Remata o curso para os 30 nenos e nenas do CEIP de Baamonde, que pecha no seu 50 aniversario por decisión do concello de Begonte
"A verdade é que os ánimos están polo chan, aquí ninguén nos escoitou e van facer algo que non deberan poder facer". Rematou o curso escolar para os trinta nenos e nenas do CEIP de Baamonde, en Begonte, pero non é un final normal. O ano que vén xa non poderán volver a esta escola, que ademais este ano celebrou os seus 50 anos como centro de ensino, porque o concello segue adiante co seu peche, avalado pola Xunta.
Desde a Asociación de nais e pais da escola de Baamonde lamentan que non chegaron a ser recibidas na Consellería de Educación en Santiago en todo o curso escolar. Xa non planificaron nada especial para o último día das clases porque fican "cansas" e "desilusionadas" co inminente peche. "Tiramos a toalla", din. A última acción que realizaron foi en maio xunto á Federación de Anpas da Provincia (Fapacel) e á asociación de veciños de Baamonde, cando percorreron a etapa 31 do Camiño Norte de Santiago, entre Vilalba e Baamonde, reclamando que o colexio se mantivese operativo.
"Facíamos comunidade, algo moi importante tendo en conta que vivimos nun rural disperso", di unha das nais do colexio de Baamonde
O proxecto municipal consiste nun cambio de utilidade das instalacións, que pasarán a aloxar unha escola de música. As nais e pais aínda non saben se o colexio vai sufrir un peche como tal ou será unha unificación co centro de Begonte. "Moitos estamos buscando xa alternativas", di outra nai. Os pequenos vanse espallar entre as escolas de Vilalba, Guitiriz, Parga ou Friol.
"O colexio funcionaba ben, tiñas unha boa relación cos mestres e todos estabamos involucrados. Facíamos comunidade, algo moi importante tendo en conta que vivimos nun rural disperso. Para os que o tiñan preto vai mudar moito porque algúns nenos podían ir andando á escola, pero para nós, aínda que vaian igual no autobús, non pode ser o mesmo porque construímos unha comunidade que agora está rota", defende esta nai.
"Isto afecta a que a xente quede aquí, aínda encima este ano pegáronnos unha paliza: quedamos sen médicos, sen escola, sen banco... Vendo que a xente se estaba achegando agora a vivir máis aos pobos, quítanche todos os recursos e, evidentemente, claro que nos vai afectar", comenta unha das nais da Anpa.
"Aquí non marchas con tanta facilidade como na cidade", explica outra nai, "compras unha casa, ou a tes que arranxar, e contas cos servizos como o colexio cando vés". "Pero xa non hai que pensar só en nós, se non invistes na xente nova os nosos fillos e fillas non van querer quedar e non vai vir outra xente para aquí", engade.
"Ata o momento sufrimos a falta de investimento no rural, pero o de agora é un recorte directo", sinala outra nai do CEIP de Baamonde
Critican a falta de "visión a longo prazo" do alcalde de Begonte, José Ulla, e máis do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao prescindir dun colexio con trinta nenos e nenas matriculados. "Ata o momento sufrimos a falta de investimento no rural, pero o de agora é un recorte directo", censura unha das nais, cuxa filla menor tería que entrar no CEIP de Baamonde en dous anos.
"É moi triste que teñamos que ser precisamente nós, as que vivimos nas aldeas e nas vilas, as que teñamos que poñer o punto de cordura nesta situación , aínda que sexa a berros para que vos decatedes do que acontece realmente no país. Si pechamos colexios, pechamos o rural", sinalaban no manifesto da Anpa que leron diante da sede da Xunta en Lugo o pasdo mes de abril.