Xa está no Parlamento a lei rápida coa que a Xunta emenda o seu erro e permite a familias que mercaron os libros de texto en metálico desgravalos na vindeira declaración da renda
A principios de mes Praza.gal revelou que a Xunta se dispuña a deixar fóra do desconto no Imposto sobre a Renda (IRPF) por mercar libros de texto ás familias que os mercasen con cartos en efectivo e non con tarxeta, transferencia bancaria, cheque ou outras vías semellantes. Ante o balbordo xerado pola información, o presidente Rueda recuou e atribuíu o acontecido a un "problema de comunicación" da medida, que el mesmo lanzara como un dos seus anuncios estrela no debate de política xeral de 2025. Ían buscar, prometeu, "unha solución".
Esa solución concretouse na redacción dunha lei de lectura única, un proceso previsto para normas urxentes e de redacción sinxela, neste caso encamiñada a tela en vigor antes de que en abril de 2026 comece a campaña da Renda 2025. O texto recibiu o visto e prace do Consello da Xunta o pasado luns e xa entrou no Parlamento, que aprobará en pleno a vindeira semana como unha reforma da lei de acompañamento dos orzamentos de 2026.
Este artefacto de enxeñaría legal de urxencia vén ser, a efectos prácticos, o quinto parche á situación creada pola propia Xunta despois de que, tras regresar o PP ao poder en 2009, decidise cancelar o sistema de libros de texto públicos. creado polo Goberno de PSdeG e BNG (2005-2009).
O artefacto legal vén ser o quinto parche á situación creada pola propia Xunta do PP tras eliminar en 2009 o sistema de libros de texto públicos implantado durante o Goberno de PSdeG e BNG
Como é sabido, na etapa de socialistas e nacionalistas na Xunta a Consellería de Educación implantou un sistema de libros de texto públicos para ensino público e concertado que, con diversos axustes, foi estendendo por todos os niveis educativos. En 2009 o Goberno de Alberto Núñez Feijóo cancelouno e substituíuno por un sistema de axudas parciais que alcumou como "gratuidade solidaria". En 2015 remudouno por un modelo mixto de préstamo dalgúns manuais -o "fondo solidario"- e de axudas económicas que chega ata a actualidade.
Mentres membros das comunidades educativas e tamén os grupos da actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, veñen reclamando reimplantar a "gratuidade", a Xunta deu en sumar ás axudas vixentes a desgravación agora corrixida de urxencia. As familias con ata 30.000 euros de renda anual por persoa poderá descontarse no IRPF o 15% do que gastase en libros de texto e material escolar o pasado ano ata un máximo de 105 euros por estudante.
Coa reforma urxente que quedará aprobada tamén entrarán "con carácter excepcional" no desconto do IRPF as familias que mercasen os libros en efectivo se cumpren o resto de requisitos -incluíndo a presentación de facturas-. Trátase, di a xustificación da lei, de "non prexudicar a quen realizaron o gasto en material escolar e libros de texto descoñecendo que non se ía admitir como medio válido para acreditar o mesmo" o pagamento con cartos.
No propio texto, así e todo, a Xunta xustifica que inicialmente excluíse os pagamentos en metálico porque así sucede con outros "beneficios fiscais" vixentes en Galicia, no Estado e noutras autonomías. É o caso, exemplifica, das axudas para eficiencia enerxética en vivendas, certos descontos no imposto de doazóns ou, no ámbito estatal, desgravacións por obras en edificios ou pola compra de coches eléctricos.
Malia ser unha lei de lectura única para aprobar de urxencia, emendar este erro supuxo para o Goberno galego ter que elaborar pola vía rápida unha ducia de informes de diferentes departamentos, como con calquera outra lei.