O vindeiro sábado 19 de febreiro a Casa Quindós, en Vilela (Navia de Suarna) acolle as III Xornadas de Anpas Galegas no rural, baixo o lema de "A arte de aprender, de educar e de vivir no rural". Dende as 10 de mañá profesionais do ensino de distintos lugares de Galicia debaterán sobre a FP vinculada ao rural, a importancia do modelo CPI, de escola solidaria e tamén sobre a arte e o emprendemento realizando nestas contornas.
"Temos un modelo educativo deseñado para os colexios urbanos e para as zonas urbanas. Un neno por vivir no rural non ten por que carecer dos especialistas e recursos que teñen o resto dos nenos galegos. A xente que vivimos no rural non estamos en igualdade de condicións"
A xornada comezará cunha benvida a cargo de Fernando Lacaci (presidente de Anpas Galegas), Isabel Calvete (vicepresidenta) e do director Óliver Laxe, pois a Casa Quindós trátase dun espazo impulsado por Óliver Laxe para apoiar o desenvolvemento deste territorio, como explicaba neste vídeo de Vinte. Na xornada participará, entre outros, Xosé Luís Rivas 'Mini', que falará sobre escola solidaria, e pecharase coa proxección do documental "Galicia Futura".
Falamos con Isabel Calvete, vicepresidenta de Anpas Galegas, que vive no concello de Cervantes, a carón de Navia de Suarna, onde traballa como axente forestal. Calvete coñece á perfección o funcionamento da escola rural e das comunidades locais das que forman parte e preguntámoslle sobre os problemas que sofren estes centros, afectados nos últimos anos pola retirada de recursos, o peche de escolas e o despoboamento, pero que conservan moitas das virtudes e potencialidades, sendo ademais esenciais para a vida das localidades nas que se asentan.
Cales son os principais problemas sofre a escola rural?
O problema é que temos un modelo educativo deseñado para os colexios urbanos e para as zonas urbanas. Iso significa que só se temos un número suficiente de alumnos e alumnas temos medios suficientes para eles e elas, pero se baixan as ratios de alumnado baixa tamén o número de mestres e mestras. Por exemplo, no colexio das miñas fillas non temos suficientes nenos e nenas para ter un especialista de Infantil e, en consecuencia, os nenos de Infantil, que son catro, están concentrados nunha aula co alumnado de primeiro e segundo de Primaria.
Dende ANPAS galegas o que pretendemos sobre todo é poñer o foco nos dereitos dos nenos e nenas. Un neno por vivir no rural non ten por que carecer dos especialistas e recursos que teñen o resto dos nenos galegos. A xente que vivimos no rural non estamos en igualdade de condicións.
"Sempre se consideran os nenos e as nenas como números. Non podemos estar todos os anos pendentes de se perdemos profesorado e especialistas se hai un alumno ou alumna menos"
Nestas situacións trátase os nenos e nenas como se fosen simples números, sen facer unha valoración global de como está a funcionar un centro e o conxunto da súa comunidade educativa?
Si, ese é o problema, que sempre se consideran os nenos e as nenas como números. Ao final parece que non se trata de que os nenos estean ben atendidos e aprendan ben, senón de que sexan unha determinada cantidade. Temos que deixar de considerar os nenos e nenas como números: son nenos e nenas e son o futuro deste país, non hai máis. Cun modelo educativo adaptado ao territorio e á realidade, os problemas solucionaríase. Non podemos estar todos os anos pendentes de se perdemos profesorado e especialistas se hai un alumno ou alumna menos.
A pesar das dificultades, o ensino no rural é un ensino de calidade? Como se consegue?
"Estamos facendo cousas moi bonitas, con moitas ganas e moito esforzo. Tanto o profesorado coma o movemento asociativo, que é moi potente no rural, están suplindo moitas carencias"
Todo o profesorado está a facer nos colexios rurais un esforzo tremendo. Penso nalgunha aula, na que son poucos alumnos, pero resulta que eses nenos están en tres cursos distintos. É dificilísimo levar a cabo esa programación, pero estes mestres e mestras conségueno.
Nas xornadas queremos tratar as problemáticas que sofre o ensino no rural dun xeito transversal. É dicir, non só falamos de educación, porque a vida no rural son moitas cousas, é unha rede e está todo relacionado, dende a cultura aos servizos.
Estamos facendo cousas moi bonitas, con moitas ganas e con moito esforzo. Tanto o profesorado, coma o movemento asociativo, que é moi potente no rural, están suplindo moitas carencias, produto da falta de recursos. E resulta moi importante manter esta dinámica tan potente: eventos, festas, encontros, actividades...
Un dos temas que se tratarán na xornada ten que ver coa FP. Non está adaptada ao rural?
"A FP é un ensino moi importante para o rural, porque daría a oportunidade de que a mocidade se formase sen desvincularse do territorio"
Na mesa participa profesorado de catro escolas de FP que, ademais, teñen ensinanzas relacionadas con temas forestais, agricultura e gandaría. Estamos vendo que non hai oferta formativa para o rural. Ti imaxina calquera rapaz ou rapaza que quere seguir vivindo na aldea, traballando no sector agrogandeiro ou na explotación do monte, pero que quere ter os seus estudos, a súa formación. Para cursar estes estudos, ten que marchar do rural e probablemente moi lonxe, totalmente desvinculado do territorio. Se ti os mandas fóra, é moi probable que non volvan e xa non creen aquí o seu futuro. Por iso é moi importante vincular estes estudos ao territorio. A FP é un ensino moi importante para o rural, porque daría a oportunidade de que a mocidade se formase sen desvincularse do territorio.
"Estes centros pequeniños, nos que están nenos dende os 3 anos ata os 16, funcionan coma se fose unha gran familia, sempre están pendentes os uns dos outros"
Tamén afondaredes no funcionamento dos Colexios Públicos Integrados (CPI). Por que defendedes este modelo?
Os CPI son un modelo educativo que consideramos moi interesante e que funciona moi ben. Pensamos que é un modelo que hai que potenciar nas zonas rurais. Son nenos e nenas que saen destes centros con 16 anos, e iso proporciona moita seguridade. Estes centros pequeniños, nos que están nenos dende os 3 anos ata os 16, funcionan coma se fose unha gran familia, sempre están pendentes os uns dos outros. Dende un punto de vista humano e social é un modelo moi interesante.
"Falaremos da necesidade de contarmos dun plan educativo específico para o rural, un modelo educativo adaptado ao territorio e que sexa ademais atractivo para a xente e que teña calidade"
Como debería ser o ensino no rural?
O ensino non pode estar de costas á realidade. Nun colexio dunha zona rural, penso por exemplo na miña zona, a Montaña de Lugo, non ten sentido que os nenos non saiban distinguir un corzo dun cervo, porque os ven todas as mañás; non ten sentido que non coñezan os cogomelos ou que non saiban distinguir unhas árbores de outras. E isto está pasando porque non está nas programacións.
Nas xornadas falaremos da necesidade de contarmos dun plan educativo específico para o rural, un modelo educativo adaptado ao territorio e que sexa ademais atractivo para a xente e que teña calidade. A calidade, sempre que haxa recursos, está garantida, porque é un luxo ter unha aula para 5 ou 6 nenos.
A escola, igual que outros servizos, é fundamental para que un concello rural teña vida e non perda poboación. Cómpre un maior esforzo das administracións garantindo o mantemento do ensino rural para evitar o despoboamento do rural?
Estes nenos e nenas teñen moitas vantaxes por estudar nun colexio deste tipo. Pero, ademais, estes colexios son un servizo que hai que manter, é vida para unha localidade. Se quitas un colexio, o mesmo que se quitas un centro de saúde, a vila perde vida. Pero non se trata de que estea aberto e nada máis. Ten que estar aberto de verdade, aberto á comunidade, e funcionando ben.
"Se queremos levantar o rural necesitamos compromisos firmes, non valen de nada as campañas baleiras que non teñan nada detrás"
Este país non se pode permitir de ningunha maneira que o rural se siga despoboando. Pero non tanto pola xente que vivimos no rural, senón por toda a poboación do país. É un problema de país, un problema de todos. Pensemos por exemplo cando hai unha gran vaga de incendios como as que xa tivemos. E iso pasa porque as aldeas quedan sen xente.
Para evitar o despoboamento ten que haber servizos, ten que haber facilidades, comezando pola conexión a Internet, que durante a pandemia se fixeron moi evidentes. Se queremos levantar o rural necesitamos compromisos firmes, non valen de nada as campañas baleiras que non teñan nada detrás. Ten que haber ideas e ten que haber vontade real para cambiar as políticas sobre o territorio neste país.