Dende finais do pasado ano, familias e persoal docente do colexio de Baamonde, en Begonte, mobilízanse contra o proxecto impulsado dende o Concello para pechar o centro e enviar o seu alumnado ao outro colexio do municipio. A intención do goberno municipal é convertelo nun conservatorio de música co que di prever dinamizar a vila, segundo indicou, mentres que pais e nais, docentes e tamén sindicatos e outros colectivos da localidade e do resto da provincia de Lugo consideran que este será o enésimo golpe ao ensino no ámbito rural.
Nunha recepción ao alcalde de Begonte, Feijóo defende que o concello vai pasar "de ter dous centros con feble matrícula a un único centro fortalecido con maiores recursos educativos"
Dende o inicio do conflito, a oposición parlamentaria galega de BNG e PSdeG manifestou a súa oposición a este peche, mentres que o Grupo Parlamentario do PP veu mantendo que ía ser "beneficioso para o alumnado" porque, manteñen, terán máis servizos nun colexio único, con máis estudantes. A ese aval vén de sumarse persoalmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Mentres, en Baamonde e mais na cidade de Lugo, familias e docentes desenvolven novas mobilizacións para tentar reverter o peche, Feijóo recibía este martes na área do Goberno no Parlamento ao alcalde de Begonte, José Ulla (PP). Nun encontro non incluído previamente na axenda pública do Goberno galego, pero si difundido tras a súa celebración mediante un comunicado, Feijóo abordou co seu compañeiro de partido os "proxectos de maior interese para o Concello" entre os que, di a Xunta, "destacan os de carácter educativo".
Así, segundo a Xunta, nesa reunión Ulla e Feijóo "analizaron" a "integración" do CEIP de Baamonde no CEIP Virxe do Corpiño, o cal "vai recibir 600.000 euros para reformar e modernizar as súas instalacións" en materia de "eficiencia enerxética". "O Concello pasaría de ter dous centros con feble matrícula a un único centro fortalecido con maiores recursos educativos", defende o Goberno galego, que di augurar ademais que o colexio fusionado "atraerá matriculación doutras zonas", afirma sen achegar máis detalles ao respecto.
A Xunta di prever que as aulas de música previstas polo Concello no actual CEIP de Baamonde poden atraer "ao redor de 200 músicos" da comarca. Familias e docentes continúan mobilizándose contra o peche
O aval de Feijóo esténdese tamén á conversión do CEIP de Baamonde nun edificio para "outros usos, como aulas de música e conservatorio municipal" que, defende a Xunta, "podería" acoller "ao redor de 200 músicos de toda a comarca" -Begonte pertence á comarca da Terra Chá e a cabeceira comarcal, o concello lindeiro de Vilalba, ten conservatorio de seu-. Segundo o Goberno, "o concello de Begonte está a piques de rematar a elaboración dos proxectos de remodelación e, unha vez rematados, asinarase o convenio para a execución das obras necesarias".
Fronte ás boas perspectivas de Feijóo a respecto do peche do CEIP de Baamonde, que neste 2021 fai cincuenta anos, a Xunta de Persoal Docente non Universitario da Provincia de Lugo rexeita tamén o peche. "Consideramos que a existencia dun centro educativo próximo, na contorna rural, a maiores de ser un servizo público esencial, é un elemento dinamizador deste ámbito xa que contribúe a manter e fixar poboación e facilitar a vida dos habitantes da zona". Os sindicatos que a compoñen critican que a Consellería de Educación non accedese a reunirse con eles para abordalo.