0 Gardados para despois

Medio Rural centra nos "incendiarios" a problemática do lume, insiste no "terrorismo" e exculpa o eucalipto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


No mesmo día no que se coñece que o Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente resolve que o eucalipto é unha especie invasora e que é recomendable a súa erradicación, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, insta a "non demonizar ningunha especie como máxima responsable dos incendios". Fíxoo na súa comparecencia, que pechou este mércores a rolda de intervencións na comisión parlamentaria para o estudo e análise da política forestal e da vaga de lume. 

Ángeles Vázquez cre que "non ten sentido demonizar ningunha especie" e lembra que "en Ourense non hai eucaliptos"

Vázquez asegurou que "non ten sentido demonizar ningunha especie" á hora de buscar as principais causas dos incendios. "O monte non arde só, de feito tres de cada catro incendios son intencionados, e o lume non entende de especies", engadiu a conselleira, que lembrou que na intensa vaga de incendios do pasado mes de outubro mesmo "arderon xardíns en zonas urbanas, como en Vigo". Ademais, destacou que a provincia de Ourense é sempre unha das máis afectadas polas lapas "e alí non hai especies pirofíticas como os eucaliptos". 

As declaracións da conselleira chegan logo de que se coñeza a intención do Plan Forestal de aumentar en 25.000 hectáreas a extensión dos eucaliptos no país. E tamén de que o informe elaborado pola Fiscalía destacase a intensidade e perigosidade da nova tipoloxía de incendios e que reparase, precisamente, no feito de que moitos dos focos xurdidos en Vigo fosen provocados por partículas incendiarias que voaron centos de metros ou quilómetros. "Restos de eucalipto e piñeiro", advirten os investigadores, que acaban prendendo lume en zonas "onde non existe este tipo de vexetación". 

A conselleira lembra que en Vigo mesmo "arderon xardíns" pero o informe da Fiscalía advirte de que eran "restos de eucalipto e piñeiro" ardendo os que provocaban eses incendios

A conselleira destacou que as excepcionais condicións climatolóxicas daqueles días de outubro foron claves na gravidade dos incendios pero advertiu de que "non se pode falar só de neglixencias" cando hai persoas "que en época de alto risco usan o lume para queimas". 

Desde os grupos da oposicion, tanto BNG como PSdeG e En Marea censuraron a "falta de autocrítica" da conselleira e lembráronlle que, malia a evidente existencia de incendiarios, "se non hai combustible, o monte non arde". "É mentira que haxa tramas, como reitera o informe da Fiscalía, pero si hai demasiado combustible e desordenación", advertiu o deputado do Bloque, Xosé Luís Rivas, Mini, que asegurou que se Ourense arde tanto é "porque está abandonado, malia non haber eucalipto". "Os incendios débense a causas estruturais que nin previmos nin atallamos", insistiu o socialista José Antonio Quiroga, que reincidiu na ausencia de "autocrítica" que tamén recriminou Paula Quinteiro, de En Marea. 

Vázquez rexeita as teses da Fiscalía ao volver usar o termo "terroristas" e ao pedir condenas máis duras, en contra do criterio de Suanzes

Pero a conselleira, na segunda quenda de intervención, insistiu en centrar nos "incendiarios" o debate. "Oxalá estivesen moitos máis condenados e ogallá as condenas puidesen ser maiores e as investigacións permitisen que estean onde teñen que estar os que non o están", destacou, en contra da tese expresada polo fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, que non apostou por endurecer as penas ao considerar "suficientes" as que xa existen. "Chámenlle incendiario, terrorista ou malvado, dáme igual, pero non ten perdón por parte de ninguén. É terrorista? Non sei se o é, pero desde logo esa persoa ten que ser condenada. Canta maior condena, moito mellor", insistiu. "Por que hai máis incendios cando sopra fortemente o vento?", preguntouse Ángeles Vázquez. "Para facer o maior dano posible", contestou. 

Ademais, Ángeles Vázquez insistiu nas bondades do Plan Forestal e no seu consenso, debullou moreas de medidas da Xunta para a loita contra os incendios e anunciou "cambios moi importantes" no servizo de prevención e defensa para que "siga sendo un referente", pero advertiu de que as novidades coñeceranse nos vindeiros días. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.