Algo máis do 92% da mocidade galega que no ano 2021 tiña entre 18 e 24 anos seguiu estudando tras rematar a ESO, xa sexa nunha formación regrada (Bacharelato ou FP) ou doutro tipo. Isto é o que mide o indicador de abandono escolar temperán, unha taxa que se tira da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que en Galicia viña marcando sucesivos mínimos históricos e que no 2021, o primeiro ano atinxido integramente pola pandemia da COVID, finalizou nun 8,1%.
Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Educación e polo Instituto Galego de Estatística, só dúas comunidades autónomas (Euskadi -4,8%- e Cantabria -6,4%-) presentan un valor menor nun indicador que segue presentando notables diferenzas de xénero. Entre as mulleres, as que non seguen estudando tras a Secundaria xa son apenas un 5%, mentres que isto acontece aínda entre algo máis de un de cada dez homes.
O abandono escolar temperán rematou 2021 en Galicia no 8,1% e acumula nove anos de descenso
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o abandono escolar temperán non é un indicador que responda a unha foto fixa dun único ano, senón que recolle o acontecido entre a mocidade en idade de rematar a ESO nos últimos seis anos. Deste xeito, a taxa de 2021 mide o estudantado que estaba en idade de saír da Secundaria entre 2013 e 2019 e continuou formándose, cando menos, ata o ano pasado.
Como xa acontecera en anos anteriores, desta volta a Xunta e diversos cargos do PP galego atribuíronse en exclusiva a evolución dun indicador que, en rigor, só retrata integramente os anos de Goberno de Feijóo dende 2018. O resto do anterior período de descenso continuado recolle o acontecido con estudantes que cursaran a ESO no treito final do Executivo do PP de Manuel Fraga, do Goberno de coalición de PSdeG e BNG e tamén do gabinete do propio PP de Feijóo.
Este indicador reflicte a porcentaxe de estudantado en idade de rematar a ESO nos últimos seis anos que continuou formándose e está influído por diversos factores, dende a flexibilidade para o paso de curso ata o apoio ao alumnado con dificultades e a inserción laboral da mocidade
Cómpre ter en conta, ademais, que na evolución deste indicador inflúen diversos factores, non todos ligados unicamente ao ensino en sentido estrito. Como vén sendo explicado dende que esta taxa se mide, o propio feito de que derive da Enquisa de Poboación Activa amosa ás claras que está relacionada tamén coa evolución do mercado laboral. Así, por exemplo, nos primeiros anos do século practicamente unha cuarta parte da mocidade galega non continuaba estudando tras a ESO. Era unha época, a da burbulla inmobiliaria, na que a inserción laboral de mozas e mozos sen máis formación resultaba máis doada que na actualidade.
No eido académico, pola súa banda, o abandono escolar depende tamén de múltiples elementos. Dende a flexibilidade ou rixidez á hora de promocionar -pasar de curso- ou obter o título da ESO ata os programas de apoio e reforzo para o alumnado con algunha dificultade. Neste sentido, a Consellería de Educación liga os bos resultados aos "programas de mellora impulsados dende o Goberno galego" e "ao feito de que Galicia sexa a primeira comunidade con máis alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios. A Consellería, non obstante, pon só o foco nos datos dende o ano 2009, o da primeira vitoria electoral do PP de Feijóo.
En termos comparativos, os datos de abandono escolar temperán de 2021 alargan a fenda neste indicador entre Galicia e o conxunto do Estado. Agora, a diferenza positiva para Galicia é de case cinco puntos aínda que o dato estatal tamén supoña un mínimo histórico. Resta coñecer o resultado a respecto da media europea -o dato da UE para 2021 aínda non está dispoñible-, se ben nos últimos anos Galicia tendeu a achegarse á media comunitaria.