Como o 14 de marzo de 2013 e o 23 de xaneiro de 2017, o Parlamento de Galicia disponse a abrir por terceira vez unha comisión de investigación sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Vai, en rigor, reabrir a mesma comisión que pechou sen conclusións co remate das anteriores dúas lexislaturas e que pasou cinco dos seus máis de sete anos de existencia bloqueada por vontade da maioría absoluta dun PP que este mesmo martes volveu manifestar o seu "orgullo" por impulsar aquela operación.
Como en 2013 e 2017, a comisión de investigación constitúese porque os populares acceden a facelo. Desta volta, saíron adiante as peticións acumuladas do PP e do BNG, os dous grupos con escanos dabondo (cómpren polo menos 15) para pedir a apertura deste tipo de órganos.
Pontón (BNG) ve "unha vergoña" que cumpra reabrir a investigación sobre a fusión dez anos despois da desaparición de Caixa Galicia e Caixanova
"É unha vergoña que dez anos despois" o lexislativo galego teña que adoptar un trámite coma este para procurar "coñecer a verdade", lamentou Ana Pontón, que no nome do BNG amosou ao hemiciclo unha das múltiplas fotografías nas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se retratou cos daquela directivos das caixas para festexar a fusión que, subliñou o socialista Pablo Arangüena, o líder popular "apadriñou coma ninguén" defendendo que ía "manter a solvencia e a galeguidade" dunha caixa galega única.
Arangüena (PSdeG) lamenta que para o PP a culpa do "maior pelotazo da historia de Galicia" sexa "de calquera, agás do padriño da fusión", en referencia a Feijóo
Para Pontón, a comisión ten aínda moitas zonas escuras por despexar. Entre elas, o contido íntegro do informe de KPMG sobre a fusión polo que a Xunta pagou un millón de euros, as "razóns reais polas que o Goberno de Rajoy puxo en marcha a venda" de Novagalicia Banco ata acabar nas mans do venezolano Banesco ou o "estado real de saúde" financeira das caixas antes da fusión ou as "operacións" inmobiliarias de José Luis Méndez. Galicia, sinala, ten "dereito a saber a verdade".
Arangüena, que como avogado denunciou ante a Xustiza as indemnizacións dos ex-directivos que acabarían con varios deles en prisión, tamén ve preciso deitar luz sobre "o maior pelotazo da historia de Galicia", un proceso "ben distinto" ás demais fusións bancarias do Estado no que o PP, censura, o PP defende que "a culpa foi de calquera agás do padriño, impulsor e muñidor da fusión", advirte sinalando a Feijóo. Agora, defende, o que toca é que a comisión non vire en "simulacro" ou "paripé". "Á ver se á terceira vai á vencida" en aspectos como coñecer o contido "íntegro" do informe de KPMG, que "nin era auditoría, nin avalaba nada".
Puy defende que o PP "asume a responsabilidade" do impulso á fusión e "estamos orgullosos dela"
O PP, pola súa banda, di estar satisfeito por reabrir a comisión para así "evitar" unha "loita polo relato" do acontecido coa fusión. No nome dos populares, Pedro Puy advirte que afrontan a nova xeira da comisión "asumindo" a "responsabilidade" de impulsar a fusión. "Asumímola e estamos orgullosos dela, porque demos unha batalla moi dura" que, coida, "reforzou" a perecepción de que "o PP defende a Galicia" e ademais, "salvou os depósitos dos galegos" e non de "ningún fondo de investimento".
Para Puy, entre os asuntos a abordar non debe estar o recente auto da Audiencia Nacional que, na liña da sentenza que condeou os ex-directivos, sinala o mal estado financeiro de Caixa Galicia previo á fusión como unha das claves da quebra. Non é posible pretender "demostrar o fracaso da fusión" esgrimindo ese auto porque "é xustamente o contrario", xa que "explica por que era importante" fusionar as caixas.