A finais de 2014 a dirección de Radio Televisión Española confirmaba a cancelación de Entre todos. TVE deixaba así de emitir, apenas un ano despois de comezar a facelo, o programa baseado no andaluz Tiene arreglo (Canal Sur). Coa mesma presentadora, a canle pública estendera a todo o Estado o formato de recadacións "solidarias" de cartos para problemas sociais de diferentes familias, xeralmente ligadas a enfermidades, situacións de dependencia ou problemas económicos.
No peor da crise de hai unha década, RTVE lanzou e despois retirou un programa de recadacións solidarias no que profesionais dos servizos sociais vían "beneficencia televisada". Rueda inaugurou o aniversario da súa vitoria nun evento con ecos daquel espazo televisivo
En plena gran recesión e mentres o Goberno de España do PP de Mariano Rajoy aplicaba duros recortes para compensar a caída da recadación pública, profesionais dos servizos sociais criticaran aquel programa como un exercicio de "beneficencia televisada" que ilustraba un cambio de modelo. Dos dereitos sociais garantidos polas Administracións públicas pasábase a un espectáculo no que os máis vulnerables podían optar a certas axudas a cambio de expoñer as súas necesidades en público e agradecer ao vivo se lograban palialas, cuestionaban a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais ou o Consello Xeral do Traballo Social.

Máis dunha década despois, o pasado 15 de abril, o Goberno galego organizou un evento de balance e celebración do primeiro aniversario da investidura de Alfonso Rueda derivada da maioría absoluta lograda polo PP en febreiro de 2024. Alí, como é sabido, persoas receptoras de diferentes axudas sociais ou prestacións públicas da Xunta agradecéronas entre bágoas.
O debate de política xeral culminou a celebración política do primeiro ano de lexislatura, con Rueda a afondar na autoemenda nalgúns dos asuntos nos que máis fraquearon os gobernos de Feijóo que vicepresidiu
O acto, con arrecendo da mercadotecnia política estadounidense e ecos do devandito programa televisivo, contivo para BNG e PSdeG trazos de vasalaxe ou de modos do franquismo. O presidente deostou as críticas, considerándoas unha "falta de respecto" a "persoas que estaban alí voluntariamente".
Ese acto de balance foi a primeira peza dunha celebración política do primeiro aniversario da quinta absoluta do PP que culminou esta semana co debate de política xeral. A considerada como unha das citas máis relevantes do lexislativo galego -canda as investiduras e os debates de orzamentos- serviu, en boa medida, para que Rueda volvese poñer en escena a autoemenda que marcou os últimos doce meses nalgúns dos asuntos nos que máis fraquearon os executivos presididos por Alberto Núñez Feijóo, vicepresididos polo actual presidente.
Así, igual que o evento con testemuños de perceptores de axudas públicas pretendeu poñer o foco nunha aposta da Xunta polas políticas sociais, Rueda centrou o seu discurso central do debate nun aquel de alarde social. Quer prometendo 24 novas residencias da terceira idade, quer anunciando unha desgravación fiscal para mercar libros de texto, quer asegurando que o seu gabinete seguirá apostando pola vivenda pública tras década e media de seca practicamente total.
O presidente internouse dialecticamente nas liñas dos adversarios pola vía das promesas pero tamén pola das formas coa apelación dunha "Galicia en grande" que marcou os discursos do BNG nos últimos anos
Con eses matices sociais, combinados coa promesa de tentar obter novos traspasos de competencias do Estado unha vez lograda a xestión do litoral 17 anos despois das últimas transferencias -conseguidas polo Goberno de PSdeG e BNG en 2008-, os populares galegos procuran estreitar aínda máis o campo para os grupos da actual oposición. E, máis concretamente, arrebatar ao BNG algunhas das súas bandeiras máis efectivas nos últimos anos e nas eleccións de 2024, ao xeito do xiro social co que o Goberno de Feijóo tentara en 2015 frear dende a Xunta o impulso das mareas municipais tras arrebataren ao PP significativas alcaldías.
Neste contexto, Rueda internouse dialecticamente nas liñas dos adversarios pola vía do contido -as promesas sociais e de autogoberno- pero tamén pola das formas. Así, mentres el mesmo e a súa número dous, Paula Prado, reforzan o sinalamento ao BNG coma "os do non", resultou especialmente significativa a súa aberta asunción dun dos lemas máis empregados polo Bloque en xeral e por Ana Pontón en particular durante a pasada lexislatura e nas últimas eleccións: a promesa de construír unha "Galicia en grande", que o presidente complementa agora anexándolle o "Galicia calidade" que os gobernos de Manuel Fraga instauraron con éxito nos anos 90.

O partido do goberno centrou a súa ofensiva de aniversario no Bloque, reservando para o PSdeG ser albo de críticas e reclamacións dirixidas ao Goberno de España. Ao Grupo Socialista representouno por primeira vez no debate o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, consciente da dificultade de marcar perfil propio entre populares e nacionalistas, pero reivindicando a súa intención de "construír unha alternativa" á hexemonía do PP. Porque, afirmou Besteiro, a "política útil non é fácil, pero a política fácil case nunca é útil"