O secretario municipal de Vigo, José Riesgo, que foi número 2 da Consellería de Economía, xa amparara ao alcalde socialista en contra do PP na constitución despois suspendida pola xustiza da Área Metropolitana viguesa
O Parlamento de Galicia non pode fiscalizar ámbitos de competencia alleos aos autonómicos e a autonomía local permite que o Concello de Vigo non colabore coa investigación aberta na Cámara galega sobre as responsabilidades políticas no accidente do festival do Marisquiño, no que o pasado verán resultaron feridas varios centos de persoas. Así llo vén de transmitir o Concello ao Parlamento nun escrito asinado polo secretario municipal avanzado este mércores por varios medios entre a indignación do PP. Ese máximo funcionario local que avala así a negativa do alcalde, o socialista Abel Caballero, a colaborar coa investigación é José Riesgo Boluda, que foi número 2 da Consellería de Economía e Industria no primeiro Goberno de Feijóo, con Javier Guerra como conselleiro. Non é a primeira vez que Riesgo Boluda, no seu papel de secretario municipal, no que ten que emitir informes de xeito independente e baseándose só no rigor xurídico, valida unha decisión contraria aos intereses do PP galego e favorable a Caballero.
Riesgo Boluda xa era secretario municipal en Vigo, cargo que ocupou con gobernos de todas as cores, cando en abril de 2009, ao chegar Feijóo á presidencia da Xunta, foi nomeado secretario xeral da Consellería de Economía e Industria, segundo cargo da mesma só por tras do conselleiro, o tamén vigués Javier Guerra, co que xa colaborara no Concello. Estivo no posto ata setembro de 2011, cando deixou a Xunta para acabar reincorporándose á súa praza de secretario municipal en Vigo.
Nese posto de secretario municipal, no que ten que supervisar a legalidade das decisións que se toman no Concello, Riesgo Boluda xa avalara a Abel Caballero en cuestións criticadas polo PP. En decembro de 2016, na constitución da Área Metropolitana de Vigo, na que igualmente actuou como secretario ao selo tamén da cidade, amparou que a sesión continuase malia as eivas de legalidade polo nomeamento de varios dos membros do plenario aducidas polos populares, que abandonaron a sala. Catro meses despois, un xuíz suspendeu de xeito cautelar aquel acto de constitución ao considerar que efectivamente aqueles nomeamentos eran contrarios a dereito e que todas as actuacións posteriores a aquel feito, malia permitir Riesgo Boluda que continuasen, “aparentan nulidade de pleno dereito”. Igualmente, Riesgo Boluda foi imputado, xunto cun concelleiro, por permitir que o Concello dividise en varios contratos o alumeado de nadal de 2016, proceso criticado polo PP.
O Parlamento tamén vén de recibir un documento similar no que Puertos del Estado rexeita igualmente colaborar na investigación do sinistro, ocorrido en terreos da Autoridade Portuaria de Vigo, dependente dese ente estatal
O actual informe amparando a negativa de Caballero a colaborar coa investigación política do Marisquiño non é o único que frustra parte desa comisión creada no Parlamento de Galicia grazas a decisión do PP de non bloquear coa súa maioría absoluta, como adoita facer noutras ocasións, a petición que formularon En Marea e BNG. Xunto coa advertencia do secretario municipal vigués de que o Parlamento autonómico non pode fiscalizar competencias municipais, a Cámara tamén vén de recibir un documento similar no que Puertos del Estado rexeita igualmente colaborar na investigación do sinistro, ocorrido en terreos da Autoridade Portuaria de Vigo, dependente dese ente estatal. Nese caso é o xefe da asesoría xurídica de Puertos del Estado, José Antonio Morillo-Velarde, tamén funcionario e que chegou a ese posto durante o anterior Goberno central do PP, quen asina esa negativa argumentando igualmente que un parlamento autonómico non pode fiscalizar competencias estatais.
Ese argumento é similar ao que veñen empregando distintos entes estatais para negarse a colaborar en investigacións políticas abertas no Parlamento de Galicia, desde a que pescudou na catástrofe do Prestige ata a máis recente sobre os incendios forestais, na que se negaron a comparecer o delegado do Goberno en Galicia ou responsables da Unidade Militar de Emerxencias.
López Veiga, presidente do Porto de Vigo, entidade á que Puertos del Estado tampouco deixa colaborar co Parlamento, foi conselleiro con Fraga e nomeado para o posto pola Xunta de Feijóo
O paradoxo da negativa de Puertos del Estado a colaborar coa investigación do Parlamento sobre o Marisquiño prodúcese polo feito de que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo é Enrique López Veiga, ex-conselleiro con Manuel Fraga e nomeado para o posto polo Goberno de Feijóo. Enfrontado con Caballero, López Veiga comunicou ao Parlamento que os seus superiores orgánicos de Puertos del Estado non permiten que a Autoridade Portuaria de Vigo colabore coa investigación, pero salienta que el mesmo está disposto a acudir persoalmente á Cámara galega.