"Estaban alí voluntariamente", di Rueda do acto con beneficiarios de axudas sociais, que descoñece canto custou

Rueda con receptores de axudas sociais no acto "Estilo Galicia" de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente considera as críticas de BNG e PSdeG unha "falta de respecto" ás persoas que agradeceron entre bágoas á Xunta as axudas recibidas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este luns o acto de balance do último ano de goberno que celebrou o pasado martes na Cidade da Cultura con persoas beneficiarias de axudas sociais que agradeceron, mesmo entre bágoas, esas prestacións públicas. Rueda tamén dixo non saber canto custou o acto, cun rechamante despregue audiovisual e "un fabuloso petisco" para os invitados.

Rueda con receptores de axudas sociais no acto "Estilo Galicia" de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ante as críticas de BNG e PSdeG ao acto, que cualificaron como "franquista" ou "espectáculo de vasalaxe", o presidente asegurou que "as persoas que estaban alí estaban voluntariamente". Rueda mesmo considerou as críticas da oposición unha "falta de respecto a esas persoas polas cousas que se daban a entender".

"Non entendo moi ben que é o que lle molestou á oposición", di Rueda ante as críticas de BNG e PSdeG

O presidente defendeu que o acto fose realizado pola Xunta e non polo PPdeG porque era un "acto para balance do que fixo o goberno". "Non entendo moi ben que é o que lle molestou á oposición", dixo, para criticar tamén que nacionalistas e socialistas non acudisen ao acto. 

Rueda, recibido entre aplausos no acto de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda foi preguntado tamén por canto custou o acto, pero o presidente esquivou o asunto. Dixo non sabelo e asegurou que "se se pide, se facilitará" o dato. BNG e PSdeG xa o pediron vía parlamentaria, onde a resposta pode tardar varios meses en chegar e facelo de xeito ambiguo ou non detallado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.