O Consello de Ministros aprobou este martes o currículo de ESO da Lomloe (Lei Orgánica de Modificación da LOE), a nova Lei de Educación aprobada o pasado ano. O documento que este mércores publica o BOE comezará a aplicarse o vindeiro curso en 1º e 3º da ESO e no curso seguinte en 2º e 4º. Despois da aprobación do currículo de Primaria e ESO, só falta a concreción do texto que regulará os contidos do ciclo de Bacharelato.
O novo currículo da ESO comezará a aplicarse o vindeiro curso en 1º e 3º da ESO e no curso seguinte en 2º e 4º.
En calquera caso, aínda que o Goberno central marca liñas e directrices xerais, as comunidades autónomas deben decidir agora a metade do currículo e tamén os coñecementos e habilidades mínimas que o alumnado debe manexar cando remata cada etapa educativa. A Consellería de Educación publicará nos vindeiros meses o currículo completo da Educación Secundaria Obrigatoria.
As liñas xerais dos cambios que introduce o novo currículo da ESO poden resumirse nunha aposta por un ensino que valore máis o "saber facer" e as competencias acadadas máis que a memorización dunha serie de contidos determinados.
Así mesmo, hai modificacións importantes nas condicións para que un alumno ou alumna pase de curso, unha decisión que xa non dependerá do aprobado ou suspenso obtido nun número determinado de materias, senón dunha decisión integral adoptada de xeito colectivo polo profesorado. Desaparecen, ademais, as cualificacións numéricas. Estes son algúns dos cambios máis destacados.
Repetición de curso
Desaparece o límite de suspensos para o pase de curso, que será unha decisión que adopte o conxunto do equipo docente, avaliando de xeito integral se o estudante acadou os obxectivos e competencias fixadas para a etapa
Desaparece o límite de suspensos para o pase de curso ou a obriga de ter aprobadas unha serie determinada de materias (ata agora un alumno ou alumna non podía superar o curso se suspendera á vez Matemáticas e Lingua). Agora o pase de curso será unha decisión que adopte o conxunto do equipo docente, avaliando de xeito integral se o estudante acadou os obxectivos e competencias fixadas para a etapa. A repetición de curso no ensino obrigatorio pasa a ser considerada unha medida de carácter excepcional, que só se poderá levar a cabo unha vez en cada curso e un máximo de dúas veces en todo o ensino obrigatorio.
Sen exames de recuperación
Ligado ao anterior, desaparecen os exames de 'repesca', porque o obxectivo pasa a ser "atallar os problemas cando se detecten". A repetición é cualificada de "ineficaz e regresiva". O obxectivo, en cambio é potenciar os mecanismos de detección temperá dos problemas e de seguimento de cada alumno ou alumna. Búscase reducir a porcentaxe de repetidores, que se achega ao 10% no conxunto do Estado, moi por riba da maior parte do resto de Europa.
Desaparecen as cualificacións numéricas
Un cambio menor afecta ás cualificacións, que só comezarán a ser numéricas a partir do Bacharelato. Ata 4º de ESO, como xa sucedera en períodos anteriores, as notas serán Insuficiente, Suficiente, Ben, Notable e Sobresaliente.
Menos contidos obrigatorios, máis competencias
As cualificacións só comezarán a ser numéricas a partir do Bacharelato. Ata 4º de ESO as notas serán Insuficiente, Suficiente, Ben, Notable e Sobresaliente
No currículo da ESO os contidos pasan a estar moito menos detallados. Non quere dicir, necesariamente, que alumnado vaia aprender menos cousas, pero a esixencia estará máis centrada nas competencias adquiridas. No saber facer por riba do simple saber ou da memorización. Isto pode supor, ademais, que o profesorado terá máis autonomía para a o deseño do temario. Na introdución do decreto incídese, neste senso, na maior importancia da "comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, ou a competencia dixital".
Educación en valores
A esixencia estará máis centrada nas competencias adquiridas. No saber facer por riba do simple saber ou da memorización
Apóstase, ademais, por unha serie de liñas que deben estar presentes en todas as materias de xeito transversal: "o fomento do espírito crítico e científico, a educación emocional e en valores, a educación para a paz e a non violencia, a creatividade e a igualdade entre homes e mulleres, o mesmo que a educación para a saúde, incluída a afectivo-sexual".
Materias obrigatorias
Nos tres primeiros cursos da ESO serán obrigatorias Bioloxía e Xeoloxía e/ou Física e Química, Educación Física, Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Inglés, Matemáticas, Música e/ou Educación Plástica, Visual e Audiovisual. Ademais, cando menos nun dos cursos será obrigatoria a materia de Tecnoloxía e Dixitalización. En 4º de ESO serán obrigatorias Educación Física, Xeografía e Historia, Lingua castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Inglés e Matemáticas. Ademais, o alumnado deberá escoller tres materias optativas. Nalgún dos catro cursos será obrigatoria a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos
Ética e Filosofía
Non haberá materia de Ética ou Filosofía na ESO (suprimidas polos Gobernos do Partido Popular). A cambio, será obrigatoria nalgún dos cursos a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos. Si volverá haber Filosofía obrigatoria no Bacharelato
Na ESO non se recupera a materia de Ética ou Filosofía (suprimidas polos Gobernos do Partido Popular), un compromiso que adquirira o PSOE que fora reclamado pola totalidade dos partidos no Congreso. A cambio, será obrigatoria nalgún dos cursos a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos, algo que para o Ministerio fai as veces da materia de Ética, pero que é criticada dende os ámbitos que defenden o ensino da Filosofía. No Bacharelato a Filosofía si pasa a ser obrigatoria nos dous cursos (na actualidade era obrigatoria en 1º e só para algúns grupos en 2º). A materia de Relixión non conta para a nota media e non conta cunha materia espello que haxa que cursar de maneira obrigatoria.
Novas materias
Introdúcense novas materias, algunhas obrigatorias nalgún curso, como Tecnoloxía e Dixitalización, e outras sempre optativas, como Expresión Artística, Formación e Orientación Persoal e Profesional ou Economía e Emprendemento. O obxectivo da materia Economía e Emprendemento é "promover o espírito emprendedor" e "axudar a que o alumnado comprenda que o emprendedor debe abrirse camiño nun contexto global".
Número de horas para cada materia
Haberá novas materias: Tecnoloxía e Dixitalización, Expresión Artística, Formación e Orientación Persoal e Profesional ou Economía e Emprendemento
Lingua Castelá e Literatura é, con diferenza, a materia cun maior número de horas en cada curso (325 nos tres primeiros cursos e 115 no 4º de ESO). O Inglés suma 290 horas e as Matemáticas 260. Tecnoloxía e Dixitalización chega a 140, por riba do resto de unidades. En Galicia o ensino do galego pode acadar un máximo do 10% de todas as horas totais, sen poder restar máis do 30% de horas ás fixadas de forma xeral para cada materia.