalde en aplicación da autonomía da administración local. O secretario municipal vigués, José Riesgo Boluda, que foi número 2 da Consellería de Economía no primeiro Goberno de Feijóo, mesmo avalou por escrito, como funcionario independente, que nin el mesmo nin o rexedor estaban obrigados a comparecer ante a Cámara galega. Porén, á espera de que se pronuncie ao respecto o Consejo de Estado, Caballero optou por facelo este martes.
“Para min estar no Parlamento de Galicia sempre é unha satisfacción, en presenza da representación da cidadanía de Galicia, pero non vulnerando a autonomía municipal”, dixo Caballero, que foi deputado autonómico entre 1997 e 2001 tras perder as eleccións do primeiro deses anos fronte a Fraga. E insistiu en que, como presidente que é da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), dará a batalla para que quede claramente establecido que os cargos municipais non poden someterse a decisións dos parlamentos autonómicos ou das Cortes xerais ao igual que non ocorre á inversa. A súa responsabilidade, dixo, é ante o pleno da Corporación municipal, de cuxa composición lembrou que “se o PSOE ten 17 concelleiros de 27 é porque os cidadáns nos deron esa confianza”.
“Para min estar no Parlamento de Galicia sempre é unha satisfacción, en presenza da representación da cidadanía de Galicia, pero non vulnerando a autonomía municipal”, dixo Caballero
Pero Caballero insistiu en presentarse a si mesmo como alcalde por riba das siglas políticas. “Eu son o alcalde de Vigo e ningún grupo parlamentario me representa, o PSOE represéntame como cidadán, pero non como alcalde de Vigo”, dixo. Nesa liña, ante as peticións de documentación formuladas polo PP ao Concello, Caballero asegurou que se lle facilitará aos cargos populares que a pidan “como cidadán” pero “non como Parlamento”.
Sobre o accidente en si, e máis alá de atribuír as competencias ao Porto, Caballero salientou que el mesmo, tras producirse o sinistro, estivo á fronte da “dirección directa” dos servizos de emerxencias e reprochou ao presidente Feijóo que non acudise a Vigo malia “estar a uns poucos minutos de alí”. O rexedor tamén desbotou as críticas que se lle lanzaron de que non facilita o seu teléfono á coordinación de emerxencias do 112 autonómico para localizado en caso dunha urxencia. Aquel día, lembrou o alcalde, “a chamada do 112 atendérona os bombeiros de Vigo, que era quen a tiña que atender”.
O PP insistiu en que era obriga do Concello supervisar o festival aínda que o espazo fose do Porto, En Marea pediu a Caballero que "exerza a súa maioría absoluta de xeito distinto ao da Xunta" e BNG insistiu en que o sinistro "transcende o ámbito local"
Desde o PP, e sobre a cuestión da independencia da administración local, o deputado Alberto Pazos Couñago, que foi director xeral de Administración Local da Xunta, sobre a cuestión da independencia da administración local, puxo en dúbida a validez do informe xurídico do secretario municipal. O popular tamén insistiu en que “dá igual quen sexa o titular” do espazo no que ocorreu o accidente xa que ao seu ver “a obriga de comprobación do evento é do Concello”.
Sen ningún representante do PSdeG na sala, como ocorre desde o inicio desta comisión a deputada de En Marea Carmen Santos pediu a Caballero “que exerza a súa maioría absoluta de xeito distinto ao da Xunta, mentres que a deputada do BNG Olalla Rodil insistiu en que o accidente do Marisquiño “transcende o ámbito local”.
Carlos López Font, man dereita de Caballero, acusou o PP dunha "cacería política" para obter "algo que algúns non logran con votos"
Previamente á comparecencia de Caballero, o seu concelleiro Carlos López Font, home de confianza, tivera unha intervención máis agresiva que a do rexedor. Nela, chegou a dicir que coa súa comparecencia no parlamento autonómico malia ser membro dunha administración local “estanse vulnerando os meus dereitos fundamentais”. A comisión de investigación, dixo, non é máis que unha “cacería política” contra os socialistas vigueses e Caballero para obter “algo que algúns non logran con votos”, en referencia aos pobres resultados dos populares na principal cidade de Galicia.