No ano 2003, en Galicia había 25 concellos sen ningunha sucursal dunha entidade bancaria. No pasado 2020 eran xa 45, segundo datos do Banco de España, os municipios galegos sen ningunha dun banco. Este é o pano de fondo co que a Xunta anunciou, hai xa dous anos, a "próxima licitación" dun contrato para que entidades financeiras instalasen caixeiros en concellos sen sucursais.
En 16 dos 34 concellos que xa se sumaron ao plan da Xunta, as entidades bancarias pecharon unha ou máis das súas sucursais dende o ano 2003. Noutros 15 non hai banco dende principios de século e os 3 restantes contaban en 2020 con cadansúa oficina
Como vén informando Praza.gal, o Goberno galego foi cambiando o plan e, neste tempo, o contrato virou en protocolo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao que deben adherirse os municipios interesados nun servizo que xa non chegará a través dun contrato, senón mediante unha subvención. O Goberno galego viñera reiterando o plan en sucesivas notas de prensa, pero non foi ata este xoves cando revelou o montante de cartos públicos co que financiará a operación.
O Consello da Xunta vén de dar o seu visto e prace á activación desta orde de subvencións da Consellería de Facenda para o período 2021-2025 por importe de 2,88 millóns de euros. Ao facer pública esta decisión, a Xunta actualizou tamén os concellos xa adheridos ao plan que "xa asinaron os correspondentes convenios". Trátase de 34 concellos entre os que se atopan 16 que nos que diferentes entidades bancarias pecharon ata 18 oficinas dende o ano 2003, segundo datos do Banco de España.
Dáse a circunstancia, tamén, de que en 15 dos 18 restantes concellos que se sumaron ao plan non existe ningunha oficina bancaria funcionando, cando menos, dende principios de século. Daquela, neles non houbo peches recentes porque xa non había sucursal que pechar. Noutros tres (Dumbría, Vilar de Santos e A Peroxa) o censo do Banco de España recollía en 2020 a existencia de cadansúa sucursal.
O Goberno galego repite que os concellos "non terán que facer ningunha achega económica", pero os convenios establecen que terán que dotar as instalacións para o banco de subministros como auga, luz e telefonía e pagar o que custen
Ao concretar a contía da subvención, a Xunta reitera que o financiamento da iniciativa "corre a cargo" do Goberno galego, "polo que os concellos acollidos a esta medida non terán que facer ningunha achega económica". Non obstante, xusto a continuación admite que estes municipios si terán que "ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación" incluídos no programa.
En rigor, como avanzou Praza.gal, o modelo de convenio que asinan os municipios interesados establece como obrigas do concello, entre outras, "dotar ao espazo cedido para a instalación do caixeiro automático" das "acometidas de electricidade, telefonía e outras que fosen necesarias para realizar a conexión do caixeiro". E tamén "asumir o custo destes subministros ao longo da prestación dos servizos".
Resta saber que banco se vai beneficiar do "incentivo" da Xunta, que polo momento só indica que será elixida "mediante convocatoria pública"
Os concellos interesados tamén poden elixir entre dispoñer só dun caixeiro ou contar ademais co servizo de axuda e formación da veciñanza, que a Xunta tamén subvencionará ás entidades financeiras durante un máximo de 104 horas ao ano, isto é, dúas horas cada unha das 52 semanas do ano. Para iso, ademais do espazo para a instalación do caixeiro, deberán “poñer a disposición da empresa que resulte beneficiaria da subvención un local habilitado e con capacidade suficiente” e “autorizar a súa utilización sen custo para a mesma, sendo aconsellable que este local estea próximo á localización establecida para a instalación do caixeiro”.
Neste contexto, só resta saber que entidade bancaria será a beneficiaria deste plan da Xunta. Polo momento, o Goberno galego limítase a sinalar que "estas medidas de universalización se van desenvolver a través da concesión dun incentivo a unha entidade financeira" que "se elixirá mediante convocatoria pública" para que "preste os servizos bancarios básicos" nos "concellos do ámbito rural que se adhiran". "Os habitantes destes concellos dispoñerán dun caixeiro automático e poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outros municipios", agrega.