Os concellos interesados (son 45 os que xa non teñen oficina bancaria) cederán o local e o Goberno galego subvencionará á entidade financeira a instalación e mantemento do aparato e o custo de destinar persoal 104 horas ao ano para “formar” á cidadanía no uso da banca electrónica
Case dous anos despois de que o propio presidente Feijóo anunciase “a próxima licitación” dun contrato para que entidades financeiras instalen caixeiros automáticos en localidades onde xa non hai tampouco oficinas bancarias, a Xunta está a ultimar aínda agora a redacción do que realmente non será unha licitación dun concurso público senón unha subvención. Os concellos interesados deberán ceder o local e o Goberno galego pagará unha contía aínda non determinada ás entidades financeiras que resulten seleccionadas para a instalación e mantemento do caixeiro así como para que destinen persoal para axudar e formar á cidadanía deses lugares -especialmente rurais e avellentados- no uso dos aparellos e da banca electrónica. Porén, a Xunta só pagará un máximo de 104 horas ao ano por concello desa axuda persoal, isto é, dúas horas á semana.
Á espera de que o proxecto de orde se aprobe definitivamente e do que poida establecerse posteriormente na convocatoria que o faga efectivo, o texto que vén de ser exposto ao público en marzo non di nada das comisións que poidan cobrar as entidades financeiras polo uso deses caixeiros nin restrinxe a posibilidade de acceder ás subvencións a entidades que pechasen oficinas ou caixeiros nesas mesmas localidades en anos anteriores.
O anuncio de Feijóo o 13 de xuño de 2019 de que a “próxima licitación” do servizo ía “repercutir xa hoxe de forma directa en 41 concellos galegos que actualmente carecen de entidade de crédito e nin sequera dun caixeiro” derivou, en contra do que na documentación oficial daquel día se presentaba como "concurso público", na redacción dunhas bases reguladoras de subvencións que comezan describindo a situación actual.
Desde aquela a cifra de concellos sen oficina bancaria xa aumentou a 45, unha situación que segundo a argumentación da Xunta débese a que “o sector bancario nos últimos anos, por mor da crise económica e dos requirimentos do Banco Central Europeo, sufriu unha forte reestruturación” que “unido á desaparición das caixas de aforros, significou o peche dun elevado número de oficinas en todo o territorio, especialmente no medio rural, con poboación de idade avanzada e illada de núcleos urbanos”. Nada di esa exposición de motivos da responsabilidade da propia banca na crise económica nin do proceso guiado pola Xunta que levou á desaparición das caixas de aforros.
O texto non di nada das comisións que poidan cobrar os caixeiros nin limita que non poidan acceder á subvención entidades que veñan de pechar oficinas nesas vilas
Ante esa situación, agora a Xunta quere convocar unhas subvencións por concorrencia competitiva para pagar ás entidades financeiras que resulten seleccionadas a instalación e mantemento de caixeiros en locais que cedan os concellos que quedasen sen bancos. A subvención será por un período de catro anos e incluirase nos gastos subvencionables as obras e conexións eléctricas e de datos precisas, o transporte, a limpeza ou a seguridade do caixeiro.
E xunto con esas actuacións, a Xunta tamén subvencionará ás entidades financeiras para que presten un servizo de “asistencia e formación financeira” que “consistirá na prestación de servizos bancarios e financeiros de forma personalizada con cita previa nas dependencias municipais facilitadas polo concello onde se instale o caixeiro, de xeito que permita proporcionar aos seus habitantes un nivel de servizo equivalente ao dunha oficina bancaria convencional (agás o servizo de caixa), como asesoramento en servizos e produtos bancarios ou contratación de operacións de activo ou pasivo”. O servizo tamén deberá formar á cidadanía en “utilización do caixeiro automático”, “banca electrónica” e “educación financeira”.
A Xunta aínda non detalla cantos cartos destinará a esta medida e limítase a indicar que “a contía máxima da subvención establecerase de acordo a estudos de mercado”.
Porén, o propio texto sinala que “o total de horas de prestación do servizo de asistencia e formación máximo subvencionable será de cento catro horas ao ano por concello”, o que suporía dúas horas cada unha das 52 semanas que ten o ano. Ademais, a Xunta permitirá que esas horas poidan “distribuírse de xeito asimétrico entre os concellos de destino en función das súas características socioeconómicas e de acordo a un plan personalizado que a entidade beneficiaria deberá presentar”.
Por outra banda, a Xunta tamén permitirá que, ante unha avaría, a entidade poida manter o servizo interrompido por un período de ata “2 días laborables”. E canto aos cartos que destinará a estes servizos, o texto de momento só indica que “a contía máxima da subvención establecerase de acordo a estudos de mercado”.
Feijóo indicou este xoves que 25 dos 45 concellos sen oficina bancaria xa amosaron o seu interese e salientou que para axudar á cidadanía "haberá presenza física durante un tempo", pero nada dixo de que vaia ser dúas horas á semana
Este xoves o propio Feijóo referiuse a esta iniciativa, de cuxa liña de subvencións a bancos nada dixo, presentándoa pola contra novamente como unha "licitación" ou "contrato" por "convocatoria pública". O foco do presidente estivo desta volta en informar de que 25 dos 45 concellos sen oficina bancaria xa amosaron o seu interese en adherirse ao programa. Sobre o seu funcionamento, Feijóo dixo que para os servizo de axuda e formación da cidadanía "haberá presenza física durante un tempo", pero nada dixo de que ese tempo vaia ser dúas horas á semana.