Hai xa uns dous anos que a Xunta dixo manexar un plan para promover que entidades financeiras instalasen caixeiros en concellos onde xa non quedan oficinas bancarias. Como vén informando Praza.gal, o que Alberto Núñez Feijóo anunciara como un contrato virou nun plan de subvencións. O proxecto contempla que os concellos interesados en albergar estes caixeiros cedan o local para instalalos e a Xunta, pola súa banda, pagará aos bancos unha cantidade aínda por determinar.
A Xunta ultima unha orde para subvencionar a bancos que instalen caixeiros en concellos sen oficinas e axudar a operar neles dúas horas á semana
A concreción deste programa, que implica tamén que os bancos despracen persoal a estes concellos dúas horas á semana para formar a veciñanza no uso da banca electrónica, chega en plena segunda vaga de recortes de oficinas e persoal por parte de diversos bancos. No caso galego, as consecuencias destes peches afondan nunha exclusión financeira que xa se agudizara hai unha década por mor dos peches que trouxo consigo a fracasada fusión de Caixanova con Caixa Galicia.
Con este pano de fondo, a federación de banca da Confederación Intersindical Galega vén de advertir á Xunta da súa intención de emprender mobilizacións se mantén sen mudanzas o que consideran un plan "indecente". Para Rosa María Conde, secretaria do sector de Banca da CIG, non é admisible que "bancos con beneficios multimillonarios despidan miles de persoas grazas á reforma laboral do PP e aínda por riba, Feijóo queira pagarlles por facelo".
Sinala Conde que o plan trazado pola Xunta debe ser analizado "sen perder de vista que neste momento o sector da banca está en plena reestruturación", con entidades como Santander, BBVA e Caixabank poñendo en marcha expedientes de regulación de emprego que afectarán a miles de persoas. Fronte a esta situación, advirte, "non caben ocorrencias e menos que se incentive o peche de oficinas, a redución de servizos e a destrución de emprego" mediante "a transferencia de diñeiro público a entidades con beneficios multimillonarios".
A CIG advirte á Xunta que ante a exclusión financeira "non caben ocorrencias e, aínda menos, incentivar o peche de oficinas, a redución de servizos e a destrución de emprego mediante a transferencia de diñeiro público a entidades con beneficios millonarios"
A xuízo da central sindical, este non é o xeito de abordar unha "marxinación financeira que xa é un feito non só no rural, senón cada vez máis en barrios e zonas periurbanas". Do seu punto de vista, "resulta especialmente rexeitábel que esta proposta parta da Xunta do PP", porque "son os máximos responsábeis da actual situación do sistema financeiro galego" tras "asistir impasíbel á privatización e venda das antigas caixas" mentres "se socializaban os custos do rescate".
Dado o plan que a Xunta está a tramitar, a CIG di estar "aberta a un debate público e social sobre como afrontar a marxinación financeira" e, con ese obxectivo, vén de pedir unha xuntanza co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, "sobre as consecuencias da posta en marcha destas axudas". A solución á carencia de servizos non pode ser, advirten, "subvencionar con recursos públicos ás empresas responsábeis dos peches e dos despedimentos". Se a orde non é retirada, advirten, o sindicato emprenderá mobilizacións.