Nova desgravación en lugar de libros de texto públicos e bono de 50 euros para comprar peixe

Libros de texto nun colexio galego © IES de Mugardos

O presidente reorienta "á seguridade e á defensa" o centro de investigación de drons de Rozas e anuncia 24 novas residencias de maiores en vilas "da man do sector" 

O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzara en xornadas previas ao debate de política xeral que comezou este mércores no Parlamento algúns dos anuncios que lanzaría no hemiciclo. A construción de máis vivendas públicas tras anos de parálise ou retomar unha senda por todo o litoral galego como planificara hai dúas décadas e media o bipartito de PSdeG e BNG foron algunhas desas iniciativas coas que xa se contaba antes mesmo de iniciar o seu discurso. Pero Rueda tamén deixou para este mesmo mércores algúns outros anuncios que aínda están pendentes de concretar os seus detalles. 

Campaña contra os drons en Rozas © Mar de Lumes

En materia educativa, Rueda manterá a política iniciada por Feijóo de renunciar aos libros de texto públicos e gratuítos do anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG. Pero ademais das becas xa existentes agora implantará unha nova desgravación na declaración da renda do 15% do gasto en libros de texto ata un máximo de 105 euros por alumno para os fogares de entre 10.000 e 30.000 euros de renda anual per cápita.

Tamén creará un novo bono, na liña dos lanzados nos últimos anos, pensado para axudar ao sector pesqueiro. Segundo dixo Rueda, hai pouco máis dunha década consumíanse en España 27 quilos de peixe por persoa ao ano e agora a cifra sitúase en só 18 quilos ao ano. Para tentar reverter esa situación, a Xunta creará un bono de 50 euros a razón de 5 euros semanais de desconto en consumo de peixe durante 10 semanas, "acumulables" se nalgunha semana non se gastan. Suporá un gasto total para a Xunta de 2,5 millóns de euros dirixidos a 50.000 consumidores, ao tempo que o Goberno galego segue pedindo ao estatal que rebaixe do 10% ao 4% o IVE da pesca.

Barcos pesqueiros no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Reorientación militar do aeródromo de Rozas

En materia industrial, ademais de insistir nas bondades de Altri, Rueda anunciou unha "reorientación" do centro de investigación de drons do aeródromo de Rozas. Durante anos a Xunta asegurou que o complexo só ía investigar para usos civís, pero agora o presidente anuncia un investimento de 180 millóns de euros para unha nova iniciativa "reorientada á seguridade e á defensa".

E ante as advertencias da Valedora do Pobo de que as residencias de maiores son insuficientes mesmo coas que está a doar Amancio Ortega nas sete cidades, o presidente asegurou que "da man do sector" crearanse 24 novos centros con 1.800 prazas en concellos de menos de 50.000 habitantes.

O presidente Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Marcote, ao fondo, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Outro dos anuncios deste mércores foi a ampliación dos 5 aos 11 anos de idade da administración da vacina da gripe por vía intranasal e a posta en marcha dun proxecto piloto para facelo nos colexios.

Pedir ao Estado a transferencia dos permisos de traballo para persoas estranxeiras, crear centros de información á muller móbiles que se despracen polo territorio ou unha longamente prometida nova lei de administración local foron outros dos anuncios lanzados por Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.