A Xunta despachou en cinco páxinas o aval á fusión das caixas que agora envía ao Parlamento por orde xudicial

Imaxes de Marta Fernández Currás e de Feijóo con Méndez e Gayoso durante os meses previos á fusión e recorte do informe coa autorización da Xunta á operación CC-BY-NC-SA Praza Pública

O 18 de novembro de 2010, o Consello da Xunta autorizou a fusión de Caixa Galicia con Caixanova. Facíao apoiándose nun informe redactado pola daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, cuxa sinatura fora inserida, apenas nove meses antes, no documento asinado por ambas entidades para anunciaren que se dispuñan a unirse. 

O ex-deputado Antón Sánchez viña reclamando dende 2013 por varias vías o informe co que a Xunta autorizou a fusión das caixas; o pasado xuño o Tribunal Superior condenou o Goberno galego a entregar o documento ao Parlamento

Ese informe, a autorización oficial da Xunta á fusión, fora reclamado sen éxito dende 2013 polo agora ex-deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20) no marco da comisión de investigación sobre a quebra e rescate da entidade fusionada, recentemente reaberta por terceira vez. O Goberno galego respondera a outras das súas peticións de documentación, pero non a esa. 

Ese reiterado bloqueo levouno a recorrer á Xustiza e, en xuño deste ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenaba a Xunta a entregar ao Parlamento os papeis reclamados. Ese envío vén de producirse, ao límite do prazo legal para facelo. Nel inclúese o reclamado informe, que resulta ter apenas cinco páxinas sen apenas cifras nas que, en síntese, a Xunta se limita a reproducir a versión das caixas sobre a súa propia fusión, o visto e prace que a operación recibira do Banco de España e o cumprimento de diversos trámites.

Páxinas do informe co que a Xunta autorizou a fusión das caixas, agora entregado ao Parlamento por orde xudicial e, de fondo, comunicado do 18 de novembro de 2010 sobre o visto e prace á operación CC-BY-SA Praza Pública

Nese documento, ao que tivo acceso Praza.gal, a Xunta constata que Caixanova e Caixa Galicia acordaran fusionarse e elaboraran un plan de integración aprobado naquel mesmo 2010 polo Banco de España e polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria, o mecanismo creado polo Estado para intervir e propiciar os rescates e fusións de entidades financeiras. Relata tamén, a xeito de cronoloxía, os pasos que ambas caixas foran completando cara á fusión.

No seu informe, a Xunta limítase a constatar os trámites que as caixas foran completando cara á fusión, a citar as vantaxes da operación que as propias entidades esgrimían ou a referirse ao visto e prace do Banco de España

Nun epígrafe titulado Consideracións económicas, de apenas unha páxina de extensión, a Xunta indicaba que a crise financeira daqueles anos estaba a "esixir" ao sector das caixas de aforro "unha importante reestruturación" para "acadar tamaños e niveis de solvencia que permitan superar con éxito as dificultades". A continuación, detallaba as reformas legais que o Estado aprobara ao respecto e incluía as previsións elaboradas polas propias caixas dunha necesidade de 1.162 millóns de euros de apoio financeiro do FROB para a fusión. Finalmente, a entidade fusionada acabaría precisando case 10.000 millóns de rescate, dos que o Banco de España dá por perdidos uns 9.000.

Sen referencia ao informe de KPMG polo que a Xunta pagou un millón de euros

No segundo apartado destas "consideracións económicas", o máis amplo, a Xunta reproduce as vantaxes que, segundo as propias caixas, ía ter a súa unión, tales como a "xeración dunha entidade de maior tamaño, cun activo total de máis de 73.000 millóns de euros", diversas reducións de custos ou "incremento da súa solvencia". Tamén "obtención de beneficios despois de impostos" suficientes para devolver as axudas públicas nun prazo de cinco anos. Eses beneficios nunca chegaron.

Feijóo e Fernández Currás, celebrando a fusión das caixas coa cúpula directiva da entidade fusionada en novembro de 2010 CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

A Xunta non achega a esas cifras e análises ningunha prospección de seu sobre a situación das caixas. Nin sequera referencia ningunha ao informe da consultora KPMG sobre a fusión que o propio Goberno galego sufragara cun millón de euros. Ese informe fora presentado en xaneiro daquel ano pola propia Currás quen, como tamén Feijóo en ocasións posteriores, sinalara o traballo como unha "auditoría" que "avalaba" a fusión. En realidade, nin era unha auditoría nin avalaba a fusión.

A Xunta non achega no informe ningunha cifra ou pescuda de seu sobre a situación das caixas; tampouco ningunha referencia aos resultados do informe de KPMG que encargara por 1 millón de euros para impulsar a fusión

O informe asinado por Fernández Currás detíñase, a continuación, nas Consideracións xurídicas, apartado no que o informe indicaba que a fusión ía cumprir os requisitos fixados na lexislación vixente na altura, tales como crear unha nova entidade e extinguir as preexistentes, redactar e aprobar novos estatutos e outra documentación. Alén destes aspectos máis formais, o informe consideraba que "adicionalmente", debería "terse en conta" que "ningunha das entidades está en liquidación" e que "non deriva ningún prexuízo para as garantías dos impositores ou acredores das caixas.

Tras esta breve exposición, o informe concluía que o Consello podía autorizar a fusión de Caixanova con Caixa Galicia "nos termos aprobados" por cadansúas asembleas. Apenas dúas semanas despois, a propia Xunta actuaba como anfitrioa para celebrar a fusión, con Alberto Núñez Feijóo presidindo o acto de sinatura da escritura da nova entidade -cunha estilográfica Montblanc gravada para a ocasión polo Goberno galego-. Nacía Novacaixagalicia, que como tal duraría apenas tres meses antes de verse abocada á creación de Novagalicia Banco, a entidade posteriormente rescatada con case 10.000 millóns.

Documento de inicio da fusión das caixas no que a Xunta inseriu a sinatura de Marta Fernández Currás como conselleira de Facenda en marzo de 2010 CC-BY-SA Praza Pública

Na información feita pública pola Xunta tras aquel Consello do 18 de novembro de 2010, o Goberno galego non divulgou o informe. Si publicara un comunicado no que indicaba que "o Consello da Xunta autoriza a fusión que dará lugar á quinta caixa de España", agregando que "Galicia logra ser unha das comunidades que mantén peso financeiro cunha caixa propia, próxima, eficiente e identificada co territorio".

Ademais deste informe, o Tribunal Superior condenou tamén á Xunta a entregar ao Parlamento, como reclamara Antón Sánchez, a "acta da reunión" da comisión de secretarios xerais -altos cargos das consellerías que pechan a orde do día de cada reunión do Goberno galego- previa ao Consello da Xunta daquel 18 de novembro de 2010. Na documentación agora achegada ao Parlamento, a Xunta non inclúe esa acta, senón unha certificación asinada o 20 de novembro de 2018 pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia da Xunta, Beatriz Cuíña -actualmente ostenta o mesmo cargo na Vicepresidencia primeira- na que acredita que nesa reunión foi aprobado o devandito informe a prol da fusión das caixas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.