Feijóo prexulga que a investigación da sanidade exculpará á Xunta e a do Marisquiño inculpará a Caballero

Feijóo e Caballero nunha imaxe de arquivo Dominio Público Xunta de Galicia

“Nunha vaise investigar a posible neglixencia do Concello de Vigo outorgando unha licenza que supuxo 460 feridos e outra vai investigar a sanidade pública que foi capaz de atender de forma inmediata a eses 460 feridos”. Esa é a visión que ten o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, das dúas comisións de investigación que se van abrir no Parlamento de Galicia tras o accidente no festival do Marisquiño de Vigo e a morte dun home no centro de saúde da Estrada. Á espera do que pase nelas, este xoves Feijóo xa evidenciou que a primeira deixará en mal lugar ao alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, mentres que a segunda, na que avanzou que quere intervir el mesmo, permitiralle publicitar as súas políticas sanitarias.

“Para min será unha honra defender os profesionais da sanidade”, di o presidente, amosando o seu desexo de publicitar as súas políticas na materia na comisión que analizará o sistema sanitario galego tras a morte dun home dun centro de saúde

Malia a visión de Feijóo das dúas comisións, a primeira, pedida por En Marea e BNG, rexeitada polo PSdeG e creada grazas á abstención dos populares, buscará “determinar as causas e dirimir as responsabilidades políticas no accidente producido o pasado 12 de agosto durante a celebración do festival do Marisquiño en Vigo, así como propoñer as actuacións necesarias para evitar que sinistros destas características poidan repetirse”. Malia o enunciado e que Concello de Autoridade Portuaria de Vigo, controlada polo PP, veñen atribuíndose a responsabilidade do sinistro, este xoves Feijóo apunto de xeito persoal contra o rexedor vigués. O presidente aproveitou para criticar o alcalde tamén polas declaracións nas que de xeito hiperbólico este anunciou hai uns días que a iluminación de Nadal da cidade será a mellor do mundo. Para Feijóo iso supuxo unha “chirigota” que, ao facerse viral, prexudicou a imaxe dos vigueses e dos galegos. “Os galegos non somos como o alcalde de Vigo”, asegurou este xoves Feijóo.

“Os galegos non somos como o alcalde de Vigo”, asegurou este xoves Feijóo, que criticou a Caballero pola "chirigota" do seu anuncio viral de que a iluminación de Nadal da cidade será a mellor do mundo

Pola contra, a outra comisión de investigación, pedida por En Marea, PSdeG e BNG e que se creará grazas á posibilidade que existe de que en cada lexislatura a oposición impulse en solitario unha análise así malia que non queira o partido maioritario, ten como obxectivo “determinar as consecuencias dos recortes e privatizacións sobre o sistema sanitario galego (2009-2018), con especial incidencia en casos como a non dispensación de medicamentos necesarios aos enfermos da hepatite C ou o falecemento dun paciente sen atención no PAC da Estrada”. Malia esa formulación crítica coas políticas sanitarias da Xunta, Feijóo xa avanzou este xoves que quere comparecer el mesmo na comisión para publicitar a súa acción de goberno. “Para min será unha honra defender como traballan os profesionais da sanidade pública galega e os recursos cos que contan”, dixo.

Parte do paseo derrubado durante O Marisquiño en Vigo © 112-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.