O acto de Rueda con beneficiarios de axudas sociais indigna a BNG e PSdeG, que o ven vasalaxe franquista

Rueda con receptores de axudas sociais no acto "Estilo Galicia" de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Nacionalistas e socialistas reclaman saber canto custou o evento, "máis propio doutros tempos" e que "supera amplamente" o NODO

O acto de balance dun ano de goberno celebrado este martes pola Xunta na Cidade da Cultura, cun formato de programa televisivo de testemuñas ou talk show con persoas beneficiarias de axudas sociais, provocou a indignación da oposición. Tanto BNG como PSdeG van reclamar no Parlamento que o Goberno galego informe de canto custou un evento con despregue audiovisual, presentadora e bágoas agradecidas dalgún participante que cualifican como "franquista" ou "espectáculo de vasalaxe".

Vídeo divulgado polo BNG no que a formación equipara o acto de Rueda cun evento da ditadura amosado polo No-Do

Desde o BNG o seu viceportavoz Luis Bará cualificou o acto da Xunta como "escandaloso, propagandístico e partidista". "Nin sequera Fraga ou Feijóo se atreveron a tanto", di Bará, que considera que o evento "responde á peor tradición franquista" e mesmo "supera amplamente" o NODO.

Nesa liña, o BNG divulgou en redes sociais un vídeo con imaxes do acto co son e aspecto dos noticiarios franquistas do NODO que recollían o agradecemento da poboación á ditadura pola súa beneficencia. 

En similar liña se pronunciou tamén o portavoz da dirección do PSdeG, Julio Torrado, que cualificou o acto "máis propio doutros tempos" como "espectáculo de vasalaxe". "Foi un acto do PP, con cargos do PP, para falar das políticas do PP. A pregunta é moi clara: quen pagou ese acto? Canto custou? E por que se fixo pasar por institucional algo que era unha exaltación partidaria?”, cuestionou.

Luis Bará, do BNG, e Julio Torrado, do PSdeG CC-BY-SA BNG e PSdeG

O socialista considera inaceptable que ese tipo de eventos poidan estar sendo financiados con fondos públicos: "Se a Xunta paga actos de propaganda do PP, está deturpando a función institucional que debe representar. E se o pagou o PP, que o aclare, con facturas enriba da mesa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.