A pasada semana o Parlamento sacou adiante cos votos do PP as normas de funcionamento da comisión de investigación das caixas, que o partido do Goberno deu en reabrir no inicio da nova lexislatura tras manter os seus traballos paralizados durante tres anos para, xustificaron os populares, "arrefriar o debate" durante un período no que se sucederon as convocatorias electorais. Neste reinicio formal dos traballos os conservadores volveron advertir que a comisión apenas se limitará a culminar o labor xa iniciado na pasada lexislatura coa engádega de "documentos novos" como as sentenzas condenatorias aos ex-directivos. A resistencia a ampliar o obxecto da investigación ficou reafirmada na negativa do PP a indagar nun dos aspectos máis controvertidos da xestión das desaparecidas Caixanova e Caixa Galicia: as súas aventuras inmobiliarias que derivaron en máis de 5.000 millóns de euros de 'ladrillo tóxico'.
Tras conxelala durante tres anos o PP vén de evitar ampliar o obxecto da investigación ás caixas
Nas súas emendas ao funcionamento da comisión o PSdeG tentou, sen éxito, incorporar unha amplicación ao artigo 14 destas normas, o que regula os contidos do ditame da comisión, isto é, das súas conclusións. Este documento, pedían os socialistas, debería iniciar na "xénese da burbulla inmobiliaria, tendo en conta as decisións tomadas sobre a fusión, as auditorías existentes e as actuacións do Banco de España, así como o deterioro das caixas, considerando os investimentos e os riscos inmobiliarios asumidos, así como os cambios regulatorios". Este precepto supuña alargar, de feito, o ámbito da investigación, e o PP rexeitouno.
Na operación do rescate Novagalicia Banco transferiulle ao 'banco malo' activos inmobiliarios tóxicos por 5.096,90 millóns de euros
Quedará así sen investigar, cando menos en Galicia, a etapa das alegrías inmobiliarias das caixas desaparecidas, as que segundo a investigación xudicial chegaron á fusión en estado de "insolvencia", no caso de Caixa Galicia, e con "serios problemas de viabilidade", no de Caixanova. Si é posible, así e todo, trazar un retrato robot da exposición ao ladrillo do que despois foi Novacaixagalicia e Novagalicia Banco a partir das propiedades inmobiliarias da entidade fusionada que acabaron transferidas á Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb), isto é, o banco malo creado polo Estado.
En decembro de 2012, cando o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria executou o rescate completo de Novagalicia e achegou á deteriorada entidade a inxección máis relevante de fondos públicos, máis de 5.400 millóns, a entidade nacionalizada tivo que transferir as súas propiedades inmobiliarias 'tóxicas' á Sareb. O importe daquela transferencia foi, concretamente, de 5.096,90 millóns de euros, prezo que o banco malo abonou con "valores de renda fixa (...) coa garantía irrevogable do Estado español", informara daquela.
Un 60% dos pisos fóra de Galicia
Xusto despois de ser rescatada Novagalicia tiña á venda máis de 9.000 vivendas, das que apenas o 40% estaban en Galicia
Entre as condicións do rescate a Novagalicia figuraba tamén a obriga de desfacerse dos seu lastre inmobiliario e, entre outras operacións, a entidade que quedara co negocio bancario de Novacaixagalicia decidira facelo a través dunha nova marca, Escoge casa, que tras a venda de NGB ao venezolano Banesco tornou no portal inmobiliario de Abanca. Como informou Praza.gal, inmediatamente despois da nacionalización Novagalicia ofertaba máis de 9.000 vivendas a través da súa firma inmobiliaria e apenas o 40% delas estaban en territorio galego. Non en van, outra das esixencias do rescate foi a fin da expansión a outros puntos do Estado.
Así, Novagalicia tiña nas comunidades do Levante practicamente as mesmas vivendas sen vender que en toda Galicia (3.400 fronte a 3.500) e dábase a circunstancia de que contaba, por exemplo, con máis pisos en Castellón (638) ou Almería (480) que en Lugo (450) ou Ourense (193). Tamén destacaban naquela relación de vivendas sen vender as que NGB ofrecía en Madrid (622) ou Barcelona (374).
O ladrillo das caixas galegas pode acabar sendo investigado en Madrid
Tras aquelas primeiras cifras aínda transcenderían, mesmo despois da privatización, detalles que escurecían aínda máis o pasado inmobiliario das caixas quebradas. Un dos máis resaltables fora a constatación, por parte da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) de que Caixa Galicia "manipulou" o mercado bursátil coas accións que manexaba na inmobiliaria Parquesol, un dos emblemas da España da burbulla que acabara tamén en mans galegas, da construtora Grupo Sanjosé, apenas uns meses antes da caída de Lehman Brothers, no verán de 2008.
Así as cousas, é posible dar practicamente por seguro que o ladrillo das caixas galegas non será investigado en Galicia, pero non así na comisión de investigación sobre o rescate bancario que se prepara no Congreso dos Deputados. O acordo que dará lugar esta comisión contempla levar as pescudas ata comezos de século, ata a xénese da burbulla coa liberalización do solo decidida polo Goberno de José María Aznar, o que pode derivar no paradoxo de que o ladrillo das caixas galegas apenas se toque na comisión galega, pero si se profunde sobre a súa xestión en Madrid.