Este 1 de decembro hai dez anos dende a primeira vez que a opinión pública galega escoitou e viu a marca Novacaixagalicia. No primeiro día de funcionamento da entidade resultante da fusión de Caixanova con Caixa Galicia, asinada dous días antes nun acto solemne encabezado polo presidente da Xunta -cunha estilográfica Montblanc gravada para a ocasión polo Goberno galego-, catro sucursais da Coruña e outras tantas en Vigo estreaban os novos logotipos. Mentres, os máximos responsables proclamaban que "a plataforma financeira que hoxe nace é máis forte que as dúas de orixe". Unha década despois, a investigación do Parlamento de Galicia sobre o acontecido volve estar conxelada por enésima vez.
O 1 de decembro de 2010 comezaba a operar oficialmente a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia con Caixanova, que naquel día se presentaba como unha "plataforma financeira máis forte que as dúas de orixe"
Naquel 1 de decembro de 2010, a legalmente denominada Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra reuniu o seu consello de administración e, ademais de aprobar a nova marca, deu luz verde á emisión de 1.162 millóns de euros en participacións preferentes que ía adquirir o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Aquela fora presentada como a única inxección de diñeiro público que ía precisar a operación. Novacaixagalicia, repetían, tiña "maior capacidade para xerar recursos propios" que as dúas grandes caixas por separado e, "polo tanto, para contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia".
Aquela efémera aventura durou como tal menos dun ano. En plena crise financeira internacional e entre constantes mudanzas regulamentarias e legais tanto en España como a nivel europeo, apenas seis meses despois, en xuño de 2011, Novacaixagalicia iniciaba o seu proceso de bancarización, que culminaría apenas un mes despois. A actividade financeira pasaba a un banco de nova creación, NCG Banco S.A., comercialmente Novagalicia Banco e inicialmente propiedade ao 100% de Novacaixagalicia.
A aventura de Novacaixagalicia durou como tal apenas un ano; en 2011 tivo que emprender a bancarización e Novagalicia Banco acabaría precisando un rescate do que o Banco de España dá por perdidos uns 9.000 millóns de euros
Tres meses despois, cando aínda non transcorrera un ano do peche da fusión, Novacaixagalica cifraba en 2.465 millóns os fondos que precisaba o novo banco e indicaba que chegarían de "investidores privados" e mais do FROB. Aquel montante acabou sendo integramente público, igual que os máis de 5.000 millóns procedentes do rescate bancario inxectados a finais de 2012, poucos meses despois de ficar claro que a entidade presentada como "solvente" e "galega" ía, tras a intervención estatal, acabar sendo vendida pola vía rápida, o cal acabaría sucedendo en 2013. Nesa venda foron recuperados apenas 1.000 millóns do rescate. Segundo acredita o Banco de España, outros 9.000 poden ser dados por perdidos.
Durante sete destes dez anos, o Parlamento de Galicia tivo formalmente aberta unha comisión de investigación sobre aquela fracasada fusión, pero a maior parte do tempo -uns cinco anos- permaneceu parada por vontade do grupo maioritario da Cámara, o PP, que inicialmente alegara a necesidade de "arrefriar o debate" para xustificar os primeiros paróns. Tras as pasadas eleccións galegas, o pasado outubro a Cámara abriu a comisión por terceira vez, se ben algo máis dun mes despois, aínda non tivo actividade ningunha. Pouco antes, un auto da Audiencia Nacional cuestionaba a fusión, sinalábaa como "obrigada" para Caixa Galicia, cuestionando o papel da Xunta no acontecido.
Mentres a investigación non volve arrincar, a Xunta aínda ten pendente a entrega de papeis ao Parlamento ordenada pola Xustiza
A reapertura chegou tamén mentres o Goberno galego aínda ten pendente a entrega de documentación sobre a fusión das caixas ordenada o pasado xuño polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao que tivo que recorrer o ex-deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20) ante a negativa da Xunta a lle facilitar os papeis. O Executivo asegurou, tras a condena xudicial, que tiña intención de remitir os papeis, o cal aínda non sucedeu. A finais deste mes de decembro expira o prazo tras o cal o ex-parlamentario podería reclamar ante o propio Tribunal outra orde para executar a sentenza.