A taxa de abandono escolar temperán é un dos datos que os sucesivos gobernos galegos amosan con máis fachenda. Fano porque descende ano tras ano e, nos poucos exercicios en que se incrementa, a suba adoita ser leve e o indicador permanece, en calquera caso, notablemente por baixo da media estatal. A última actualización deste indicador, tirado do traballo estatístico da Enquisa de Poboación Activa (EPA), chegou este xoves cuns datos que o Ministerio de Educación cualifica como "históricos" por seren os máis baixos da serie: 15,2% para Galicia e 19% para España.
Tanto para Galicia como para España os números indican unha mellora, o que serviu para que destacados cargos dos gobernos español e galego e mais do partido que os sustenta, o PP, presumisen abertamente del e mesmo insinuasen que é un efecto da criticadísima LOMCE, a lei educativa vixente. No entanto, como os seus predecesores, obvian que esta taxa é unha desas herdanzas recibidas, un indicador que non realiza unha foto fixa do momento presente, senón do pasado recente.
A taxa de abandono escolar mide a poboación de 18 a 24 anos que deixou de estudar tras rematar o ensino obrigatorio
Tal e como explican o Instituto Galego de Estatística, o INE e mais Eurostat, a taxa de abandono escolar temperán está ligada ao mercado laboral e mide algo moi concreto. É a porcentaxe da poboación de 18 a 24 anos que "non completou o nivel de educación de secundaria segunda etapa e non segue ningún tipo de información". Isto é, as persoas nesta franxa de idade que, como moito, remataron a ESO, e tras facelo non seguiron estudando, xa sexa a través da FP, do Bacharelato ou doutro tipo de formación regrada ou non regrada.
Así as cousas, o dato de 2016 non mide a poboación que deixou os estudos nese ano, senón a que tiñan idade de rematar a ESO -na contorna dos 16- entre hai dous e oito anos, é dicir, quen chegaron ao límite da escola obrigatoria entre 2008 e 2014. Deste xeito, dando por boa a tese de que a cor política do Goberno inflúe nestes resultados, o indicador máis recente do abandono escolar temperán sería un mérito, cando menos, compartido entre o Executivo de coalición PSdeG-BNG e o do PP, no caso galego, e entre os gabinetes de PSOE e PP, para o Goberno de España. Do mesmo xeito, estes datos aínda non reflicten, obviamente, os efectos positivos ou negativos que puidese ter a Lei Wert, cuxa implantación comezou en 2014.
O dato de 2016 reflicte a situación das persoas que chegaron á fin da ESO entre 2008 e 2014
Non obstante, fronte ás teses gobernamentais, son diversas as voces sindicais e educativas que poñen o foco nunha causa fundamental para comprender o retrato que trazan estas taxas: a crise económica. Os datos excepcionalmente baixos de 2015 e 2016 correspóndense coas persoas que chegaron á fin do ensino obrigatorio no peor da crise económica, anos nos que a inserción laboral das persoas con formación básica tornou en moito máis complicada que no período previo de bonanza económica, cando o abandono escolar temperán aumentou tanto en Galicia como en España, se ben o dato galego continuou notablemente por baixo do estatal.
A propia EPA reafirma a correlación entre os datos de deterioro do mercado laboral e o abandono educativo temperán nos últimos anos, mesmo no período para o que o IGE ofrece información, dende mediados de 2009. Hai media década as persoas menores de 30 anos que tiñan traballo en Galicia eran máis de 200.000 e na actualidade é, aproximadamente, a metade que no inicio da crise. Ao contrario do sinalado dende a Xunta, esta redución no é achacable unicamente a motivos demográficos, toda vez que a redución de poboación xuvenil con traballo foi o duplo de intensa que a mingua da poboación xuvenil en xeral. Ao principio desta serie case 70.000 mozas e mozos traballaban en Galicia tendo só rematada a ESO, isto é, encaixando no retrato do abandono escolar temperán. Actualmente son apenas 30.000.
Mentres o número de persoas mozas con traballo experimentaba esta notable redución o volume de poboación xuvenil inactiva -a que aínda non está incorporada ao mercado laboral, e polo tanto non figura como ocupada pero tampouco como parada- permaneceu moito máis estable e, dentro dela, mesmo se incrementou levemente. Isto sucedeu tanto nas persoas inactivas coa ESO rematada como entre as que chegaron ao Bacharelato, á FP ou os estudos superiores. Ademais, rexistrouse unha notable redución da poboación de entre 16 e 29 anos considerada inactiva que só acadou os estudos primarios.